Valentes!

Escribía A. Einstein que “A vida é moi perigosa. Non tanto polos que fan mal, senón polos que sentan a ver o que pasa”. Poden estar seguros de que non é este o caso dos misioneiros. Os seus testemuños, tantos e tan valentes, están tan preñados de situacións límite que, con frecuencia, poñen en risco as súas propias vidas. A recente liberación do sacerdote salesiano indio Padre Tom Uzhunnalil, o pasado mes de setembro, tras ano e medio de cativerio en Iemen, é un de tantos exemplos que confirman e xustifica o lema deste ano: Sé valente, a misión agarda por ti.

A Igrexa celebra, nun ambiente de festa, a Xornada Mundial das Misións (o día do DOMUND). Esta xornada mundial, en España, organízaa a dirección das Obras Misionais Pontificias. E tivo o seu fantástico escenario de inauguración de campaña, este ano, na Catedral de Santiago. Alí, a popular cantante galega de pop-rock, natural de Boimorto, pronunciou un fermoso e comprometido pregón do Domund. Fun testemuña directa do seu profundo e confesante verbo o pasado 11 de outubro ás 20:30 horas. Así definiu ela aos misioneiros: “Son eses seres elixidos para soportar as dificultades. Bravos e obedientes fillos dotados de paciencia e fortaleza. Benevolentes coas debilidades. Exemplos de resistencia moral. Mostran a cotío como a compaixón activa está nas entrañas da súa misión e vai máis aló da solidariedade.

“Sen patrias nin bandeiras, abandonan o proxecto de vida propia, orientada cara ao seu propio interese, por unha comuñón fraterna. – A liberdade non é maior cando se pode facer o que a un lle peta, senón cando se elixe o bo, o belo e o verdadeiro, aínda que esa decisión comporte o sacrificio dun mesmo por un ben maior-.

“Heroes anónimos, que nas súas viaxes ao inferno acaban por alcanzar o ceo ao xuntar con tenrura as súas mans a outras mans. Estes 13.000 misioneiros españois están dispostos e empéñanse en cruzar medio planeta para poñer en práctica e materializar o seu idealismo, saíndo da comodidade do noso mundo cotián, para escoitar o latexo da dor dos perseguidos, dos esmoleiros e marxinados, chegando ata a arriscar a propia vida…”.

Certamente, os misioneiros non son uns valentes aventureiros. Non conducen motos a 300 quilómetros por hora nin escalan os cumes máis altos. Son persoas vocacionadas que sentiron a chamada de Deus e dixéronlle que si. Son enviados por Cristo a través da súa Igrexa para anunciar a todos, sen excepción nin distinción de ningún tipo, o coñecemento da Verdade, o Camiño da Luz e a Boa Nova da salvación. Eles levan o amor de Deus aos máis necesitados. Dio ben o Papa Francisco, con motivo desta Xornada, ao lembrarnos que “a misión da Igrexa non é a prolongación dunha ideoloxía relixiosa, nin tampouco a proposta dunha ética sublime”. É, sobre todo, o anuncio explícito e gozoso de Cristo morto e resucitado. De Cristo, da súa presenza na historia, onte, hoxe e sempre, xorde esta imparable forza que xa ten máis de 2000 anos de historia. É así, porque o belo, o bo, o santo, contáxiase cando alguén se achega á mensaxe de Cristo disposto a deixarse tocar e embriagar. Porque non hai nada que teña máis forza có amor. O que ama constrúe grandes obras e percorre grandes distancias. Pasiño a pasiño, porque tamén o camiño máis longo iníciase cun primeiro paso. Por iso, con motivo do Domund, pídesenos apoiar a causa misioneira coa conciencia fonda de que a misión espéranos a todos.

Mario Vázquez Carballo

Vicario Xeral da Diocese de Lugo

Deixa un comentario

A %d blogueros les gusta esto: