O que se traía entre mans

Sempre fun un neno moi curioso, que me fixo en todo e non me soe escapárseme ningún detalle, por ínfimo que sexa. Por iso, tantas veces na celebración da Misa, mentres servía ao altar, a miña mirada volvíase cara ás miñas mans. Si, as miñas mans. E rezaba: «Señor, que as miñas mans un día poidan tamén tomar o pan e, polas túas palabras, transformalo no teu Corpo». E agora chegou ese momento.

Un dos xestos que se realiza na ordenación é a unción das mans, na cal o Bispo derrama o santo crisma, aceite perfumado que desprende o bo aroma de Cristo. Todo isto é o selo concreto que fixo das miñas mans, mans de Cristo, mans destinadas ao pobo, mans que tocarán ao home e entregaranlle os dons da salvación. Isto é o que Deus fixo comigo: pensaba que era eu o quen o vía, pero en realidade é El quen me atopou primeiro (Cf. Is 64,4).

Isto é unha obra que non se queda en min, por iso entendín que «El me chamou pola súa graza» (Gal 1,15) para chegar a todos aqueles cos que irei atopándome polo camiño, cos que me sentarei na Mesa Eucarística, aos que agregarei á familia de Deus… porque ao final, non pode entenderse un sacerdote sen a Igrexa como tampouco se pode entender sen Cristo.

Ante a inmensidade do misterio só podo quedarme «pequeno», como quen se sente agradecido, non por un momento, senón coa vida mesma. O feito de ser sacerdote significa que as miñas accións han de ser de Cristo, non predicarme a min mesmo, entón «El ten que crecer, e eu teño que minguar» (Xn 3,30).

Nicolás Susena

Sacerdote

Imaxe: Cathopic

Ordenación sacerdotal de José García Pájaro

ordenacion

O 9 de xaneiro a Catedral de Lugo acolleu a ordenación dal de José García Pájaro. Natural da parroquia da Nosa Señora das Dores de Lalín, onde naceu en 1977. Tralos estudos primarios e secundarios, iniciou a súa formación sacerdotal no Seminario de Lugo no curso 2003-2004. José García foi ordenado diácono en decembro do 2014 e estivo colaborando pastoralmente en parroquias da Barrela e Chantada.

Algúns datos

Desde o ano 2010 foron ordenados seis sacerdotes (contando esta última ordenación). Este ano está prevista a ordenación dun novo diácono.

No Seminario Maior de Lugo prepáranse actualmente ao sacerdocio catro rapaces da Diocese de Lugo e un da Diocese de Mondoñedo. Outros candidatos, tanto do Seminario Menor como de fóra están actualmente en discernimento vocacional.

Vixilias de oración polas vocacións

Estamos ante unha ocasión de graza para lembrar que Deus continúa chamando a persoas que se consagren ao servizo dos demais como sacerdotes na Igrexa, ministros da misericordia e anunciadores da alegría do Evanxeo. Así mesmo, constitúe unha invitación a renovar a oración polas vocacións en toda a Diocese. Por iso, para preparar a ordenación e tomar conciencia da importancia de rezar polas vocacións sacerdotais, o pasado 7 de xaneiro tivo lugar na Catedral a primeira das vixilias de oración que se irán celebrando todos os xoves do curso de 21 a 22 h.

[Álbum fotográfico da ordenación]

Alberto Riádigos e Daniel Gil serán ordenados sacerdotes o día 23

Ordenacións Daniel e Alberto diáconos
Alberto e Daniel cando ían ser ordenados diáconos

Daniel Gil González e Alberto Riádigos García son dous seminaristas que serán ordenados sacerdotes polo Bispo de Lugo o 23 de febreiro ás 17.30 na Catedral. Naturais de Lalín, colaboraron pastoralmente en varias parroquias.

Palabras de Alberto: “Sumamente compracido, entregueille a Xesús a miña vida. Á fin e ao cabo, El concedeuma desde un principio; El rescatouna, conquistándoa para si, cando eu estaba a piques de perdela; e El volveuna a poñer dentro de min, esta vez, enriquecida coa súa mesma Vida”.

Palabras de Daniel Gil: “No Seminario decateime de que non vou ser eu o que estimule os corazóns dos demais fieis, senón que será El quen, a través de min, manifeste todo o seu amor. Eu só serei mero instrumento nas súas mans, como unha tinta indeleble coa que poida escribir nas páxinas da historia”.

A %d blogueros les gusta esto: