Xesucristo, Rei do Universo. Un ano que se termina

A solemnidade de Xesucristo, Rei do Universo pon fin ao ano litúrxico. Esta celebración cae sempre o último ou penúltimo domingo do mes de novembro. É unha das festas que chamamos «movibles», pois depende de que día da semana coincida o día de Nadal.

O ano cristián ou litúrxico é a distribución que facemos do tempo para celebrar os distintos misterios da vida de Xesucristo, desde a súa concepción até a súa culminación, pasando polo seu nacemento, o anuncio da Boa Nova con palabras e accións, a paixón, morte, resurrección, ascensión e a vinda do Espírito Santo.

Boa parte do tempo deste ano pasámolo condicionados polo coronavirus e non saberemos aínda o que nos falta por ver e por vivir. Pero dentro do malo, tamén tivemos a ocasión de reencontrarnos con Xesucristo e de volver a mirada a El, cando non nos quedaba nada máis ao que agarrarnos.

Se algo nos lembran continuamente a liturxia e as palabras de Xesucristo é que estamos chamados a ser cidadáns do ceo e que esa é a nosa única meta, aínda que en moitas ocasións busquemos outras cousas que non teñen garantía de eternidade.

Non podemos paralizar a nosa vida interior e a nosa relación co Señor. Fáltanos o contacto directo e presencial, pero tamén é verdade que hoxe temos moitas ferramentas para tratar de paliar un pouco esta carencia. Están os wasaps, as chamadas por teléfono, Radio María e unha chea de recursos máis na internet. Agora que se cadra temos máis tempo, deberiamos aproveitar para coñecer mellor a Cristo e a súa Igrexa e formarnos nas cousas de Deus.

Miguel Ángel Álvarez

Párroco da Fonsagrada

[Artículo en castellano]

Deixa un comentario

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

A %d blogueros les gusta esto: