A principios de maio hai dúas datas moi importantes e significativas: o Día do Traballo e o Día da Nai.
Dúas datas ás que xa pouco lles queda do seu sentido orixinal, posiblemente debido ao empeño de non deixar que sexa o mesmo Deus quen estea no medio do mundo e tamén no corazón nestes días.
O 1 de maio, o Día do Traballo, que tamén a Igrexa une coa festa de San Xosé Obreiro, xorde pola necesidade de defender os dereitos dos traballadores e a dignidade das persoas. Daquel desexo de 8 horas de traballo, 8 horas de descanso e 8 horas de cultivo persoal, xa pouco queda. As 8 horas de cultivo persoal cambiámolas por 8 horas para consumir ou para pensar no que imos gastar o diñeiro. As 8 horas de traballo xa son moitos os que carecen delas, como o confirman os datos da EPA. Supoño que podemos seguir contando coas 8 horas de descanso, sempre que nolo permitan WhatsApp e o Facebook. E a San Xosé ás veces lle quitamos o seu día de marzo, así como o de maio. En consecuencia, xa nin somos capaces de santificar algo tan sacro, digno e necesario como é o traballo.
E á festa con motivo do Día da Nai pásalle outro tanto. Xa ninguén lembra o sentido orixinal. Agora só importa o que non nos esquezamos de comprarlles un detalle ás nosas nais por este día, do que sacan máis beneficio as superficies comerciais que as propias destinatarias do noso agarimo. Dunha oración e de poñer por intercesora delas a María, Nai de Deus e Nai nosa, a quen lle dedicamos o mes de maio, o mes das flores, se cadra xa ninguén se lembra.
E unha vez máis faremos cousas: unha vez máis sen sentido e sen garantías de permanencia e de eternidade.
Con motivo da “Xornada Mundial polo Traballo Decente” ( 7 de outubro) Cáritas Diocesana de Lugo programou, para o día 6 de outubro, unha mesa redonda baixo o título “Por unha Sociedade Xusta, Traballo Decente”
O Presidente de Xoves Empresarios de Lugo, Mauricio Repetto, puxo de manifesto o afastados que están entre si o mundo académico, público e privado. Ademais, denunciou os recortes en educación que afectan á falta de formación demandada polas empresas. Ante isto, reclamou políticas axeitadas para a promoción dos mozos emprendedores.
A Xefa do Servizo de Orientación e Promoción Laboral de Lugo, Beatriz Corral, falou de procesos de recoñecemento profesional para xente con experiencia e sen titulacion de modo que poida acreditar os seus coñecementos. Destacou as medidas que se toman para volver enganchar a mozos con dificultades no mercado laboral. Tamén explicou iniciativas para formar a desempregados en novas profesións e no rural. Para Beatriz Curral “hai que reforzar a comunicación entre Empresa e Administración. Achegar os empresarios aos demandantes”.
Eloina Ingerto, da Fundación Juan Soñador, avogou por non caer na ignorancia dos prexuízos: “A persoa, porque non teña fogar, non teña traballo, non teña formación… non é inútil”. Eloina denunciou as actitudes prejuiciosas dos propios espazos laborais. Na Fundacion Juan Soñador atenden ás persoas, acompañándoas de forma personalizada e continuada e comprométese a crear unha maior sensibilización nos empresarios para eliminar estigmas de colectivos en risco.
Arsenio Coto, do grupo periodístico El Progreso, analizou a situación laboral en España, con 5,8 millóns de asalariados que cobra menos de 600€. Ante isto, a parte da sociedade que está en mellor situación non debe mirar cara a outro lado. En canto á Administración, debe tomar medidas para facer posible o que di a Constitución sobre o traballo.
Mónica Yáñez, de Cáritas Lugo, concluíu a mesa redonda animando a mellorar a colaboración entre os diversos sectores para entre todos contribuír ao traballo decente.
Cáritas Diocesana de Lugo, a través do seu Programa Emprego, súmase ao movemento “Igrexa polo Traballo Decente”. Movemento que por terceira vez convoca a “Xornada Mundial polo Traballo Decente” o 7 de outubro.
Invítase ás comunidades parroquiais a sumarse tamén a este compromiso por un Traballo Decente, a través da celebración da Misa do 7 de outubro –Guión litúrxico– e da posible celebración dunha Vixilia de Oración.
Ademais está programada, para o día 6 de outubro, unha mesa redonda que levará por título “Por unha Sociedade Xusta, Traballo Decente”. Participarán:
D. Mauricio Repetto Morbán -Presidente Xoves Empresarios de Lugo-,
Da. Beatriz Corral Rodríguez -Xefa do Servizo de Orientación e Promoción Laboral de Lugo (Consellería de Economía, Emprego e Industria)- ,
Da. Eloína Ingerto López -Coordinadora Territorial da Fundación JuanSoñador- e
D. Arsenio Coto – Xornalista do grupo El Progreso.
O acto celebrarase no salón de actos que Cáritas ten na Avd. das Américas, 93-95 ás 11:00 horas.
Cáritas Diocesana de Lugo, a través de ditas accións, pretende axudar a poñer en primeira liña da axenda política, eclesial e social a cuestión do traballo decente.
O 7 de outubro é o día da Xornada Mundial polo Traballo Decente, por tanto é un día dedicado a revisar e revitalizar o compromiso persoal e asociado para conseguir o TRABALLO DECENTE para toda persoa dentro da sociedade.
Implicarse neste tema da loita por un traballo humano digno é unha obriga ineludible de conciencia para todo cidadán e, se cabe aínda con maior esixencia, tanto para toda autoridade pública coma para toda persoa con responsabilidades na sociedade.
O traballo na vida da persoa humana cumpre dúas funcións fundamentais e imprescindibles, para poder levar unha vida digna de ser chamada humana, que son:
Posibilitar que a persoa humana se exprese, se realice e deixe a súa pegada na historia a través do seu traballo.
Gañar o sustento diario para ser dono da propia vida, á vez que coida das persoas que ten baixo a súa responsabilidade.
En consecuencia é fácil comprender que o paro leva consigo unha agresión á persoa, á que non lle permiten colaborar na marcha da historia da humanidade, nin ser protagonista da propia vida persoal e social, nin gañar responsablemente o seu sustento e o da súa familia. Por iso frecuentemente o paro xera unha serie de enfermidades de diverso tipo. Se queremos persoas sas, sociedades xustas e comunidades fraternas hai que traballar arreo para acabar co paro e conseguir que as condicións de traballo sexan humanizadoras.
O día 29 de xuño de 2009 Bieito XVI publicou a encíclica Cáritas in Veritate. Da lectura deste documento quedoume moi gravado o número 63. A propósito deste número da encíclica comentáballes a algúns amigos que o Papa aí está esixindo nada menos ca unha revolución social, pois do contrario é imposible conseguir os obxectivos subliñados para un Traballo Decente. Literalmente di:
“Significa un traballo que, en calquera sociedade, sexa expresión da dignidade esencial de todo home ou muller: un traballo libremente elixido, que asocie efectivamente ós traballadores, homes e mulleres, ó desenvolvemento da súa comunidade; un traballo que, deste modo, faga que os traballadores sexan respectados, evitando toda discriminación; un traballo que permita satisfacer as necesidades das familias e escolarizar ós fillos sen que se vexan obrigados a traballar; un traballo que consinta ós traballadores organizarse libremente e facer oír a súa voz; un traballo que deixe espazo para reencontrarse adecuadamente coas propias raíces no ámbito persoal, familiar e espiritual; un traballo que asegure unha condición digna ós traballadores que chegan á xubilación.”
A Igrexa a través de diversas organizacións eclesiais (Cáritas, CONFER, HOAC, Xustiza e Paz, JEC e JOC) chaman a todos a consolidar e profundizar o compromiso por un Traballo Decente, pois todos somos necesarios nesta responsabilidade, xa que debemos ser conscientes de que non hai solucións máxicas nas mans dun xerifalte. A Igrexa aposta pola liberdade, iniciativa e responsabilidade de cada persoa e de cada grupo neste compromiso.
Non quixera rematar este escrito sen chamar a atención sobre o uso perverso da linguaxe que está en contra da persoa e dos traballadores. A persoa en realidade non vai pedir traballo, nin vai buscar traballo… O que a persoa aporta e leva consigo é precisamente o seu traballo e o que busca é nin mais nin menos ca un lugar onde desenvolver o seu traballo para que sexa útil socialmente e/ou economicamente produtivo, que ademais lle permita gañarse o sustento familiar e colaborar ó ben da sociedade.
Con motivo do día 7 de outubro ser a Xornada Mundial polo Traballo Decente, Cáritas Diocesana de Lugo organizou entre outras accións unha mesa redonda baixo o título “Defensa do traballo decente”.
Participantes na mesa redonda:
Ramón Fariñas Ríos
Secretario Comarcal de CCOO de Lugo
Mercedes Montes Rodríguez
Dtora. da Escola Universitaria de Relacións Laborais de Lugo
Carmen José López
Presidenta de AJE Galicia
Rocío Rebolo Serén
Xefa do Servizo de Emprego e Economía Social-Consellería de Economía
Modera: Mónica Yáñez, Secretaria xeral de Cáritas Diocesana de Lugo
Traballo decente é un concepto usado pola sociedade civil e o maxisterio da Igrexa católica, que se ve a necesidade de reivindicar e poñelo en primeira liña da axenda política, social e eclesial.