Xornada Mundial dos Pobres

A Igrexa celebra o domingo 14 de novembro a V Xornada Mundial dos Pobres. Este ano o papa Francisco propón o tema, «Os pobres téndelos sempre entre vós»

Nesta Xornada convídase a facer unha parada no noso camiño para tomar conciencia de como nos resoa hoxe a mensaxe de Xesús, como está a responder a comunidade cristiá aos pobres.

Trátase dun mirar contemplativo e tenro ás persoas concretas que están preto de cada un de nós, persoas que sabemos que viven situacións de pobreza, de enfermidade, de soidade ou de rexeitamento. Trátase de contemplar de xeito activa para deixarnos tocar e ser capaces de escoitar o que hoxe a súa vida, os seus soños e desexos teñen que dicirnos. Os últimos da nosa sociedade teñen a súa propia voz e os seus propios anhelos, e este tempo sinodal convida a escoitar.

[Subsidio]

Xornada Mundial dos Pobres

A cuarta edición da Xornada Mundial dos Pobres é o domingo 15 de novembro para lembrar que os pobres están e estarán sempre connosco (cf. Xn 12,8) para axudar a acoller a compañía de Cristo na vida cotiá de cada católico consecuente. O lema deste ano está tomado do libro do Eclesiástico: “Estende a túa man ao pobre”. Facelo permite descubrir, en primeiro lugar, a quen o fai, que dentro de nós existe a capacidade de realizar xestos que dan sentido á vida.

[Mensaxe do Papa]

Xornada mundial dos pobres

Obxectivos da Xornada

– Redescubrir o valor de estar xunto ás persoas máis pobres e vulnerables das nosas comunidades, a través da oración comunitaria e o banquete da Eucaristía, como expresión da mesa compartida en familia.

– Promover que a comunidade cristiá sexa signo de esperanza para as persoas pobres, a través de xestos sinxelos e cotiáns nos que se vexan acompañados e acollidos como persoas con dereito ao seu propio lugar.

A comunidade cristiá ten a misión de anunciar a Boa Nova do Evanxeo de Xesús, encarnar a súa mensaxe e adherirse ao seu estilo de vida. Isto pasa por axudar, acompañar, protexer, defender e salvar aos máis pobres e débiles.

Todas as persoas que integran os distintos proxectos parroquiais, arciprestais e diocesanos, participarán de forma activa e conxunta na preparación e desenvolvemento da Eucaristía, dando un espazo explícito de participación ás persoas dos proxectos e/ou colectivos máis vulnerables da comunidade.

[Materiais]

II Xornada Mundial dos Pobres

No lema da Xornada, «Este pobre berrou e o Señor escoitouno» (salmo 34, 7), móstrase un modelo preciso da actitude ante pobres coa súa dignidade atropelada: abrir os nosos oídos ante o seu clamor, pornos ao seu servizo, converténdonos en instrumentos nas mans de Deus para que se recoñeza a súa presenza e a súa salvación. Neste encontro, non somos nós os protagonistas, senón que o son o Señor e os pobres, nun fermoso intercambio no que Deus utilízanos como canles para comunicar o seu amor aos pobres e estes convértense nos nosos evanxelizadores ao iluminarnos coa súa vida e chamarnos á conversión.

Coa Xornada Mundial dos Pobres non se trata de facer unha colecta máis en favor dos pobres. Tampouco é cuestión de facer algo «polos» pobres, senón «cos» pobres.

Os obxectivos da Xornada

– Redescubrir o valor de estar xunto ás persoas máis pobres e vulnerables das nosas comunidades, a través da oración comunitaria e a comida compartida do domingo, o banquete da Eucaristía, como expresión da mesa compartida en familia.

– Seguir o exemplo da primeira comunidade cristiá que perseveraba no ensinado por Xesús, na comuñón, na fracción do pan e nas oracións, aprendendo a vivir unidos e compartindo os bens.

[Materiais]

Pobreza herdada!!!

A algúns sorprendeulles o Informe FOESSA de Cáritas do 7 de abril de 2016 por afirmar que a pobreza se está herdando, xa que o 80 % de nenos pobres serano tamén de adultos, cousa polo demais totalmente lóxica, xa que a riqueza tamén se está herdando con “tódalas da lei”, e non se prevé que iso deixe de acontecer no futuro inmediato. Se a riqueza se herda con tódalas garantías do dereito, é de supoñer que aos pobres non lles queda outra alternativa que herdar tamén a pobreza, que xeralmente irá en aumento.

Que a riqueza se concentra nunha minoría, que cada vez ten máis parte da renda mundial, á vez que ós pobres lles toca cada vez menos desa renda, é algo constatado en moitos estudios económicos. A modo de exemplo no libro La secesión de los ricos de A. Ariño e J. Romero afírmase:

“O ingreso medio do 10 % máis rico da poboación mundial é aproximadamente nove veces o do 10 % máis pobre, mentres que era de sete veces fai vinte e cinco anos”. (p. 31)

“No 2013 os que posuían menos de 10.000 dólares eran o 68,4 % da poboación mundial e en 2015 son o 71 %, repartíndose un mesmo volume de riqueza: o 3 %. Idéntica porción da tarta para un maior número de persoas, posto que en datos absolutos pásase de 3.207 millóns a 3.386. Á súa vez, o 0,7 % máis rico en 2013 (32 millóns) posuía o 41 % da riqueza e en 2015 (34 millóns) dispón do 45,2 %”. (p. 54)

Neste contexto hai que entender que o Papa Francisco convoque aos católicos e á toda a humanidade á loita contra a pobreza. Con esta finalidade fixo un chamamento á “I XORNADA MUNDIAL DOS POBRES”, este pasado 19 de novembro. Para dar impulso á xornada publicou o 13 de xuño de 2017, Memoria de San Antonio de Padua, unha mensaxe. S. Antonio é un santo franciscano que combateu a usura e a explotación dos pobres e os franciscanos pronto puxeron en marcha institucións de crédito ao servizo dos pobres, os Montes de Piedade.

O Papa é consciente da realidade antes descrita ao afirmar: “Hoxe en día, desafortunadamente, mentres emerxe cada vez máis a riqueza descarada que se acumula nas mans duns poucos privilexiados, con frecuencia acompañada da ilegalidade e a explotación ofensiva da dignidade humana, escandaliza a propagación da pobreza en grandes sectores da sociedade enteira…” (nº 5)

Na súa mensaxe fai referencia ao exemplo dos apóstolos que elixen os diáconos para atender aos pobres, e a que ninguén pasaba necesidade entre os primeiros cristiáns (Feit. 6,3 e 2,45). Apela ao exemplo de Francisco de Asís de estar entre os pobres. Igualmente na mensaxe lembra que o Noso Pai é a oración dos pobres: “…O Pai Noso é unha oración que se di en plural: o pan que se pide é «noso», e isto implica comuñón, preocupación e responsabilidade común. Nesta oración todos recoñecemos a necesidade de superar calquera forma de egoísmo para entrar na alegría da mutua aceptación” (nº 8)

Na vida sociopolítica é frecuente atopar actuacións feitas en favor dos pobres pero sen contar con eles, por iso escribe Francisco: “Non pensemos só nos pobres coma os destinatarios dunha boa obra de voluntariado para facer unha vez á semana… deberían introducirnos a un verdadeiro encontro cos pobres e dar lugar a un compartir que se convirta nun estilo de vida…” (nº 3).

A loita cos pobres pola súa promoción para ser efectiva require escoitar o seu berro, comprometerse efectivamente con eles xerando un desenvolvemento real a fin de xerar un cambio histórico, como lembra o Pontífice.

O Papa Francisco quere que esta Xornada teña unha vinculación directa coas outras Xornadas Pontificias: “Quixera que, ás outras Xornadas Mundiais establecidas polos meus predecesores, que son xa unha tradición na vida das nosas comunidades, se engada esta, que aporta un elemento delicadamente evanxélico e que completa a todas no seu conxunto, é dicir, a predilección de Xesús polos pobres.” (nº 6).

Se os cristiáns non vivimos con máis seriedade a solidariedade cos pobres, a culpa non está no Maxisterio por non urxir a este compromiso, se non na nosa fraxilidade, comodidade ou egoísmo.

Antón Negro

Delegado Episcopal de Cáritas

A %d blogueros les gusta esto: