As contas da Igrexa e outras cousas

Onte celebrouse o Día da Igrexa Diocesana. É esta unha xornada na que se nos lembra a nosa pertenza a unha Diocese.

Todos, especialmente no mundo rural e sexamos máis ou menos practicantes, temos claro o sentido de pertenza á nosa parroquia, á que sentimos como algo propio. Non pasa así co sentimento de pertenza a unha Diocese, xa que é algo que nos adoita quedar máis lonxe e polo que tamén perdemos o sentido de fraternidade cos fieis das parroquias máis afastadas á nosa.

É xa tradicional que por este día se fagan públicas as contas das dioceses (pódenas ver na revista que se distribuíu en todas as igrexas). Adoita ser algo polo que todo o mundo ten moita curiosidade, mesmo para os que din non ser membros da Igrexa, coma se fose algo misterioso do que non se pode saber nada.

Con todo, no día a día non é algo que demanden aqueles que senten á parroquia ou á Diocese como algo propio. Os que acoden habitualmente á igrexa, para vivir e celebrar a fe en Xesucristo resucitado, coñecen con detalle as necesidades materiais das parroquias e de onde veñen os seus ingresos, e colabora cada un en función das súas posibilidades. En calquera caso, para quen non o saiba, os ingresos das dioceses e das parroquias veñen na súa maioría da achega dos fieis: ben por donativos directos, ben pola asignación voluntaria a través da declaración do IRPF.

Quen analice un pouco as contas da nosa Diocese pode pensar que os números son demasiado grandes. Pero tamén para isto necesitamos asomarnos e achegarnos á realidade diocesana, para ver todo o que hai, a pesar de estar nunha época de decadencia. Se cadra non é tanto se nos decatamos de que hai que atender 1139 parroquias (ademais doutros lugares de culto) coa correspondente conservación dos seus templos e instalacións; tamén hai que pensar no sustento dos 200 sacerdotes, así como da nómina das persoas que traballan na Diocese, dedicadas a tarefas administrativas e pastorais.

Pero a parte económica, a pesar de ser a máis rechamante como dicía máis arriba, non é a máis importante. É verdade que os recursos económicos facilitan as tarefas, pero non son o esencial.

Todos sabemos perfectamente que hai cousas que non se compran con diñeiro. Na miña vida de sacerdote recoñezo que moitas veces dubido acerca de se todo o que fago servirá de algo, porque vexo como moitas veces todo queda reducido a un «evento social» ao que me chamaron por unha tradición.

Pero outras veces, hai pequenos milagres que compensan con fartura o negativo, como cando chega alguén ao despacho e diche «veño falar un intre» e alí solta todo o que hai que soltar. Ou cando che envían unha mensaxe para comunicarche unha boa noticia e dicirche que «cantas cousas me saen ben co meu cambio de vida ao Señor». Ou o peregrino que pide confesarse porque «trae a mochila cargada con pedras moi pesadas», e que che di que agora xa se vai moito máis lixeiro. Ou o fregués que che agradece as palabras da homilía no funeral do seu pai porque lle deron moita paz.

Isto e moito máis é a vida da Parroquia e da Diocese, non en balde, aquí todos poden atoparse co mellor: Xesucristo.

Miguel Ángel Álvarez Pérez

Párroco da Fonsagrada

[Original en castellano]

[Conversa co Sr. Bispo sobre a Igrexa Diocesana]

Non estamos sós

 

Copia de Día Igrexa Diocesana 2014 Axuda á túa parroquia 6

Dise que a soidade é boa cando hai a quen contarllo. Celebrar o Día da Igrexa Diocesana é saber que o Camiño da Fe non o facemos sós.

Quizais os que vivimos na cidade ou pobos grandes témolo máis doado, porque ao participar habitualmente en asembleas dominicais máis numerosas non sentimos a soidade que poidan experimentar os membros dunha pequena parroquia de aldea.
Vivir nun estado de soidade case permanente é malo. Somos seres sociais e, desde sempre a fe celebrouse e viviu en comunidade. O mesmo Xesucristo di que “onde dous ou tres están reunidos no meu nome, alí estou eu no medio deles” (Mt 18, 20); non envía aos apóstolos sós, senón de dous en dous; e unha vez resucitado, faise presente cando o grupo dos apóstolos está reunido.
Ser cristiáns por libre é prácticamente imposible, e, en calquera caso, ese non era o plan de Xesús.
O Día da Igrexa Diocesana é un día para a oración polos nosos irmáns na fe aos que non vemos habitualmente, ou quizais nunca. A familia dos bautizados en Cristo non se limita ao grupo, máis ou menos numeroso, que nos xuntamos os domingos nunha parroquia determinada. Por iso debemos rezar os uns polos outros. É de bos irmáns facelo.
Como en toda familia, sobre todo se é numerosa, non todos os seus membros están nas mesmas condicións. Do mesmo xeito, na Diocese de Lugo non todas as parroquias gozan dos mesmos beneficios.
Por iso hoxe debemos compartir coas outras parroquias a nosa achega económica. Coa colecta deste día poderemos contribuír a que outros irmáns teñan unha “casa” máis digna para as reunións dominicais.
Sentido de familia, oración, colaboración económica son os grandes alicerces deste día. A nosa riqueza é ser, e somos afortunados cando podemos ser e camiñar á beira doutros. Saber que vaias onde vaias podes atopar unha comunidade que che acolla para celebrar a Eucaristía dominical non ten prezo.

Miguel Ángel Álvarez

A %d blogueros les gusta esto: