Misioneiros

isabel-sola

Este domingo celebrou a Igrexa no mundo a popular e entrañable Xornada do Domund, celebración especial para espertar a nosa conciencia misioneira. Pero tamén para fomentar a memoria agradecida e solidaria con tantos miles de misioneiras e misioneiros (trece mil españois repartidos polo mundo entre segrares, relixiosos, persoas de vida consagrada e sacerdotes) que, sentindo a chamada de Cristo, son enviados pola Igrexa a aqueles recunchos do mundo onde máis se lles necesita.

Eles, superando as tentacións das sociedades do benestar, póñense en camiño, lixeiros de equipaxe, arriscando a súa propia vida e comprometendo toda a súa existencia. Tiven a sorte de poder compartir unha tempada cun dos misioneiros da nosa Diocese nun dos barrios máis empobrecidos da Capital, na República Dominicana. Alí puiden experimentar o traballo impresionante que realizan e a súa gran contribución ao desenvolvemento espiritual e integral das persoas e comunidades. Cando nos despedimos, con bágoas nos ollos, dicíame que quería quedar para sempre con aqueles polos que entregou a súa mocidade. E engadiu: polos meus restos mortais non vos preocupedes, quedarán na terra a onde me trouxo Deus.

Eles son así. Sábense enviados para unha misión. E alí, encárnanse, métense na pel dos que sofren e coa axuda de Deus transforman a realidade que lles envolve, anuncianl a Boa Nova da salvación en Cristo, viven e celebran a fe con alegría e invitan a quererse e a construír un mundo máis xusto.

Tamén puiden palpar a dolorosa realidade do pobo haitiano. Rememoro con dor e con desexos de perdón cara aos seus sicarios, a triste noticia da moza relixiosa misioneira catalá, Isabel Solá, asasinada recentemente en Puerto Príncipe. No ano 2011 relataba que deixara con pena o seu compromiso misioneiro en África:

“Cando voei cara a Haití fai tres anos, recordo a desolación que sentín polo que deixaba en África, a vertixe do salto que me tocaba dar cara ao descoñecido e á vez recordo tamén a liberdade que me daba a decisión de deixalo todo unha vez máis por axudar a construír ese Reino que sempre crin que Deus ten pensado para nós. O que non me podía nin imaxinar cando voaba cara a Haití era todo o que me agardaba neste pequeno e sufrido país. E esas son as sorpresas e leccións que Deus nos ten preparadas”.

Isa, como a chamaban cariñosamente, non se imaxinaba o seu final. A crueldade destruíu a vida dalguén que amou aos pobres ao estilo do Deus da misericordia e que impulsara con gran agarimo unha clínica de próteses ortopédicas para a xente que sufriu amputacións debido ao terremoto do 2010. Quédanos a esperanza de que o ben sempre triunfa sobre o mal e Deus fará xustiza aos seus. A súa morte é semente de novos misioneiros.

J. Mario Vázquez Carballo. Vicario Xeral

14.000 misioneiros españois

Os misioneiros da Igrexa católica española, unos 14.000, están presentes en 130 países (e as embaixadas de España non chegan a 100) de todos os continentes: en América o 70,8%, África 13,8%, Europa 8,9%, Asia 6,2% e , Oceanía 0, 2%. En países onde os cristiáns son perseguidos hai 237 misioneiros. A maioría deles, un 54,2%, son mulleres como vén sendo normal en todas as accións de defensa da vida e da solidariedade. Os misioneiros laicos son xa o 7,16%, algún tamén da nosa Diocese.

Estes 14.000 misioneiros son un anticipo profético do que debe ser o Reino de Deus: unha humanidade reconciliada, fraterna e en paz. Dito doutra maneira poñen de manifesto ante a nosa sociedade que a utopía dunha humanidade en harmonía, sen fronteiras nin opresións, é posible. Non só é posible senón que hai signos visibles de que xa empeza a ser realidade para todos aqueles que non pechan os ollos ao que acontece e expresa este dato.

Indo máis aló do ámbito cristián analizamos dúas realidades nas que se podería acoller mellor a súa aportación:

Universidades

En España as universidades deberían recoñecer que a presenza dos misioneiros é unha riqueza cultural e científica de primeira orde. Non teño explicación ao feito de que non aproveiten cultural e cientificamente esta riqueza. Como é posible que facultades como as de Economía, Políticas, Socioloxía, Antropoloxía, Periodismo, Traballo Social… non inviten aos misioneiros/as a ter diálogos cos seus alumnos para que teñan información de primeira man sobre eses países en cuestións de economía, cultura, organización política, plans de estudo, globalización, interdependencia, etc Calquera que teña un mínimo coñecemento e trato cos misioneiros sabe que son grandes expertos sobre a vida real neses países, ademais de ter importante e diversa formación académica universitaria.

Cando trouxeron aos misioneiros-médicos, Manuel García Viejo e Miguel Pajares enfermos de ébola, foron unha axuda para os médicos, polo coñecemento dos protocolos sanitarios e a información precisa da sintomatoloxía da enfermidade. Para o estudo das enfermidades tropicais son expertos de primeira orde os misioneiros-médicos.

País de inmigración

Hai uns 30 anos que España empezou a ser claro país receptor de inmigrantes, e hoxe xa son algo máis do 10% da poboación. Todos os informes afirman que seguirán vindo inmigrantes.

Se queremos, integrar aos inmigrantes na sociedade española (tamén na escola) teriamos que consultar moito máis aos misioneiros se tiveramos algo de sentido común, pois son expertos na súa cultura e tradicións. Ademais, o custe non sería elevado pola súa dinámica de gratuidade e de vivir co elemental.

Canto coñecemento e saber se está desperdiciando! Que pouca preocupación por facer unha sociedade e un mundo máis xusto! Onde queda a preocupación por coñecer o núcleo do humano que está debaixo das diversas culturas? Onde está a preocupación pola Solidariedade e a Xustiza? Sería bo ter a intelixencia e sentido común dun diplomático, amigo dun amigo, que, cando terminou a formación complementaria a súa oposición e foi nomeado para a embaixada en Angola, pediunos unha conversa cun misioneiro. Despois dunha longa conversa cun misioneiro vasco díxonos que aprendeu moitas cousas que non lle ensinaran nos cursos de diplomacia.

Antón Negro

Delegado Episcopal de Cáritas

Carta de Ana, misioneira en Bolivia

O sete para os cristiáns é un número importante, polo simbolismo que encerra. Para min hoxe é o número de anos que cumpro en misión e invítame a facer unha revisión persoal.

Que pasou comigo neste tempo?

Coñecín, e sigo coñecendo unha cultura complexa e marabillosa, unha cultura que non che grita as cousas á cara, pero vaiche ensinando a ler a vida, no silencio, nos xestos… unha cultura que entende a amizade dun xeito distinto, pero se un se deixa sorprender descobre unha nova dimensión desta, e axúdache a ver cunhas novas lentes as relacións humanas. Unha cultura que vive o presente, porque non sabe se hai mañá. Unha cultura que sofre, e festexa a vida.

Coñecín o significado de grandes palabras na miña vida, que cría coñecer, pero realmente non era así. O seu significado profundo, tocou a miña alma, e cambioume como persoa.

Cría saber o que era a liberdade. Os privados de liberdade ensináronme a descubrir o seu valor e significado máis profundo -que ás veces as peores ataduras, non son as reixas, ou o encerro- senón os golpes da vida, que marcan a túa existencia.

Ler máis

A %d blogueros les gusta esto: