Creo no Deus de Xesucristo?

No primeiro mes de ano toca facer as contas das parroquias. Se ao comprobalas falta aínda que só sexa un céntimo, hai que revisar todo ata que apareza. Tampouco é que pasase nada porque falte un céntimo ou uns poucos euros, pero é que están nalgún sitio e hai que atopalos, para que as contas estean como teñen que estar e todo estea perfectamente xustificado. Ademais, se os números que figuran nos papeis non coinciden coa realidade, estamos falseando as cousas e os primeiros enganados seremos nós mesmos.

Ninguén quere cometer erros, todos queremos facer as cousas dun modo perfecto. E no caso de que non quede máis remedio que xogar con pezas defectuosas, queremos coñecer onde están os fallos para compensalos doutro xeito e minimizar as consecuencias. Poño un exemplo: se son consciente de que as rodas do meu coche non están en bo estado, sei que teño que extremar as precaucións ao máximo e reducir a velocidade para evitar un accidente, pois o coche non vai ser tan seguro nesas circunstancias.

Creo que así funcionamos todos, mais ou menos, excepto aqueles que se gañan a vida enganando aos demais. Pero tamén estes quéreno facer dun modo “perfecto” para non ser descubertos.

Pero buscamos esta mesma perfección nas cousas da fe?, cremos calquera cousa ou de calquera xeito? Cando algo non nos gusta ou  molesta, prescindimos dela e facemos unha relixión á nosa medida?

Dito doutro xeito, creo que Xesucristo é Deus? ou fago como o que contan daquel cura que “cría en todo o que hai que crer e dubidaba todo o que había que dubidar”?

Para ser cristián dun modo auténtico temos que saber e crer que Xesucristo é Deus. Pero isto non o conseguiremos por encantamento ou facendo un Cristo á nosa medida. Como dixo o papa Benedicto: “Non se comeza a ser cristián por unha decisión ética ou unha gran idea, senón polo encontro cun acontecemento, cunha Persoa, que dá un novo horizonte á vida e, con iso, unha orientación decisiva” (Deus caritas est, n. 1).

Creo que todos sabemos o que é atoparnos cunha persoa. As cousas podemos facelas á nosa medida, adaptalas, modificalas, ou desbotar delas o que non nos gusta. Pero non podemos facer todo isto coas persoas. As persoas son atopadas, aceptadas, queridas e isto é unha tarefa persoal de cada un. Non serven os intermediarios. Creo que o mesmo serve para o noso encontro con Xesucristo e a nosa relación con el.

Por outra banda, facer un Deus á nosa medida só serve para enganarnos e caer unha vez máis no mito de Narciso. O resultado dun deus feito á miña medida son eu mesmo e, por moitas calidades que teña, vou seguir sendo caduco, limitado, pequeno. Podo crerme como me dea a gaña, pero a realidade é a que é.

Se desposúo a Xesucristo da súa divinidade, o Evanxeo queda reducido a un conxunto de chíos sen valor. Se Xesucristo non é Deus, as súas palabras son as dun visionario que promete o que non pode dar, porque as súas palabras son sempre de “vida eterna” e, ata a data, non atopei unha persoa neste mundo que poida prometer a vida eterna a ninguén.

 

Miguel Ángel Álvarez Pérez

Párroco da Fonsagrada

[Texto orixinal]

Taller de informática básica para a procura de emprego organizado por Cáritas

O obxectivo deste Taller de informática básica para a procura de emprego que organiza Cáritas Lugo é dotar aos participantes de coñecementos básicos do uso do ordenador e como utilizar Internet na procura de emprego.

O curso está divido en 4 bloques de contidos:

1. Técnicas de procura de emprego.

2. WINDOWS. Word e Internet.

3. Igualdade de oportunidades.

4. Fomento do coidado e do respecto do medioambiente.

O taller durará 30 horas, comezando o 23 de abril de 2018 e concluíndo o 7 de maio no Centro de Servizos de Cáritas Diocesana de Lugo da avenida das Américas, 93-97 polas mañás, de 10h. a 13h

O taller está destinado a persoas en situación de desemprego, mulleres en situación de vulnerabilidade, ou exclusión, inmigrantes, xente nova proveniente do fracaso escolar. Deberán estar previamente dadas de alta no Programa de Emprego de Cáritas Diocesana de Lugo, (Rúa da Cruz, 1).

Cordeiros aos que coida o pastor

A imaxe máis tenra de Xesucristo é a do bo pastor. Non só polo que supón de grandeza para o pastor, que é Deus mesmo, tamén polo que evoca a imaxe, que nos recorda que as persoas deberiamos parecernos máis aos inocentes e entrañables años que aos feros lobos.

O vindeiro domingo, IV de Pascua, é o día do Bo Pastor. No Evanxeo escoitaremos a Xesucristo dicindo que el é o bo pastor para, a continuación, dicirnos o modo como coida de nós e as diferenzas cos pastores asalariados aos cales non lles importan as ovellas. Se nos asomamonos a algunhas das fiestras do mundo (debates e noticias en TV, parlamentos, redes sociais, conversas de corredor ou de barra do bar) dá a sensación que de que hai moitos máis lobos que ovellas. Últimamente os xuízos que facemos as persoas non son, precisamente, de misericordia cara ao próximo. Hai moita xente á que é imposible oírlle unha palabra que non sexa de crítica.

«Cando non estamos en paz connosco mesmos, inevitablemente vivimos en guerra con todos os que nos rodean. E o primeiro signo diso adoita ser o xuízo duro e desesperanzado cara aos demais. Con todo, a Pascua de Cristo posibilítanos formular un “xuízo resucitado” cara ao próximo. Detrás do “setenta veces sete” do Evanxeo, non se agocha meramente un precepto moral, senón o don dunha esperanza resucitada. Se San Ignacio de Loyola proponnos “salvar a proposición do próximo”, é porque a mirada e o xuízo resucitados son capaces de descubrir no próximo os dons que permanecen ocultos para quen non ten esperanza… A dureza de xuízo é indicio dunha vida mortecina, mentres que o xuízo de misericordia o é dunha vida resucitada» (Munilla).

Celebrar ao Bo Pastor non é só mirar para Xesucristo e loar a súa bondade e misericordia. É tamén mirarnos a nós mesmos e como están os nosos niveis de bondade, paciencia, humildade, ou se, no seu lugar, temos odio, crítica, maldade, desasosego, etc.

Esteamos como esteamos, sempre poderemos contar coa axuda de Xesucristo, Bo Pastor. Abonda con poñerse en silencio ante El 10 minutos para empezar a experimentar unha paz e unha alegría interior que non ten prezo. Fai a proba: vai a unha igrexa fóra das horas de Misa, libérate de prexuízos e lendas urbanas, localiza o sagrario, senta só nun banco en silencio e agarda un pouco. Aos 3 minutos empezarás a sentir como Deus che fala dentro de ti. Ao minuto seguinte notarás unha paz como nunca. O Bo Pastor colleuche no colo. Xa está. Non se necesita nada máis.

Miguel Ángel Álvarez

Párroco da Fonsagrada

Texto orixinal

O que se traía entre mans

Sempre fun un neno moi curioso, que me fixo en todo e non me soe escapárseme ningún detalle, por ínfimo que sexa. Por iso, tantas veces na celebración da Misa, mentres servía ao altar, a miña mirada volvíase cara ás miñas mans. Si, as miñas mans. E rezaba: «Señor, que as miñas mans un día poidan tamén tomar o pan e, polas túas palabras, transformalo no teu Corpo». E agora chegou ese momento.

Un dos xestos que se realiza na ordenación é a unción das mans, na cal o Bispo derrama o santo crisma, aceite perfumado que desprende o bo aroma de Cristo. Todo isto é o selo concreto que fixo das miñas mans, mans de Cristo, mans destinadas ao pobo, mans que tocarán ao home e entregaranlle os dons da salvación. Isto é o que Deus fixo comigo: pensaba que era eu o quen o vía, pero en realidade é El quen me atopou primeiro (Cf. Is 64,4).

Isto é unha obra que non se queda en min, por iso entendín que «El me chamou pola súa graza» (Gal 1,15) para chegar a todos aqueles cos que irei atopándome polo camiño, cos que me sentarei na Mesa Eucarística, aos que agregarei á familia de Deus… porque ao final, non pode entenderse un sacerdote sen a Igrexa como tampouco se pode entender sen Cristo.

Ante a inmensidade do misterio só podo quedarme «pequeno», como quen se sente agradecido, non por un momento, senón coa vida mesma. O feito de ser sacerdote significa que as miñas accións han de ser de Cristo, non predicarme a min mesmo, entón «El ten que crecer, e eu teño que minguar» (Xn 3,30).

Nicolás Susena

Sacerdote

Imaxe: Cathopic

Inmaculada Vázquez Fernández: Gracias, hijo: un mundo mejor es posible

Acto de presentación do libro no Instituto Masculino (12/04/2018)

Do libro Gracias hijo: un mundo mejor es posible, poden destacarse uns eixes teolóxicos e unha gran riqueza de valores ético-morais.

Xa no primeiro poema: y tus brazos me acogieron

tu amor me envolvió

y la felicidad llenó

todos mis rincones de mi pequeño ser

para siempre…

 

Aquí está revelando un concepto de Deus manifestado no seu Fillo Xesucristo. Un Deus tenro, un Deus pai-nai, un Deus cercano, cariñoso, bondadoso.

Lendo o libro observaráse un gran eixe de relación materno-filial. Cun gran valor de xenerosidade, de amor, e todo realizado cunha gran alegría. Este estilo de vida e de plantexamento educativo vai repercutir no mociño Gerald, sendo ese rapaz cariñoso, bo, listo e responsable. Por isto, a nai Conchi-Inma descúbreo todo como o gran regalo que Deus lle deu.

Tamén cando fala da Tita Flori xorde a gran actitude de crenza e dunha vida máis alá da morte.

Outro gran eixe teolóxico é a gran dimensión comunitaria cos amigos-amigas e a familia propia, que sempre está moi valorada. Así, a gran actitude maternal de entrega de cara ao seu fillo Gerald, síguea disfrutando en cada momento da vida.

Outro eixe teolóxico é o acompañamento, o ánimo, o cariño, que xorde por todas as páxinas da obra. Sempre despois de calquera actuación do seu fillo a frase que sempre soa: ¡Muy bien, cariño, lo has hecho muy bien!

Outro gran valor ético-moral que descubrimos é que Conchi e Gerald loitan pola dignidade da súa gran familia de Filipinas. Conchi sempre cre que un mundo mellor é posible. Sobresae o valor de facer o ben, neste caso a tantos nenos e nenas.

Outro valor a destacar é compartir o tempo, a vida, nos distintos aspectos. Así atopámonos na primeira parte do libro coa descrición dun fermoso cadro que simboliza unha flor e no tallo vese unha frase: O esencial é invisible aos ollos, soio se pode ver co corazón.

Tamén descubrimos unha clara transmisión de valores ao seu fillo Gerald analizando as etapas do Camiño de Santiago, por exemplo baixando do Cebreiro a Triacastela e noutras etapas escoitamos varias veces ao seu fillo, «Mami, yo te ayudo. Dame la mano». É dicir, ofrécese sempre colaboración, descúbrese unha preocupación polos demais.

Dille a nai ó fillo: Qué belo é compartir, Gerald! Comparte sempre a túa vida, o que es, o que teñas. É o que che fará feliz.

Plantéxase unha educación austera, facéndolle ver a Gerald que o esforzo é necesario. E a constancia é a que nos fai conseguir o verdadeiramente importante nesta vida.

Unha gran conclusión que podemos sacar nesta obra é que o regalo máis grande que Deus puxo na vida de Conchi é Gerald. Di: para ser feliz só necesitas un puñado de persoas ás que amas e te aman, polas que farías calquera cousa e que farían calquera cousa por ti.

Tamén neste segundo libro o logotipo Mensaxeiros da Paz dalle un prestixio á obra dende a bondade do Padre Ángel.

Como conclusión final, dicir que nai e fillo saben que un mundo mellor é posible. Por isto remata a obra cos agradecementos ás diversas persoas que colaboran para facer posible isto.

Luis Manuel Rodríguez Pérez

A %d blogueros les gusta esto: