Centenario do templo parroquial de Lalín

Co lema «Cen anos no corazón», Lalín celebrará o centenario do seu templo parroquial.

Ás 12 da mañá do próximo martes 19 de marzo, o Bispo presidirá na igrexa parroquial de Lalín a Misa Solemne de acción de grazas a Deus polos cen anos de historia deste templo.

Como conta o historiador Antonio Vidal Neira, en maio de 1903 iniciouse a construción da nova igrexa de Lalín rematándose 16 anos despois. Rematadas as obras, a falta da torre, inaugurouse e bendiciuse o 19 de marzo de 1919. O bispo de Lugo don Manuel Basulto, presidiu a Misa Pontifical acompañado polo párroco don José María López Castro, os arciprestes de Deza, Camba e Dozón, don Buenaventura Cañizares, cóengo e antigo cura de Lalin, don Teolindo Gallego e don Gregorio Saavedra Ascariz, párroco de Bendoiro, encargado do sermón.

A parroquia de Lalín foi creada, de acordo ao arranxo parroquial decretado por Frei Gregorio María Aguirre no ano 1890, quedando suprimidas San Martín de Lalín de Arriba e San Cristóbal da Pena.

«Cen anos no corazón». Lema e logotipo

O lema escollido tráenos á memoria a necesidade da que falaba o papa Benedicto XVI: «cando un se detén en silencio, precisa sentir non só o palpitar do seu propio corazón, senón, de maneira máis fonda, o latexar dunha presenza confiable, que se pode percibir cos sentidos da fe e que, con todo, é moito máis real: a presenza de Cristo, corazón do mundo».

«Cen anos no corazón» é o tempo que esta igrexa leva no centro de Lalín, un pobo considerado por moitos como «o corazón de Galicia». Ademáis fai presente que neste ano se conmemora o centenario da Consagración de España ao Sagrado Corazón de Xesús, copatrono desta Parroquia. A pretensión da mesma é ser a vida que xorde do Corazón de Xesús, a manifestación dun pobo que ten unha identidade concreta: «a dignidade e a liberdade dos fillos de Deus en cuxos corazóns habita o Espírito Santo como nun templo» (LG, 9).

Sendo conscientes de que «o corazón fala ao corazón», como dicía o lema do beato cardeal Newman, escolleuse como imaxe representativa o corazón. Dúas cores, a vermella e a dourada, representan unha o sangue dos mártires de tódolos tempos, semente de cristiáns, e a outra, á nosa Diocese de Lugo, que utiliza esta mesma tonalidade no seu propio logotipo. Os «raios de luz» que saen do corazón son imaxe dese mandado de Xesús aos seus discípulos: «vós sodes a luz do mundo. Non se pode ocultar unha cidade posta no alto dun monte. Tampouco se acende unha lámpada para metela debaixo da artesa, senón para poñela no candeeiro e que alume a todos os da casa. Brille así a vosa luz ante os homes, para que vexan as vosas boas obras e dean gloria ao voso Pai que está nos ceos» (Mt 5, 14-16).

A %d blogueros les gusta esto: