“Non hai historias humanas insignificantes ou pequenas”

Con motivo da festividade de San Francisco de Sales, o 24 de xaneiro, facíase público a mensaxe do Papa Francisco para a Xornada das Comunicacións Sociais. ”Para que poidas contar e gravar na memoria (Ex 10,2). A vida faise historia”, reza a lema. Agora a mediados de maio parece providencial o que nos conta o Papa neste texto: “No medio da confusión das voces e das mensaxes que nos rodean, necesitamos unha narración humana, que nos fale de nós e da beleza que temos”. E os profesionais da comunicación, no medio do horror desta pandemia, fano día a día. Servíronnos “unha narración que saiba mirar ao mundo e aos acontecementos con tenrura; que conte que somos parte dun tecido vivo; que revele o entretejido dos fíos cos que estamos unidos uns con outros”. E non era nada doado.

Esta pandemia puxo sobre a mesa a fraxilidade do ser humano. Éramos así, sómolo e o serémolo, pero ás veces esquecíasenos polo transcurso da vida sen demasiados altibaixos. Agora envolvidos en máscaras e embadurnados en xel desinfectante, co corazón roto polas perdas, as ausencias e as soidades, parece que nada poida volver ser igual.

As historias que toca contar viran ao redor do mesmo, o urxente da situación, que o abarrota todo e parece que non deixa espazo para nada máis. Pero no medio de todo isto tamén aprendemos a contar as cousas doutra forma, a fraternizar doutra maneira, a ver máis aló. E os profesionais da comunicación regaláronnolo. Foron os nosos ollos e oídos fóra do confinamento. Unha xanela ao mundo.

Nas crises, no malo, ás veces é cando máis se pon de manifesto o mellor que temos. Cada un fixo, fai, o que pode. Moitos por riba do que mesmo podería ser esixible. Bravo e grazas! Pero hoxe quero agradecer o seu labor aos que nolo estiveron contando. Sei que non foi doado, nin sinxelo e, ás veces, nada gratificante. Tivestes que contar historias que tamén son a vosa propia historia. O medo, a incerteza, a soidade… é algo que nos tocou vivir a todos por igual.

Realizades un servizo que é esencial para unha sociedade que ama a liberdade e a verdade. O meu respecto, agradecemento e admiración para todos vós.

Recollo, para finalizar, un parágrafo da mensaxe do Papa Francisco: “A historia de Cristo non é patrimonio do pasado, é a nosa historia, sempre actual. Móstranos que a Deus lle importa tanto o home, a nosa carne, a nosa historia, até o punto de facerse home, carne e historia. Tamén nos di que non hai historias humanas insignificantes ou pequenas. Despois de que Deus fíxose historia, toda historia humana é, dalgunha maneira, historia divina. Na historia de cada home, o Pai volve ver a historia do seu Fillo que baixou á terra. Toda historia humana ten unha dignidade que non pode suprimirse. Por tanto, a humanidade merécese relatos que estean á súa altura, a esa altura vertixinosa e fascinante á que elevou Xesús”.

María José Campo López-Barcia

Sexto continente

Fai uns poucos anos emerxeu das augas un novo continente. Se cadra non coñecían esta noticia e pensan que estou un pouco tolo ou de guasa.

O papa Benedicto XVI designou desta forma a todo o que ten que ver co tema dos medios de comunicación, internet, redes sociais etc. En realidade, estamos ante un continente novo, o “Continente Dixital”, ou “Sexto Continente”, que tamén necesita ser evanxelizado.

Neste Sexto Continente podemos atopar de todo, bo e malo. Pero tamén pode ser unha boa plataforma que nos achegue a Xesucristo e aos irmáns. Dicíao o mesmo Papa Benedicto na audiencia do 8 de maio de 2005: “Todo depende do modo no que veñen usados. Estes importantes instrumentos da comunicación poden favorecer o coñecemento recíproco e o diálogo ou tamén, pola contra, alimentar o prexuízo e o desprezo entre os individuos e os pobos; poden contribuír a difundir a paz ou a fomentar a violencia”. Malia o negativo dos medios de comunicación, eu sigo crendo que nos ofrecen moitas oportunidades, quizais máis aínda aos que teñen que vivir en lugares afastados das cidades ou vilas. Grazas a eles hoxe todos podemos escoitar unha conferencia sobre teoloxía, unha meditación espiritual, ler as mensaxes do Papa ou os bispos, ademais de poder escoitar (e ver) a misa dominical ou diaria.

A Misa na radio e a televisión

Un exemplo claro da importancia dos medios de comunicación na vida da fe, témolo na posibilidade de “asistir” a Misa a través destes medios, cando estamos doentes ou non a hai na nosa parroquia ou nunha parroquia próxima.

Agora existen moitas posibilidades e horarios, tamén para a misa diaria tanto na radio como na televisión, sen contar as canles de TV que existen en internet. No cadro que encabeza esta entrada veñen todas as opcións na Diocese de Lugo.

Miguel Ángel Álvarez

Cura da Fonsagrada

(Tomado de Falando Baixiño, nº 152)

Evanxelizar, comunicar a Boa Noticia

2016_cartel_foto_MCS

Este domingo celebramos a solemnidade da Ascensión e a Xornada Mundial das Comunicacións Sociais. Xesucristo ascende ao ceo e encárganos que difundamos polo mundo enteiro a boa noticia do amor misericordioso de Deus, que resucitou ao seu Fillo para salvarnos.

A evanxelización e a Igrexa sempre estiveron moi unidas aos medios de comunicación. A palabra “evanxeo” significa “boa noticia”. Nas páxinas da Sagrada Escritura atopamos multitude de “momentos xornalísticos” nos que se transmiten noticias de moita importancia para que a humanidade non perda a esperanza dun mundo mellor e de alcanzar a Xerusalén celestial.

Grazas á comunicación podemos atoparnos coa misericordia de Deus e todo o que isto implica. Estamos chamados a ser testemuñas do amor entrañable de Xesucristo á humanidade, pola que padeceu a morte na cruz. Pero coa súa resurrección resucitamos todos.

Ninguén nos amou tanto, ninguén fixo tanto por nós, ninguén nos mirou así, con infinita misericordia. Unha noticia así ten que ser coñecida.

Para coñecer máis e mellor o Evanxeo de Xesucristo e a vida da Igrexa utilicemos os medios de comunicación (os clásicos e os modernos: redes sociais, internet…). Tamén me atrevo a suxerirlles que contrasten ben as noticias, pois ás veces cóanse informacións falsas ou manipuladas. Na actualidade temos recursos suficientes para coñecer todo dunha forma inmediata e acceder directamente ás fontes. As palabras e escritos do Papa, por exemplo, están dispoñibles na web do Vaticano, polo que non necesitamos intermediarios que nos “traduzan” o que o Papa quere dicir.

Estou convencido do poder e a eficacia dos medios de comunicación. Agora todos temos acceso a eles, non só para recibir noticias senón tamén para dalas e para compartir a nosa fe. Este é, por exemplo, o obxectivo de Parroquia-e, a folla parroquial de San Froilán que agora fai 2 anos empezou, vía correo electrónico, a dar a coñecer a vida parroquial e diocesana para facer máis unidos o camiño da fe.

As redes sociais axudan a atoparnos con persoas das que non se sabía nada había tempo, pero tamén serven para recibir en pequenas doses sementes de Evanxeo para un encontro fecundo coa misericordia de Deus.

Miguel Ángel Álvarez

Canto ben se podería facer cos medios de comunicación!

 Gústanme os medios de comunicación. Sigo as noticias da Igrexa e do mundo a través das redes sociais e dalgúns dixitais que considero de confianza. Sei que para para ter unha idea o máis obxectiva posible dun feito hai que analizalo desde dous ou tres puntos de vista diferentes e despois sacar a media.
Aprendín a non emocionarme e a non emitir xuízos ante titulares espectaculares, rechamantes ou escandalosos, pois ao final as cousas nunca son como parecen nunha primeira edición da noticia.
Todo isto, porque o outro día lía con estupor o seguinte titular: “Piden non difundir noticias falsas sobre igrexas destruídas e asasinatos de cristiáns en Oriente Medio”. No interior da noticia poñíanse varios exemplos de noticias falsas sobre persecucións a cristiáns nesta parte de mundo.
Quedei cunha sensación estraña e sen entender nada. Que interese pode haber en difundir unhas noticias falsas como estas?
Canto ben se podería facer cos medios de comunicación utilizados para unirnos, coñecernos, axudarnos e estar preto dos que temos lonxe!

Miguel Ángel Álvarez Pérez

A %d blogueros les gusta esto: