Creo no Deus de Xesucristo?

No primeiro mes de ano toca facer as contas das parroquias. Se ao comprobalas falta aínda que só sexa un céntimo, hai que revisar todo ata que apareza. Tampouco é que pasase nada porque falte un céntimo ou uns poucos euros, pero é que están nalgún sitio e hai que atopalos, para que as contas estean como teñen que estar e todo estea perfectamente xustificado. Ademais, se os números que figuran nos papeis non coinciden coa realidade, estamos falseando as cousas e os primeiros enganados seremos nós mesmos.

Ninguén quere cometer erros, todos queremos facer as cousas dun modo perfecto. E no caso de que non quede máis remedio que xogar con pezas defectuosas, queremos coñecer onde están os fallos para compensalos doutro xeito e minimizar as consecuencias. Poño un exemplo: se son consciente de que as rodas do meu coche non están en bo estado, sei que teño que extremar as precaucións ao máximo e reducir a velocidade para evitar un accidente, pois o coche non vai ser tan seguro nesas circunstancias.

Creo que así funcionamos todos, mais ou menos, excepto aqueles que se gañan a vida enganando aos demais. Pero tamén estes quéreno facer dun modo “perfecto” para non ser descubertos.

Pero buscamos esta mesma perfección nas cousas da fe?, cremos calquera cousa ou de calquera xeito? Cando algo non nos gusta ou  molesta, prescindimos dela e facemos unha relixión á nosa medida?

Dito doutro xeito, creo que Xesucristo é Deus? ou fago como o que contan daquel cura que “cría en todo o que hai que crer e dubidaba todo o que había que dubidar”?

Para ser cristián dun modo auténtico temos que saber e crer que Xesucristo é Deus. Pero isto non o conseguiremos por encantamento ou facendo un Cristo á nosa medida. Como dixo o papa Benedicto: “Non se comeza a ser cristián por unha decisión ética ou unha gran idea, senón polo encontro cun acontecemento, cunha Persoa, que dá un novo horizonte á vida e, con iso, unha orientación decisiva” (Deus caritas est, n. 1).

Creo que todos sabemos o que é atoparnos cunha persoa. As cousas podemos facelas á nosa medida, adaptalas, modificalas, ou desbotar delas o que non nos gusta. Pero non podemos facer todo isto coas persoas. As persoas son atopadas, aceptadas, queridas e isto é unha tarefa persoal de cada un. Non serven os intermediarios. Creo que o mesmo serve para o noso encontro con Xesucristo e a nosa relación con el.

Por outra banda, facer un Deus á nosa medida só serve para enganarnos e caer unha vez máis no mito de Narciso. O resultado dun deus feito á miña medida son eu mesmo e, por moitas calidades que teña, vou seguir sendo caduco, limitado, pequeno. Podo crerme como me dea a gaña, pero a realidade é a que é.

Se desposúo a Xesucristo da súa divinidade, o Evanxeo queda reducido a un conxunto de chíos sen valor. Se Xesucristo non é Deus, as súas palabras son as dun visionario que promete o que non pode dar, porque as súas palabras son sempre de “vida eterna” e, ata a data, non atopei unha persoa neste mundo que poida prometer a vida eterna a ninguén.

 

Miguel Ángel Álvarez Pérez

Párroco da Fonsagrada

[Texto orixinal]

Deixa un comentario

A %d blogueros les gusta esto: