Un aplauso polos que rezan

O xoves 7 de maio ás 12:15 horas desde o salón, o xardín, a comunidade, a xanela… CONFER convida a aplaudir polos que rezan. «Porque son moitas as persoas que a través das súas oracións piden polos demais para que todo vaia o mellor posible. As persoas relixiosas confían no rezo como forma tamén de axuda aos demais. Hai un enorme grupo tamén de cristiáns, que desde a súa fe, pon tamén o seu grao de area cunha oración. Son tamén moitos os que, en silencio, rezan polos falecidos, os enfermos, as súas famílias… sen que ninguén llo pida. Pero fanse un coa dor doutros a través dunha oración. Queremos renderlles tamén a nosa pequena homenaxe, non porque sexan máis que ninguén, senón porque valoramos o que se fai. E por iso, desde redes sociais lánzase a campaña #porlosquerezan».

Ademais, CONFER convida a gravar un vídeo e colgalo nas redes sociais co cancelo #porlosquerezan.

Charla sobre o Sínodo da xuventude

O sábado 12 de xaneiro de 2019 ás 17.30 horas terá lugar no salón de actos do Colexio salesiano Divina Pastora unha xornada de formación da Confederación de Relixiosos (CONFER) de Lugo. Haberá unha charla a cargo do salesiano Óscar Bartolomé, director do Colexio, sobre o Sínodo da xuventude e a vida consagrada.

A vida consagrada, unida a toda a Igrexa, quere reflexionar sobre o alcance do último Sínodo celebrado en outubro de 2018. A cada cristián segundo a súa vocación pídelle dar unha resposta diferente, pero en calquera caso non hai que quedar estancados e inmóbiles. A vida consagrada quere seguir camiñando ao encontro dos mozos en comuñón coa Igrexa.

Despois da charla haberá un momento de encontro e convivencia dos relixiosos da Diocese de Lugo.

Testemuños de sor Amparo (Filla da Caridade) e sor Inés (Agustina)

No recente Encontro Interdiocesano de Radio María Galicia, celebrado no Seminario de Lugo, a Filla da Caridade sor Amparo deu o seu testemuño:

“Son moi adicta á audición de Radio María. Hai programas que nunca deixo de escoitar. Debido ás ocupacións, ás veces non me resulta posible escoitala pero deixo unha gravadora e escóitoa cando podo. Gústame moito, e ademais penso: son 24 horas ao día! Considero que aos enfermos e a persoas solitarias, isto ten que chegar moito.”

Sor Amparo leva máis de 60 anos de vocación como Filla da Caridade de San Vicente de Paúl.

Pola súa parte, a agustina recoleta sor Inés Lamazares protagonizaba a semana pasada unha reportaxe en El Progreso (15/08/2017) no que falaba dos toques de campás dos que se leva encargando no mosteiro da Inmaculada (praza de Santo Domingo, Lugo) desde hai 70 anos. Un deses toques é o único que soa no casco histórico de Lugo para algo distinto da hora: cada día ás 14:55h avisa do rezo da hora nona.

Sor Julia del Barrio: Dos enfermos pode aprenderse moitísimo

Julia del Rio Xornadas Abertas de Teoloxía 2015 (3-5 febreiro) 012
Sor Julia del Barrio centrou a súa intervención nas Xornadas Abertas de Teoloxía en presentar a sociedade de vida apostólica Fillas da Caridade de San Vicente de Paúl. Algunhas das súas palabras foron as seguintes:
“Queremos facernos presentes e dar resposta na medida das nosas posibilidades naquelas pobrezas que van xurdindo na sociedade ou que a mesma sociedade vai xerando. Unha das formas de pobreza é a enfermidade. Os anos da miña vida consagrada transcorren no campo da saúde e da psiquiatría. Dos enfermos aprendín moitísimo, tanto como dos libros. Deles aprendín:
– a pobreza e o abandono, o desprendemento. Cando un enfermo atravesa o umbral dun hospital deixa atrás todo
– ter confianza e paciencia. A persoa consagrada ten que confiar en Deus.
– a gratitude ante os servizos máis pequenos. Os detalles pequenos fan moito e ensinan moito.
– relativizar moitas cousas. Ás veces parécenos que imos gañar o mundo e unha enfermidade fainos as persoas máis vulnerables.”

Falecemento da cofundadora das Carmelitas Descalzas de Muxa

O 4 de febreiro, ás 11 h no Mosteiro das Carmelitas Descalzas de Muxa tivo lugar a Eucaristía con motivo do falecemento de María Sagrario de Jesús (Josefina Mosquera).
En setembro de 1983 María Sagrario de Jesús fora unha das carmelitas que se trasladaran desde Buñol (Valencia) a Lugo e fundaron o mosteiro da orde carmelitana na Diocese lucense. Mentres terminaba a construción do actual convento, hospedáronse nunha modesta residencia contigua ao antigo mosteiro das Salesas, na Ronda da Muralla.

A %d blogueros les gusta esto: