Un ano novo para seguir avanzando con esperanza

Santa María a Real do Cebreiro

Paz e ben: a conclusión e o comezo dun novo ano supón sempre unha invitación a seguir avanzando.

O tempo, o calendario, do mesmo xeito que o Camiño de Santiago, delinea e supón unha serie de etapas que hai que ir completando… Sempre mirando cara adiante, pero cos pés sobre a terra; sempre bañados no realismo do momento, pero tamén abrazados polo idealismo que move corazóns cara a metas heroicas.

Mirar atrás, é recoñecer o camiño xa percorrido… mirar cara adiante, é como levantar a mirada e contemplar o horizonte cara ao que imos.

Pero o importante e decisivo é que estamos “en camiño”, é a hora do paso concreto, humilde paso que supón sempre un avance, aínda que cause dor.

O Camiño de Santiago é unha sucesión de etapas que, como a vida mesma, ofrecen sempre a oportunidade de seguir avanzando, mesmo con sufrimento e no medio de dificultades, que, ao cabo, fortalecen os pés e o espírito da persoa que camiña.

Un novo ano en principio é unha proxección cara ao futuro que en realidade non existe (cando chega é hoxe, agora), un xogo numérico froito das matemáticas que nos axudan a comprender parte do universo, pero non o corazón, o ser, a alma humana.

Por iso un ano novo pode ser entendido como unha nova oportunidade, unha nova etapa, un seguir avanzando sen medo, con esperanza, e sempre coa enerxía que dá o amor e a súa filla a bondade.

Sigamos camiñando neste novo ano para ir construíndo, coas pisadas do amor e a solidariedade, un mundo novo.

Deséxoche todo ben, CAMIÑANTE.

Feliz ano novo.

Ultreia et suseia (“ánimo, adiante, sempre máis aló e cara ao ceo”).

Fr. Paco Castro Miramontes

Deixa un comentario

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

A %d blogueros les gusta esto: