Funeral por todos os falecidos no tempo da pandemia

O xoves 18 de xuño ás 19 h na Catedral tivo lugar un solemne funeral polo eterno descanso de todos os falecidos durante o tempo da pandemia.

Na súa homilía, Mons. Alfonso Carrasco comezou saudando aos sacerdotes chegados de distintos puntos da Diocese, a autoridades civís, representantes dos corpos e forzas de seguridade e a todos os presentes. Dixo que poderiamos chorar aos defuntos cada un na súa casa, pero o que nos convocaba era unha fe e unha esperanza inmensas. Tamén sinalou que por un instante durante a pandemia puido pensarse que a morte era quen gobernaba o mundo, pero xa polo comezo da oración do nosopai decatámonos de que realmente non estamos gobernados pola morte. Seguiu o bispo de Lugo glosando o nosopai e ao final solicitou a salvación para os falecidos. Tamén pediu a bendición para aquelas persoas ás que debemos estar agradecidos e para os dirixentes que toman decisións que afectan a todos.

Solemne funeral polas vítimas da pandemia en Galicia

O vindeiro sábado día 13 de xuño un solemne funeral polo eterno descanso das vítimas en Galicia da pandemia do coronavirus. A cerimonia terá lugar a partir das 12:00 horas na igrexa de San Francisco. Presidirá o arcebispo compostelán, Mons. Julián Barrio e concelebrarán todos os bispos das dioceses galegas. Ao acto asistirán familiares dos falecidos como consecuencia da Covid 19 e distintas autoridades civís, encabezadas polo presidente da Xunta de Galicia, Alberto Núñez Feijóo. O templo terá, de acordo cos protocolos establecidos, un aforo limitado para garantir o cumprimento das medidas de separación entre persoas. Televisión de Galicia ten previsto retransmitir a cerimonia relixiosa.

Funeral polos defuntos da Diocese falecidos durante a corentena imposta pola covid-19

A iniciativa do Bispo de Lugo, Mons. Alfonso Carrasco Rouco, o vindeiro 18 de xuño, ás 19 h, a Catedral de Lugo acollerá unha Misa Funeral polo eterno descanso dos falecidos durante a corentena imposta pola covid-19.

“Un funeral é unha celebración na que facemos verdade que a morte foi situada por Xesucristo no seu lugar e que, por tanto, non ten a última palabra sobre a persoa”, asegurou Mons. Carrasco. Con esta conciencia, a Diocese de Lugo acolleu a invitación do prelado e anima a todos os seus membros a participar nesta solemne celebración, presencialmente ou desde as súas casas ou parroquias.

«Teño que ir a un funeral»

Do tema funerario sabemos moito os curas, pero non só os curas. En Galicia consérvase o bo costume de «estar» á beira de quen perdeu un ser querido. Por iso os funerais celébranse case sempre coa asistencia masiva de veciños e amigos. Tamén se dá a coñecer a noticia do falecemento de alguén por todos os medios: necrolóxicas murais nos lugares habituais da localidade, as que se publican en prensa ou radio e, ultimamente, tamén nas redes sociais e por correo electrónico.

Os curas temos que estar sempre dispoñibles para cando xorde un funeral e facelo o día e á hora que a familia considera mellor. Non importa que haxa outra cousa na axenda. Todo queda en función da vontade da familia. Por suposto que ninguén quere unha Misa de funeral antes das doce da mañá nin despois das cinco ou sete da tarde, dependendo de se estamos no verán ou inverno. O mesmo sucede cos aniversarios. E o rosario ou Misa de velorio tampouco ninguén os quere antes das oito da tarde para que poidan vir os que traballan até esa hora.

Podería contar aquí unha ducia de anécdotas relacionadas coa data e hora de funerais de enterro e aniversarios polas que non saberiamos se rir ou chorar, a pesar do delicado do asunto.

Con esta descrición das cousas que acabo de facer pode concluírse doadamente que o defunto é o que menos nos importa nun funeral. E isto xa sería o colmo dos colmos. Pero nesas estamos. Xa sei que o defunto pertence a unha familia e que nestes casos todo vai unido. Pero tamén é certo que todo o que se fai é en función da familia e dos amigos da familia: «para que poidan vir».

Entón, que pasa co defunto?, que beneficios teñen para el os pésames en forma de abrazo, firma ou tarxeta (agora tamén por correo electrónico) que se lle dan á familia? Por certo, o momento da paz e da comuñón da Misa non é para dar o pésame á familia, que tamén hai moito disto: persoas que non van nunca a Misa e ese día van e, ademais, comulgan, asegurándose así de que os viron os da familia.

Insisto, teñamos coidado de non esquecer o defunto cando imos a un funeral. Unha cousa é o acompañamento á familia, que o temos claro, e outra cousa é o que podemos e debemos facer por unha persoa cando rematan os seus días neste mundo.

Se somos cristiáns e imos á celebración dun funeral cristián, a primeira cousa que temos que facer é pedirlle a Deus que sexa misericordioso co defunto por quen estamos alí e que lle conceda a vida eterna. E a segunda é a de facer memoria do defunto ante Xesucristo. Isto faise participando como se debe na Eucaristía, estando con actitude de oración e cun silencio respectuoso tanto no interior da igrexa como na procesión cara ao cemiterio e no momento da inhumación.

O do silencio respectuoso serve tamén para os non cristiáns e para os funerais civís. É que, ademais, sabemos como facelo. O mesmo silencio e respecto que hai cando se trata da morte dun mozo tamén debe habelo cando é unha persoa maior.

Cando vaiamos a un funeral non vaiamos só por quedar ben coa familia, vaiamos tamén polo defunto que necesita das nosas oracións. Se o facemos así, todo será moi distinto.

Miguel Ángel Álvarez Pérez

Párroco da Fonsagrada

[Original en castellano]

A %d blogueros les gusta esto: