“Vella Europa, volve atoparte”

Álvarez-Miguel-Ángel-2 Estamos na época das redes sociais e a difusión en directo de noticias ou, máis ben, titulares sensacionalistas, pero non sempre foi así.

 Xa estaba moi avanzado o ano 1982 cando o papa Xoán Paulo II visitou Santiago de Compostela. Naquela ocasión, o 9 de novembro, pronunciou un discurso cuxa transcendencia non recordo porque só tiña 6 anos. Pero pasa o tempo e a historia empeza a poñer no seu lugar aquelas palabras que hoxe xa se entenden sen ningún tipo de dificultade: “Vella Europa […], volve atoparte. Sé ti mesma”.

 Como un auténtico profeta e desde a atalaia que supón ser o pastor da  Igrexa Universal, Xoán Paulo II empezaba a albiscar o novo rostro dunha vella Europa que estaba renunciando ao que sempre fora.

 O seu discurso pronunciouse nun lugar concreto e significativo: Santiago de Compostela. No final dun camiño que vertebrou Europa en torno a Xesucristo pola fe que nos trouxo un dos seus discípulos, Santiago, o primeiro en dar a vida polo Señor.

 Hoxe, 2000 anos despois, outro Santiago, o P. Jacques Humel tamén “foi pasado a coitelo” (Feit 12, 2) pola súa fe, nunha pequena igrexa de Francia. Xa ven as similitudes e non fai falta dicir moito máis.

 O corazón e a mente do home non foron creados para estar baleiros nin tampouco calquera cousa serve para enchelos. No noso interior e no do mundo hai un lugar para Deus, de tal forma que se o expulsamos, outras “cousas” ocupan o seu posto e converteranse en “deuses” que non serán capaces de equilibrar a nosa vida nin a do mundo. Como o oco está ocupado, posiblemente non nos decatamos de que temos unha carencia, nin sequera cando levamos uns meses vendo as consecuencias tan de preto: Francia, Alemaña, Bélxica e antes España (11-M), pero tamén os miles de suicidios dos que apenas coñecemos datos.

 Por máis que o penso, non vexo outra solución que a que contén o grito cheo de amor de Xoán Paulo II: “Desde Santiago, lánzoche, vella Europa, un grito cheo de amor: Volve atoparte. Sé ti mesma. Descobre as túas orixes. Aviva as túas raíces. Revive aqueles valores auténticos que fixeron gloriosa a túa historia e benéfica a túa presenza nos demais continentes. Reconstrúe a túa unidade espiritual, nun clima de pleno respecto ás outras relixións e ás xenuinas liberdades. […] Ti podes ser aínda faro de civilización e estímulo de progreso para o mundo”.

 Non quero ser pesimista nin catastrofista, pero cando lle deixabamos a Xesucristo estar no medio de nós e do mundo as cousas eran doutro xeito. Agora estamos como un adolescente en plena revolución hormonal, que o sabe todo e non necesita a ninguén. O peor é que esta adolescencia dura demasiado e este mozo, malia que xa levou varios golpes moi fortes, aínda non se decatou de que os seus pais tiñan razón.

 Termino coas palabras do Cardeal Burke nas que nos lembra que o Islam é “fundamentalmente unha forma de goberno […] O Islam é unha relixión que, segundo a súa propia interpretación, tamén debe converterse no Estado […] Cando se converten nunha maioría en calquera país, entón teñen a obrigación relixiosa de gobernar ese país”.

 

Miguel Angel Álvarez Pérez

Párroco de San Froilán

Leave a Comment

%d bloggers like this: