Misioneiros

isabel-sola

Este domingo celebrou a Igrexa no mundo a popular e entrañable Xornada do Domund, celebración especial para espertar a nosa conciencia misioneira. Pero tamén para fomentar a memoria agradecida e solidaria con tantos miles de misioneiras e misioneiros (trece mil españois repartidos polo mundo entre segrares, relixiosos, persoas de vida consagrada e sacerdotes) que, sentindo a chamada de Cristo, son enviados pola Igrexa a aqueles recunchos do mundo onde máis se lles necesita.

Eles, superando as tentacións das sociedades do benestar, póñense en camiño, lixeiros de equipaxe, arriscando a súa propia vida e comprometendo toda a súa existencia. Tiven a sorte de poder compartir unha tempada cun dos misioneiros da nosa Diocese nun dos barrios máis empobrecidos da Capital, na República Dominicana. Alí puiden experimentar o traballo impresionante que realizan e a súa gran contribución ao desenvolvemento espiritual e integral das persoas e comunidades. Cando nos despedimos, con bágoas nos ollos, dicíame que quería quedar para sempre con aqueles polos que entregou a súa mocidade. E engadiu: polos meus restos mortais non vos preocupedes, quedarán na terra a onde me trouxo Deus.

Eles son así. Sábense enviados para unha misión. E alí, encárnanse, métense na pel dos que sofren e coa axuda de Deus transforman a realidade que lles envolve, anuncianl a Boa Nova da salvación en Cristo, viven e celebran a fe con alegría e invitan a quererse e a construír un mundo máis xusto.

Tamén puiden palpar a dolorosa realidade do pobo haitiano. Rememoro con dor e con desexos de perdón cara aos seus sicarios, a triste noticia da moza relixiosa misioneira catalá, Isabel Solá, asasinada recentemente en Puerto Príncipe. No ano 2011 relataba que deixara con pena o seu compromiso misioneiro en África:

“Cando voei cara a Haití fai tres anos, recordo a desolación que sentín polo que deixaba en África, a vertixe do salto que me tocaba dar cara ao descoñecido e á vez recordo tamén a liberdade que me daba a decisión de deixalo todo unha vez máis por axudar a construír ese Reino que sempre crin que Deus ten pensado para nós. O que non me podía nin imaxinar cando voaba cara a Haití era todo o que me agardaba neste pequeno e sufrido país. E esas son as sorpresas e leccións que Deus nos ten preparadas”.

Isa, como a chamaban cariñosamente, non se imaxinaba o seu final. A crueldade destruíu a vida dalguén que amou aos pobres ao estilo do Deus da misericordia e que impulsara con gran agarimo unha clínica de próteses ortopédicas para a xente que sufriu amputacións debido ao terremoto do 2010. Quédanos a esperanza de que o ben sempre triunfa sobre o mal e Deus fará xustiza aos seus. A súa morte é semente de novos misioneiros.

J. Mario Vázquez Carballo. Vicario Xeral

Deixa un comentario

A %d blogueros les gusta esto: