Por qué estudarán Filosofía os curas?

anton_negroOs curas loxicamente se entende que son crentes, pois consagran a súa vida ó servizo da Fe. Para eles o máis importante é Xesucristo, por quen hai que gastar a vida ata sufrir o martirio. Entón, por qué a Igrexa Católica lles fai estudar Filosofía para ser curas? O normal é ver nos ministros doutras relixións que só estuden os temas da súa Relixión e Fe.

A Igrexa Católica pon nos plans de formación dos cregos dous ou tres anos de estudo da Filosofía, e tamén das chamadas Ciencias Humanas, e iso antes de estudar Teoloxía! Nunha institución con tanta historia iso non pode deberse a unha casualidade, senón que debe ser algo moi reflexionado.

A Igrexa di de si mesma que é experta en humanidade, terá algo de razón? Un periodista escribía sobre o poder nas institucións sociais civís e afirmaba que terían que aprender dunha institución SABIA, como a Igrexa, que para un terceiro mandato de presidente da Conferencia Episcopal esixía ó menos 2/3 dos votos, sendo ademais os mandatos curtos, tres anos. Aceptando a posible veracidade disto, que nos quere ensinar a Igrexa coa obriga de que os curas estuden Filosofía antes de Teoloxía?. Entre as diversas ensinanzas, que este feito manifesta, destacaría as seguintes:

  1.  Supón unha valoración da razón como o camiño da persoa para atopar a verdade sobre a natureza e a historia, sobre o home e mesmo sobre Deus. A razón é unha facultade humana a desenvolver.
  2.  Expresa un claro aprecio á Ciencia como desenvolvemento da razón e da capacidade do coñecemento humano, porque somos conscientes de que a ciencia ten que estar ó servizo da humanidade e da humanización, non para deshumanizarnos e facernos máis incivilizados. Por iso é normal atopar entre os científicos de recoñecido prestixio a curas católicos. Só sinalo o exemplo dun cura que estudou no Seminario de Lugo, a quen fai 5 anos se lle dedicou o Ano das Ciencias de Galicia e déuselle o seu nome a un museo e mesmo a un cráter lunar!.
  3.  Aposta polo diálogo coa cultura e coa sociedade de cada tempo, e en especial un diálogo cos pensadores da época. Xa S. Paulo nos discursos ós pagáns, que relata o libro dos Feitos, cita a pensadores e poetas do mundo helenista. Frecuentemente vemos mediando en conflitos a personalidades da Igrexa (non foi unha excepción a mediación para as relacións entre Cuba e Estados Unidos).
  4.  Manifesta un claro rexeitamento de todo tipo de fundamentalismo, aínda que sexa baseado no libro revelado. A Biblia hai que interpretala no contexto da tradición da Igrexa, os xéneros literarios, a crítica textual… A fe hai que facela razoable, porque tense a seguridade de que o é; crese como persoas coas propias facultades intelectuais.
  5.  Implica así mesmo a afirmación da autonomía das realidades temporais. Por iso, aínda que na Unión Europea hai catro estados confesionais, ningún é católico entre outras razóns porque a Igrexa Católica tampouco o quere.
  6.  Expresa tamén unha confianza nas posibilidades da persoa para comprometerse con responsabilidade na procura de alcanzar o ben. Así, mesmo no Catecismo afirmase a primacía da conciencia como norma suprema de moralidade, e mesmo que, quen non obedece á súa conciencia certa, condénase (nº 1790).
  7.  É aceptar a autonomía humana e a súa liberdade para protagonizar a propia vida de xeito persoal e asociado. Deus non nos quere escravos senón libres. Como se repite moitas veces no Maxisterio a Fe “proponse, non se impón”.

Ler máis

A %d blogueros les gusta esto: