Os caprichos do outono

No outono os bosques desposúense das súas follas, pero as árbores mantéñense en pé.

O tempo pasa velozmente, pero deixa pegadas. As follas caídas son pegadas de que houbo unha primavera e un estío. As canas do noso cabelo advírtennos de que empeza o outono da nosa vida. As engurras das nosas fazulas son pegadas dunha mocidade que toca ao seu fin…

Cando os bosques perdena súa follaxe, é sinal de que o inverno está á porta…

Todas estas deterioracións das persoas e dos obxectos son pegadas de algo que pertence ao pasado. Con todo, as árbores mantéñense en pé agardando unha nova primavera. Co próximo clima primaveral, na árbore agromarán novas ponlas e novas follas. Estas brotarán das pegadas que deixaron as follas caídas nos outonos pasados.

Empeza unha nova etapa na vella fraga. E neste novo proceso da historia da árbore, móstranse como constantes vitais, o recoñecemento de que alguén arroxou unha semente na terra, da cal naceu a árbore que agora crece; a responsabilidade de que a súa misión é dar froito; e a necesidade dun clima propicio para que o proceso da nova planta chegue á súa plenitude.

O proceso da árbore no bosque é semelante ao desenvolvemento do home na historia da humanidade. A man do Creador arroxou o xerme da vida humana no seo da terra, e  xurdiu o home, coa consigna de crecer cuantitativa e cualitativamente; e o número de habitantes multiplicouse inconmensurablemente neste mundo no cal vivimos. A ciencia e a industria progresaron con tal intensidade, que o hábitat da nosa xeración non se parece en nada ao mundo que contemplaron os nosos avós. En ciencia e en arte, a nosa sociedade avantaxa abismalmente ao mundo de Adán e Eva: o noso pan é máis branco que o de entón, aínda que estea augado coa suor dos viñadores. Por todo isto podemos felicitarnos con sobrada razón, pero non podemos deixar de ruborizarnos polo nivel de convivencia en que se desenvolve a historia dos nosos días: sobran fronteiras xeográficas entre as nacións; son pobres as relacións sociais entre os veciños dun mesmo pobo, credo e cultura; falta vontade internacional para elevar o nivel social dos pobos do terceiro mundo.

Lamentablemente é unha triste realidade a denuncia que destas deficiencias acaba de facer o Papa Francisco na encíclica sobre a fraternidade e a amizade social. Volve estar de actualidade o vello aforismo “homo homini lupus”. Algúns sectores cristiáns esquecemos que a esencia do Evanxeo é o amor filial para con Deus e a fraternidade entre os homes. Hai que recoñecer que, en boa medida, o mundo está a deixar de ser cristián.

A culpa non é das estrelas do ceo nin dos peixes dos mares. O responsable é o home que esqueceu continuar a obra de Deus, facedor de todo ben e exemplo de toda perfección. Reflexionemos e sumémonos ao bo facer do Señor.

Indalecio Gómez Varela

Cóengo da Catedral

A %d blogueros les gusta esto: