Un novo ano camiñando co Señor

Se o domingo pasado terminaba un ano, necesariamente este domingo temos que comezar outro. Estamos, por tanto, ao comezo do Ano Litúrxico.

Non podemos esquecernos do significado que ten para nós o ano cristián. Trátase de facer o camiño da nosa vida seguindo os pasos de Xesucristo. Para iso temos por diante 365 días para contemplar os misterios da vida de Xesucristo e infinitude de oportunidades para deixarnos santificar por El.

Comezamos así este novo ano, preparando o camiño para o que vai vir, para que despois sexa El mesmo quen nos vaia marcando o camiño que nos leve á casa do Pai.

Este ano, as catro semanas de Advento vense reducidas a tres, porque a Noiteboa será un luns. Así que teremos que aplicarnos máis para ter a nosa alma a punto e limpa para acoller ao Mesías esperado.

Dispómonos para celebrar o comezo da nosa salvación. Xesucristo asumiu, desde o minuto cero, dun modo perfecto toda a natureza humana. Deus non quixo que nada do humano lle resultase alleo. Por iso, desde o momento mesmo da encarnación, co anuncio do anxo, comezou a súa tarefa salvífica da humanidade. Nese intre empezou a sentir o mesmo que calquera persoa. Xesucristo non escatimou ningún esforzo para experimentar, con todas as consecuencias, as alegrías e os sufrimentos dos homes aos que veu salvar.

Miguel Ángel Álvarez

Cura da Fonsagrada

[Ver artículo en castellano]

Deixa un comentario

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

A %d blogueros les gusta esto: