Ti que brillas nas tebras

Seguramente que todos coñecemos o canto: “Señor, ti que brillas nas tebras dános a túa luz”.

Nesta época do ano en que temos os días máis curtos de luz por falta da luz solar, lembro este canto. Escuridade física na que se desenvolve a espiritual. Ante este deserto espiritual, o Señor, no viril eucarístico, brilla como a luz e ilumina a tebra e resplandece como sol ante nós, adoradores da súa divina presenza. E dános a súa luz. E recibímola abundante se a pedimos e non desertamos da fecundidade da oración no encontro adorador.

Este tempo, cheo de resonancias de María Inmaculada e con horizonte no Nadal, convídanos e alenta a unha nova cor e sabor eucarístico. A afrontar o futuro con esperanza, que é o mesmo que con luminosidade. A Inmaculada e o Nadal esclarecen e animan o noso camiño cara á grandeza que nace do Si de María e que se fai Luz e rostro próximo no Neno de Belén. A estrela de Belén hoxe condúcenos á Eucaristía, ao altar, onde Cristo nace, está e agárdanos.

A tebra social e a debilidade dos anos, quizais socavaron a nosa presenza nas quendas de Adoración pero non logran afectar a nosa fe eucarística. A pandemia e aqueles factores puideron frear a vitalidade da Adoración Nocturna. Pero agora, superados os temores da pandemia, podemos recuperar aquelas quendas vivas e numerosas que na noite recibían a “LUZ que brilla nas tebras”. Animo a acollela.

Un adorador que leva a LUZ consigo, irradia luz. A luz é fecundidade. É multiplicadora. Tebra e luz son incompatibles. Refuguemos a apatía e o pesimismo. As penas e os achaques. A Luz, Cristo eucaristía, que brilla na noite da nosa catedral convídanos e chama. “Señor, Ti que brillas na tebra, dános a túa luz”.

O Nadal ben pode ser o renacer con Cristo ao compromiso adorador. As quendas na Catedral, e na diocese, xa piden a volta ao encontro gozoso con Cristo eucaristía nas noites do silencio grato a Deus. Respondámoslle.

Que a luz do Señor ilumine vidas e fogares.

Daniel García García

Director Espiritual Diocesano de Adoración Nocturna

Boletín informativo A. N. E. nº 382

Deixa un comentario

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

A %d blogueros les gusta esto: