É importante ter un bo mapa mental da realidade

O amigo Ramiro Álvarez, psicólogo da nosa cidade, no seu libro “Pensándolo bien…”, fala, entre outras cousas, da importancia de ter un bo mapa mental que nos permita orientarnos correctamente na realidade, pois moitos dos problemas psicolóxicos e de convivencia que se teñen, veñen de que os esquemas mentais cos que vivimos non nos permiten movernos adecuadamente pola realidade.

Neste artigo vou citar dous textos para que cada quen se examine a si mesmo e vexa se ten unha adecuada percepción da realidade. Para iso imos tomar como exemplo un programa de RNE-1 “No es un día cualquiera” do 3 de marzo de 2013 (domingo) no que sobre as 11:52 (minuto 46 do programa despois do informativo das 11) recitaban os seguintes dous textos e preguntaban: “Cal é do periodista Salomón Redón e cal é do Papa Bieito XVI?”:

  1. A) “Hoxe, aprendendo tamén a lección que provén da crise económica actual, na que os poderes públicos do Estado se ven chamados directamente a corrixir erros e disfuncións, parece máis realista unha renovada valoración do seu papel e do seu poder, que han de ser seriamente reexaminados e revalorizados, e, neste sentido, é desexable que haxa unha maior atención e participación na res publica por parte dos cidadáns”.
  2. B) “Sería un erro atribuír a crise económica actual a unha deficiente xestión dos poderes estatais esquecendo que a causa primeira se atopa no interior do home, cuxa crise moral desembocou na económica. Esta última só se solucionará coa renovación espiritual do home e cunha maior confianza cidadá na xestión dos nosos gobernantes”.

Eu teño realizado este exercicio en diversas ocasións, tamén con xente moi implicada na vida da Igrexa, e xeralmente o acerto é mínimo, pois adxudican ao Papa o texto do periodista e viceversa. A persoa que si me acertou con seguridade cal era o texto de Bieito XVI era un alumno que ata os 14 anos fora membro da Igrexa Ortodoxa

Mesmo resulta moi clarificador escoitar o programa de RNE-1 e ver os comentarios que fan os compañeiros de Salomón e a oínte que chama ao programa para adiviñar cal é o texto do Papa. O certo é que todos estaban equivocados, pero moi convencidos de saber ben o que ensina a Igrexa Católica.

Isto lémbrame o que fixo un amigo persoal que, para a reunión de profesores do seu colexio, seleccionou a parte central da homilía do Cardeal Ratzinger da misa previa á elección do Papa sucesor de Xoán Paulo II, na que falaba do relativismo. Púxoo nun folio como se fose un artigo de xornal de Fernando Savater. Entón os profesores todos se mostraron de acordo co autor e a dicir que xa era hora de que alguén escribise iso, que como ía valer o mesmo a opinión dun profesor ca dun alumno, etc,

Despois de manifestarse todos de acordo con Savater (!), o meu amigo preguntoulles: “qué diriades se iso mesmo o dixese o Papa?” (xa Ratzinger era o Papa Bieito). Eles contestáronlle: “como ía o Papa dicir esas cousas?, ti estás fóra do mundo!…” Entón sacoulles a homilía na que estaba no medio o suposto artigo de Savater. Acusárono de manipulador e outras lindezas, pero el recordoulles que os que manipulaban os textos eran eles por non ler o que os textos din, senón que xulgaban segundo os seus prexuízos.

A estas alturas supoño que todos xa terán claro cal é o texto de Bieito XVI, que é o “A”, o que lles esixe aos poderes públicos máis responsabilidade de goberno e aos cidadáns unha maior participación democrática na xestión da economía, e que pertence á encíclica “Cáritas in Veritate” nº 24, 3º parágrafo. Poden comprobalo na encíclica e no programa de Pepa Fernández no día e hora xa citados.

Isto é unha invitación a ler con menos prexuízos e con máis obxectividade o que os textos din, e a que teñamos un mellor mapa mental para orientarnos ben na realidade.

Remato con dous feitos de reacción ante o comunicado que os bispos sacaron hai uns anos Ante as Eleccións:

-Participando no debate dunha televisión local un candidato nas eleccións afirma que os bispos no comunicado mandaban votar aos candidatos contrarios a el. Léolle un apartado completo do comunicado que o favorecería e perxudicaba aos contrarios, e entón exclama: “pero, di iso?

-Unha revista galega publica un artigo en contra do comunicado dos bispos titulándoo “Outras razóns para votar”. Daba 13, pero cando as comparo co comunicado dos bispos atopo que 10 delas estaban contidas literalmente, ou case, no comunicado dos bispos. Que dicirlles?…

Antón Negro

Delegado Episcopal de Cáritas

A %d blogueros les gusta esto: