Por qué estudarán Filosofía os curas?

anton_negroOs curas loxicamente se entende que son crentes, pois consagran a súa vida ó servizo da Fe. Para eles o máis importante é Xesucristo, por quen hai que gastar a vida ata sufrir o martirio. Entón, por qué a Igrexa Católica lles fai estudar Filosofía para ser curas? O normal é ver nos ministros doutras relixións que só estuden os temas da súa Relixión e Fe.

A Igrexa Católica pon nos plans de formación dos cregos dous ou tres anos de estudo da Filosofía, e tamén das chamadas Ciencias Humanas, e iso antes de estudar Teoloxía! Nunha institución con tanta historia iso non pode deberse a unha casualidade, senón que debe ser algo moi reflexionado.

A Igrexa di de si mesma que é experta en humanidade, terá algo de razón? Un periodista escribía sobre o poder nas institucións sociais civís e afirmaba que terían que aprender dunha institución SABIA, como a Igrexa, que para un terceiro mandato de presidente da Conferencia Episcopal esixía ó menos 2/3 dos votos, sendo ademais os mandatos curtos, tres anos. Aceptando a posible veracidade disto, que nos quere ensinar a Igrexa coa obriga de que os curas estuden Filosofía antes de Teoloxía?. Entre as diversas ensinanzas, que este feito manifesta, destacaría as seguintes:

  1.  Supón unha valoración da razón como o camiño da persoa para atopar a verdade sobre a natureza e a historia, sobre o home e mesmo sobre Deus. A razón é unha facultade humana a desenvolver.
  2.  Expresa un claro aprecio á Ciencia como desenvolvemento da razón e da capacidade do coñecemento humano, porque somos conscientes de que a ciencia ten que estar ó servizo da humanidade e da humanización, non para deshumanizarnos e facernos máis incivilizados. Por iso é normal atopar entre os científicos de recoñecido prestixio a curas católicos. Só sinalo o exemplo dun cura que estudou no Seminario de Lugo, a quen fai 5 anos se lle dedicou o Ano das Ciencias de Galicia e déuselle o seu nome a un museo e mesmo a un cráter lunar!.
  3.  Aposta polo diálogo coa cultura e coa sociedade de cada tempo, e en especial un diálogo cos pensadores da época. Xa S. Paulo nos discursos ós pagáns, que relata o libro dos Feitos, cita a pensadores e poetas do mundo helenista. Frecuentemente vemos mediando en conflitos a personalidades da Igrexa (non foi unha excepción a mediación para as relacións entre Cuba e Estados Unidos).
  4.  Manifesta un claro rexeitamento de todo tipo de fundamentalismo, aínda que sexa baseado no libro revelado. A Biblia hai que interpretala no contexto da tradición da Igrexa, os xéneros literarios, a crítica textual… A fe hai que facela razoable, porque tense a seguridade de que o é; crese como persoas coas propias facultades intelectuais.
  5.  Implica así mesmo a afirmación da autonomía das realidades temporais. Por iso, aínda que na Unión Europea hai catro estados confesionais, ningún é católico entre outras razóns porque a Igrexa Católica tampouco o quere.
  6.  Expresa tamén unha confianza nas posibilidades da persoa para comprometerse con responsabilidade na procura de alcanzar o ben. Así, mesmo no Catecismo afirmase a primacía da conciencia como norma suprema de moralidade, e mesmo que, quen non obedece á súa conciencia certa, condénase (nº 1790).
  7.  É aceptar a autonomía humana e a súa liberdade para protagonizar a propia vida de xeito persoal e asociado. Deus non nos quere escravos senón libres. Como se repite moitas veces no Maxisterio a Fe “proponse, non se impón”.

Ler máis

Semana de Formación Permanente dos Cregos de Galicia

Semana Poio - copia Do 12 ao 14 de setembro será a XXIVª  Semana de Formación Permanente dos Cregos de Galicia no mosteiro de Poio.  O lema desta edición fai referencia á chamada do Papa Francisco na Exhortación Evangelii gaudium, pedindo pasar  dunha pastoral de conservación a unha pastoral misioneira. Nesta mesma liña, no Xubileu dos Sacerdotes de Roma, o Papa pediulles aos cregos que fosen “bos samaritanos”, coa “porta aberta”.

 Haberá relatorios, diálogos, obradoiros, testemuñas,… que profundizarán no novo estilo ministerial dunha “Igrexa en saída” que quere dar resposta aos retos de hoxe.

 Os relatores das xornadas de Poio serán D. Jesús Higueras Esteban, Párroco de Sta. María de Caná (Pozuelo – Madrid), que participou no Sínodo sobre a Nova Evanxelización e que foi nomeado Misionerio da Misericordia; D. Xosé Manuel Domínguez Prieto, profesor de Filosofía e Director do Instituto da Familia de Ourense, e D. Miguel López Varela, membro do Pontificio Consello para a Nova Evanxelización e Director do Secretariado de Catequese da Arquidiocese de Santiago.

[Ver programa detallado]

“Vella Europa, volve atoparte”

Álvarez-Miguel-Ángel-2 Estamos na época das redes sociais e a difusión en directo de noticias ou, máis ben, titulares sensacionalistas, pero non sempre foi así.

 Xa estaba moi avanzado o ano 1982 cando o papa Xoán Paulo II visitou Santiago de Compostela. Naquela ocasión, o 9 de novembro, pronunciou un discurso cuxa transcendencia non recordo porque só tiña 6 anos. Pero pasa o tempo e a historia empeza a poñer no seu lugar aquelas palabras que hoxe xa se entenden sen ningún tipo de dificultade: “Vella Europa […], volve atoparte. Sé ti mesma”.

 Como un auténtico profeta e desde a atalaia que supón ser o pastor da  Igrexa Universal, Xoán Paulo II empezaba a albiscar o novo rostro dunha vella Europa que estaba renunciando ao que sempre fora.

 O seu discurso pronunciouse nun lugar concreto e significativo: Santiago de Compostela. No final dun camiño que vertebrou Europa en torno a Xesucristo pola fe que nos trouxo un dos seus discípulos, Santiago, o primeiro en dar a vida polo Señor.

 Hoxe, 2000 anos despois, outro Santiago, o P. Jacques Humel tamén “foi pasado a coitelo” (Feit 12, 2) pola súa fe, nunha pequena igrexa de Francia. Xa ven as similitudes e non fai falta dicir moito máis.

 O corazón e a mente do home non foron creados para estar baleiros nin tampouco calquera cousa serve para enchelos. No noso interior e no do mundo hai un lugar para Deus, de tal forma que se o expulsamos, outras “cousas” ocupan o seu posto e converteranse en “deuses” que non serán capaces de equilibrar a nosa vida nin a do mundo. Como o oco está ocupado, posiblemente non nos decatamos de que temos unha carencia, nin sequera cando levamos uns meses vendo as consecuencias tan de preto: Francia, Alemaña, Bélxica e antes España (11-M), pero tamén os miles de suicidios dos que apenas coñecemos datos.

 Por máis que o penso, non vexo outra solución que a que contén o grito cheo de amor de Xoán Paulo II: “Desde Santiago, lánzoche, vella Europa, un grito cheo de amor: Volve atoparte. Sé ti mesma. Descobre as túas orixes. Aviva as túas raíces. Revive aqueles valores auténticos que fixeron gloriosa a túa historia e benéfica a túa presenza nos demais continentes. Reconstrúe a túa unidade espiritual, nun clima de pleno respecto ás outras relixións e ás xenuinas liberdades. […] Ti podes ser aínda faro de civilización e estímulo de progreso para o mundo”.

 Non quero ser pesimista nin catastrofista, pero cando lle deixabamos a Xesucristo estar no medio de nós e do mundo as cousas eran doutro xeito. Agora estamos como un adolescente en plena revolución hormonal, que o sabe todo e non necesita a ninguén. O peor é que esta adolescencia dura demasiado e este mozo, malia que xa levou varios golpes moi fortes, aínda non se decatou de que os seus pais tiñan razón.

 Termino coas palabras do Cardeal Burke nas que nos lembra que o Islam é “fundamentalmente unha forma de goberno […] O Islam é unha relixión que, segundo a súa propia interpretación, tamén debe converterse no Estado […] Cando se converten nunha maioría en calquera país, entón teñen a obrigación relixiosa de gobernar ese país”.

 

Miguel Angel Álvarez Pérez

Párroco de San Froilán

A %d blogueros les gusta esto: