Presentouse a obra de acondicionamento do baixo cuberta das Antigas Sancristías da Catedral

O bispo de Lugo, Mons. Alfonso Carrasco Rouco e o conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, Román Rodríguez, deron conta o 19 de setembro que está próximo a rematar a obra que a Xunta de Galicia realiza para acondicionar o baixo cuberta das Antigas Sancristías e Capela de San Froilán da Catedral de Lugo.

Nesta obra liberouse espazo e creáronse estancias habitables no baixo cuberta adosado ao Triforio na Nave do Evanxeo, para o que se eliminaron parcialmente os tabiques de ladrillo, substituíndoos por estruturas metálicas. Así mesmo, quedan realzadas as fiestras románicas do triforio, liberándoas dos forxados de formigón e substituíndoos por elementos de cristal, moito máis acaídos.

A obra incluíu tamén a colocación dun falso térmico que illa termicamente a cuberta, a limpeza das fábricas de cantería e a cubrición con morteiro de cal como acabado dos paramentos.

O bispo de Lugo, Alfonso Carrasco Rouco, en declaracións recollidas por COPE, afirmou que a obra “é moi boa”, porque ademais de recuperar unha parte da Catedral, gañouse superficie para habilitar “espazos de traballo, de arquivo e de almacenamento”.

En San Xurxo de Piquín celebraron o remate das obras de restauración

Igrexa de san Xurxo de Ribeira de Piquín

O Bispo da Diocese de Lugo, Mons. Alfonso Carrasco Rouco, presidiu unha Eucaristía na igrexa de San Xurxo, en Ribeira de Piquín. Tratábase de celebrar os traballos de restauración que se levaron a cabo nos últimos anos.

Nos anos 1960 fixérase a  anterior actuación de relevancia na igrexa. Desde entón, só se reparara a cuberta.

Polo ano 2006 nacía a Asociación de Amigos da Parroquia de San Xurxo, en Ribeira de Piquín, co único fin de lograr os fondos necesarios para restaurar a súa igrexa, unha edificación neoclásica de 1782. A entidade está formada por máis de cen socios, a metade deles residentes fóra do municipio.

Ao longo de 2009 Blanca Besteiro restaurou o altar maior, presidido pola Virxe de Guadalupe, patroa da parroquia, e San Xurxo, no alto. Despois actuou sobre o retablo da Virxe do Carme e sobre unha pintura sobre cobre da virxe de Guadalupe, valiosa peza. Para a mellora dos altares de San Roque, a Dolorosa e o Rosario o Bispado de Lugo achegou 12.000 euros. Tamén se renovaron o chan de madeira e os bancos.

A %d blogueros les gusta esto: