Asemblea sinodal diocesana

O sábado 7 de maio, ás 11 h no salón de actos do Seminario, preséntase o resume dos traballos que reflexionaron e realizaron os distintos grupos nas diversas zonas pastorais da Diocese sobre a consulta sinodal.

Haberá sete testemuños directos de persoas de distintas zonas pastorais sobre a experiencia vivida no proceso da sinodalidade.

Ás 12:15 h saída para a Catedral

Ás 12:45 h celebración solemne da Santa Misa presidida polo Sr. Bispo Mons. Alfonso Carrasco Rouco

Apertura do camiño sinodal diocesano e do Curso Pastoral

O domingo día 17 de outubro abriuse o camiño sinodal na Diocese de Lugo: SÍNODO 2021 – 2023. POR UNHA IGREXA SINODAL: COMUÑÓN, PARTICIPACIÓN E MISIÓN. Ao mesmo tempo inaugurábase o Curso Pastoral da Diocese. Foi coa celebración dunha Eucaristía presidida por Mons. Alfonso Carrasco, que na parte final da súa homilía, dixo:

“Camiñar xuntos quere dicir que ninguén é todo, que non temos que pensar en como mando eu sobre o veciño. O sacerdote non pode ser a parroquia enteira, o mesmo o Bispo e a Diocese, somos un pobo. A vida consagrada forma parte intrinsecamente da comunidade, foi enviada á Igrexa, á comunidade concreta para dar testemuño dunha vida chea de valor para todos. Os que son catequistas, os que asumen responsabilidades, as moitísimas persoas que traballan e axudan nas parroquias, o mesmo sucede: tampouco é por mandar máis, por gobernar máis, é por un ben propio e de todos os irmáns para que poidamos camiñar xuntos. As familias, os matrimonios, os nenos… todas as nosas actividades deben estar habitadas por este mesmo espírito, por este mesmo xesto de caridade que temos que renovar sempre, unidos no medio da Igrexa.

Imos celebrar a inauguración do Sínodo Diocesano, a tarefa está por diante: haberá preguntas para responder, haberá necesidade de facer algunha reunión, haberá necesidade de verse… tomádeo de corazón, como unha invitación do Papa a que prestemos atención ao máis esencial da nosa vida como cristiáns, que é formar parte deste pobo e camiñamos xuntos. Aceptemos esta invitación a dicir o que é importante, que volvamos a mirada a estes fundamentos do noso ser cristiáns para poder vivilo ben. E fagamos o traballo na medida en que poidamos. Pediremos para iso a graza do Espírito Santo, que o Señor nos bendiga”

Apertura do Curso Pastoral e do Sínodo convocado polo Papa Francisco

O Bispo de Lugo, Mons. Alfonso Carrasco Rouco, convoca a todos os diocesanos a participar este domingo 17 de outubro ás 18 h na solemne Eucaristía de apertura do Curso Pastoral diocesano e na que, ademais, quedará aberta a fase diocesana de preparación para o Sínodo convocado polo Papa Francisco e que culminará en 2023.

O camiño sinodal, co lema Por unha Igrexa sinodal: comuñón, participación e misión, iniciouse solemnemente en Roma hai unha semana cunha Eucaristía presidida polo papa Francisco. Este sínodo, no que participará a Igrexa Universal, conta cunha fase diocesana.

Na nosa Diocese, despois da apertura este domingo, celebraranse reunións sinodais ao longo dos vindeiros meses para reflexionar sobre os temas propostos pola Santa Sé.

A %d blogueros les gusta esto: