Mons. Leonardo Lemos Montanet clausurou as Xornadas Abertas de Teoloxía

O 15 de marzo concluíron as XXXVII Xornadas Abertas de Teoloxía en Lugo que se viñeron celebrando desde o día 13 baixo o título “Un encontro actual con Cristo”. A proposta do Papa Francisco na súa carta sobre a Liturxia.

E encargado de poñer o punto final á edición deste ano foi o Bispo de Ourense, Mons. Leonardo Lemos Montanet. Comezou indicando que “a lituxia é sobre todo vida. A través dela (palabras, xestos, accións) Cristo encóntrase con nós, que somos homes e mulleres que nos atopamos distendidos nese tempo, nese espazo, Vivimos ese intre determinado da nosa historia no medio de luces e sombras”.

Aínda que houbo referencia a outros documentos (Sacrosanctum Concilium…) estivo máis presente a recente carta apostólica do Papa Francisco Desiderio desideravi calificada por Mons. Leonardo Lemos como “un documento sereno, sosegado, espiritualmente aberto a cada un de nós, que invita a coñecer, comprender e vivir mellor a celebración litúrxica”. O Papa Francisco fai unha chamada a todos, non só aos sacerdotes, a saber facer ben a celebración litúrxica, vivila ben, preparala ben.

Intervención de Jaume González Padrós nas Xornadas Abertas de Teoloxía: os sentidos transfigurados

O segundo día das Xornadas Abertas de Teoloxía foi o martes 14 de marzo, tamén no Salón Rexio do Círculo das Artes de Lugo, onde o Doutor en Teoloxía Jaume González Padrós tivo unha intervención titulada Unha participación que renova a vida e na que se referiu, entre otros temas, aos ollos da fe.

 Nós sabemos que é certo o que di o apóstolo das xentes, San Paulo: a fe vén da escoita, da predicación. Daquela temos a tentación, especialmente os cristiáns occidentais, de quedarnos con esta afirmación e desenvolver unha exposición da fe meramente a partir dunha linguaxe verbal descoidando a imaxe, os ollos da fe.

Lembrou González Padrós a Transfiguración do Señor por indicarnos que se nós non temos uns sentidos transfigurados non seremos quen de ver na santa humanidade de Cristo a súa filiación divina, a súa divinidade.

O relator puxo un exemplo do que é posible grazas á mirada transfigurada:

 Entra o sacerdote na igrexa, venera o altar, ergue a vista, ve á asemblea e di “O Señor sexa convosco”. Di isto porque está vendo ao Señor presente no medio da asemblea. E a asemblea mirando ao sacerdote, revestido con ornamentos do kyrios glorioso, e aínda sabendo que é un home pecador, coas súas debilidades e as súas manías, recoñece, ve, afirma, profesa que o Señor está presente no espírito sacerdotal do celebrante e contesta “E contigo tamén”.

Inicio das Xornadas Abertas de Teoloxía

O 13 de marzo comezaron as XXXVII Xornadas Abertas de Teoloxía en Lugo baixo o título “Un encontro actual con Cristo”.

O doutor en Teoloxía Antonio Astigarraga Mateos impartiu unha conferencia dividida en dúas partes. Na primeira describiu a situación actual da celebración litúrxica, advertindo de varios erros:

Moitas veces non é doado recoñecer a liturxia da Igrexa nas celebracións dalgúns sacerdotes; máis ben hai que dicir “é a súa Misa” da que el dispón como quere. Ante isto o recomendable é ler a Ordenación Xeral do Misal Romano e as introducións de todos os libros litúrxicos para saber o porqué, os principios teolóxicos, eclesiolóxicos, cristolóxicos que explican que a Igrexa organizase a Eucaristía tal como está estruturada.

Outros erros sinalados por Antonio Astigarraga: “hai Eucaristías nas que prevalece a convivialidade, e apártase a primacía de Deus; pérdese o sentido do sagrado; introdúcese o espectacular, o folclórico; concédese demasiada importancia ao subxectivismo, ao emotivo.

E a segunda parte da conferencia tratou da íntima unión entre Eucaristía, domingo e Igrexa:

 “A Eucaristía é o punto de referencia máis significativo da celebración do domingo, ten que ser o eixo, o centro do domingo e á súa vez o domingo establecerase como o día principal da celebración da Eucaristía.

“Realmente entre a Misa de domingo e a Misa de cada día, pois non hai diferencia esencial, as dúas son Eucaristías. A particularidade da Misa dominical é celebrarse no día da resurrección de Xesucristo”.

A seguinte xornada é o martes 14 de marzo ás 20 h no Salón Rexio do Círculo das Artes, onde o Doutor en Teoloxía Jaume González Padrós terá unha intervención titulada Unha participación que renova a vida.

Mons. Luis Argüello clausura as Xornadas Abertas de Teoloxía

Mons. D. Luis Argüello clausurou o día 16 as Xornadas Abertas de Teoloxía. D. Luis Argüello é Bispo Auxiliar de Valladolid e Secretario Xeral da Conferencia Episcopal Española. A súa conferencia titulábase “Corrección política e evanxelización” e o seu o núcleo central foi o seguinte: 

“Unha das características do novo sentido común moral é que está marcado polo sentimento, pola emoción. Porque iso é o que se pode xerar, se vemos a capacidade dos modernos métodos de comunicación, de influencia na nosa maneira de dicir, pensar, sentir e desexar, teñen tanto que ver coas emocións. Quebrou o sentido común moral e a outra gran afirmación é que desde o punto de vista teórico da filosofía está en forte crise a reflexión sobre o ser, a comprensión da realidade como un don. E substitúese esta acollida da realidade como un don por múltiples interpretacións, moitas delas marcadas por sesgos ideolóxicos. Así, quebrouse o sentido común moral e o sentido do real aparece como extraordinariamente modificado. Cales son os desafíos grandes na evanxelización? Sacar do armario á graza, contar máis coa graza, falar de Deus, vivir en Deus, ofrecer a vida de Deus, a capacidade de vivir en Cristo, de vivir segundo o Espírito (categorías que están nas cartas de Paulo). Contar coa realidade, para poder pinchar a burbulla do políticamente correcto, poñer diante feitos, en canto ao testemuño do real e en canto á realidade que sangra, á realidade daqueles que están sufrindo dun xeito singular as consecuencias desta maneira de organizar o mundo”

Xornadas Abertas de Teoloxía: segunda sesión

A segunda das Xornadas Abertas de Teoloxía foi o martes 15, cunha conferencia titulada “Os desafíos da corrección política para a persoa e a familia” que foi impartida pola Vicerreitora da Universidade Francisco de Vitoria (Madrid) María Lacalle. Comezou sinalando a distorsión que sofren dous principios: o de igualdade e o de liberdade. Seguíu indicando como iso afecta a cuestións como o aborto, a eutanasia, a identidade sexual. Tamén advertiu dos cambios na lexislación e na ensinanza. Ademais, o pensamento dominante contribúe a poñer baixo sospeita as relacións home-muller, a debilitar a autoridade parental. Finalmente, María Lacalle viu posible unha espiral virtuosa: 

“Unha sociedade constituída por familias fortes xera persoas seguras capaces de oporse ao pensamento dominante. Para constituír esas familias necesitamos recuperar ás persoas e lograr que sexan conscientes da beleza de ser home ou muller, de ser pai ou nai, e de ser capaces de comprometerse. Non debe basearse o compromiso só nun sentimento, porque é imposible que ese sentimento dure toda a vida; si debe basearse na vontade de querer, de querer querer e de querer até o final. Así poderemos construír un mundo mellor”.

A %d blogueros les gusta esto: