Todos somos migrantes

O terceiro domingo de xaneiro celebra a Igrexa Católica o día das migracións e faino chamando a abordalas desde a xustiza. Hai máis de 230 millóns de emigrantes internacionais e deles 60 millóns son refuxiados.

Un dos estereotipos que circulan por aí é que a Igrexa sempre chega tarde ante os diversos problemas sociais. Os estereotipos non son verdades. Este ano a Igrexa celebra a Xornada Mundial das Migracións nº 102 e na ONU celébrase o Día das Migracións (18 decembro) desde o ano 2000 (resolución do 4 de decembro). Se a Igrexa afronta tarde esta temática ¡que dicir da ONU que leva case 90 anos de demora en relación coa Igrexa Católica!

Ante as migracións o primeiro que hai que constatar é que todos somos migrantes ou descendentes de migrantes. O ADN mitocondrial ensínanos que tódalas persoas da humanidade somos descendentes dunha única Eva, que viviu no Centro Leste de África e, desde aí, foise estendendo a tódolos continentes. Asumir que todos descendemos dunha única muller esixe considerar que só hai unha ÚNICA FAMILIA HUMANA. Así sobran os valados de separación, os fosos… pois van contra a nosa orixe. A xenofobia é unha traizón á nosa historia.

Convén lembrar, por iso, que desde 1827 a 1921 arredor de 1 millón de persoas abandonou cada ano Europa na emigración transoceánica. A emigración en España foi unha constante en case todo o século XX e reaparece na actual crise.

Para dar unhas orientacións neste tema a Santa Sé publicou no 2004 o documento “Erga Migrantes Cáritas Christi”, que os bispos españois adaptaron á nosa realidade no 2007 baixo o título “A Igrexa en España e os Inmigrantes”. Tódolos anos o Papa e os bispos publican mensaxes para este día.

Na actualidade case tódalas dioceses de España comparten algún dos seus templos con cristiáns doutras igrexas. Fai máis de tres anos comentáballe ó alcalde de Monforte (do BNG): “o feito mais importante a nivel político, social, cultural e relixioso acontecido na cidade nos últimos seis meses tivo lugar na parroquia da Régoa coa Misa que tiveron os ortodoxos, presidida por un cura de Ucraína”. O seu comentario foi que non sabía nada, pero eu estou convencido que o feito é relevante e dicíallo para que soubera que iso acontecía e acontece.

Nos escritos do Maxisterio dísenos que para a Igrexa “ninguén é estranxeiro”, que “o inmigrante é unha persoa coa mesma dignidade e dereitos fundamentais cós demais, é un fillo de Deus”. Igualmente “a Igrexa defende o dereito a emigrar… e o dereito a non ter que emigrar…”. Tamén denuncia que o Mediterráneo sexa un cemiterio e úrxenos a combater a trata de persoas.
Non vou lembrar máis ensinanzas básicas da Doutrina Social da Igrexa, pero dada a dificultade de integración dos musulmáns quixera traer aquí o documento sinalado da Santa Sé que no nº 66, despois de enumerar o que se comparte con eles, engade:
“Xunto a estas converxencias, preséntanse tamén diverxencias, algunhas das cales están relacionadas cos logros lexítimos da modernidade. Tendo en conta especialmente os Dereitos Humanos, aspiramos, por tanto, a que se produza nos nosos irmáns e irmás musulmáns unha crecente toma de conciencia sobre o carácter imprescindible do exercicio das liberdades fundamentais, dos dereitos inviolables da persoa, da igual dignidade da muller e do home, do principio democrático no goberno da sociedade e da correcta laicidade do Estado. Haberá, así mesmo, que chegar a unha harmonía entre a visión de Fe e a xusta autonomía da Creación”.

A tarefa é grande e necesítase a corresponsabilidade de todos.”

Antón Negro

Deixa un comentario

A %d blogueros les gusta esto: