A hospitalidade

Xesucristo encárnase na historia nun contexto de inxustiza, de cegueira e de conflito. Así, podía afirmar que o Deus cristián, encarnándose, dándose gratuitamente, redime e practica a xustiza, baléirase de si mesmo e convértese nun de tantos, especialmente nun migrante, pasando por condicións de pobreza, de sufrimento, de persecución e de vulnerabilidade desde unha opción sacrificial e de solidariedade divina.

A fermosa pasaxe bíblica de Mateo 25 preséntanos a Xesús con esta extraordinaria parábola: ”Cando te vimos forasteiro e te acollemos?… Asegúrovos que canto fixestes cun destes irmáns meus máis pequenos fixéstelo comigo” (Mt 25, 38-40). Deste xeito, o Fillo de Deus, Xesús de Nazaret, faise un refuxiado, convértese nun migrante e iso implica que no contacto cos migrantes e refuxiados coñécese mellor, máis de perto, a presenza viva e real do mesmo Deus. En cada un destes máis pequenos é o mesmo Cristo o que está presente. A hospitalidade de Xesús, como nos nosos días, apóiase en sólidos alicerces: acoller no fogar e invitar á mesa; crear espazos de encontro para axudar a sanar, compartir, reconciliar, discernir, celebrar e ser testemuñas de esperanza. As comidas e celebracións son un elemento central na experiencia de Xesús como migrante e peregrino. En moitas ocasións, senta á mesa con pecadores e marxinados por razóns económicas, de saúde, raciais, relixiosas e ata morais. Deste xeito reconfigura as barreiras da puridade aínda a costa do rexeitamento e do escándalo. Algúns teólogos chegan a afirmar que Xesús foi crucificado pola forma en que comía.

En calquera caso, a familia migrante é unha institución privilexiada para a hospitalidade. O papa Francisco así o afirma na recente exhortación apostólica Amoris Laetitia (46): “As migracións representan outro signo dos tempos que hai que afrontar e comprender con toda a carga de consecuencias sobre a vida familiar. A mobilidade humana, que corresponde ao movemento histórico natural dos pobos, pode revelarse unha auténtica riqueza, tanto para a familia que emigra como para o país que a acolle (AL 46).

Por todo iso necesitamos recompoñer as nosas ideas, senón ideoloxías perversas, e aprender a mirar de novo, contemplando a vida exemplar de Cristo, o Mestre, e enfocando, con misericordia e sentido común, a perspectiva especial coa que necesitan ser miradas moitas familias. Refírome en especial ás mulleres e nenos que viven experiencias migratorias dramáticas e devastadoras, sobre todo, cando teñen lugar fóra da legalidade e sostéñenas circuítos internacionais de trata de persoas.

J. Mario Vázquez Carballo

Vicario Xeral

Nosa Señora dos Ollos Grandes, patroa de Lugo

O vindeiro mércores, 15 de agosto, a Diocese e o pobo de Lugo, con motivo da solemnidade da Asunción da Virxe María, renderá homenaxe á súa patroa baixo a fermosa advocación da “Nosa Señora dos Ollos Grandes”. En verbas do historiador Narciso Peinado, os lucenses temos o privilexio dunha “fermosa, orixinal e feliz advocación”.

Ás doce do mediodía, o Bispo da Diocese presidirá a Eucaristía que concluirá cunha entrañable ofrenda floral na capeliña barroca dedicada a Nosa Señora. Nese momento, acompañado do Cabido da S. I. Catedral, da Alcaldesa, dunha representación do Concello e das autoridades locais e cunha nutrida representación de fieis que se congregan física e espiritualmente na Capeliña da Señora, contemplan a imaxe da Patroa e venérana con filial devoción. Estamos ante unha devoción popular moi antiga. A cantiga 77 do rei Alfonso X o Sabio, recordando os milagres da Nosa Señora, é unha testemuña veraz da devoción a María expresada nunha imaxe moi anterior á actual. Parece evidente que esta imaxe actual da Virxe representa, dun xeito moi semellante, á que o Rei Sabio lle cantou no seu día. Na imaxe actual, María está representada de pé, con manto e túnica longas; a cabeza cuberta cun veo que deixa amosar unha fermosa melena ondulada; mentras suxeita o Neno coa man esquerda, ofrécelle a este, coa dereita, o peito nutricio (daí tamén a advocación da Virxe do Leite), branco e espido; o neno viste roupas amplas, leva unha bola na man esquerda, vai descalzo e coloca a manciña dereita sobre o peitiño da súa nai.

Pero que ten, pois, de orixinal esta advocación? Máis aló do argumento da fermosura do corpo e da grandeza dos ollos expresados na imaxe, agóchase un xeito popular de entender a devoción a María, unha Marioloxía dos ollos e das miradas, substractos teolóxicos con arraigadas fundamentacións bíblicas, froito dun pensamento ben elaborado e oculto, en ocasións, detrás de pregarias e expresións relativas ao corazón humano e a sentimentos fondamente relixiosos. Neste contexto pódese entender a tradición que asegura que, inspirado nesta imaxe, compuxo San Pedro de Mezonzo a “Salve Regina”. Os ollos son o correlato do corazón, e dado que o corazón se substrae a todas as miradas porque está escondido no peito, búscaselle unha correspondencia exterior que é precisamente a dos ollos.

Nun estudo sobre María e Galicia do ano 1947, o entón coéngo mestrescola e Reitor do Seminario de Santiago, referíndose ao desterro do Bispo Odoario, a reedificación do templo de Santa María e a recuperación da imaxe da Virxe no templo, afirma: “aquella imagen cuyos ojos grandes no se apartaron un momento de su pueblo escogido, durante los días del cautiverio”. Certamente os ollos da Virxe de Lugo parécense, coa súa mirada atraínte, a un imán. Así o testemuñan centos de fieis que cada día a contemplan. Nunca está soa. É notorio para os lucenses que Ela estende a súa doce mirada sobre todos os fieis e nunca os abandona nas peticións de auxilio e socorro.

Queira Deus que aprendamos a mirar limpa e misericordiosamente a todos como Ela nos mira.

José Mario Vázquez Carballo

Vicario Xeral da Diocese

«Eu son o teu Pai!»

Se cadra nunca viches a saga Star Wars, pero si oíches nalgún anuncio ou viches nalgunha imaxe esta icónica, e xa lendaria, frase do cine. No episodio V, O imperio contraataca, Darth Vader, caracterizado polo son do seu respirador artificial, nunha batalla decisiva con Luke Skywalker, decide facerlle a confesión máis importante da súa vida (que ata podería ser o comezo da súa inacabada conversión): «Eu son o teu pai».

Trasladémonos por un instante á pasaxe de Lc 15. Si, o fillo pródigo. Na parábola, Xesús fálanos dun fillo -o menor- que decide malgastar a parte da herdanza que lle corresponde. Malgastada a fortuna e malvivindo mentres coida porcos, opta por regresar a casa do seu pai que é, en realidade, tamén a súa casa. O discurso que prepara só ten a pretensión de ter un lugar onde comer, vivir e durmir; traballar como outro xornaleiro calquera.

Pero entón entra en escena o pai. O máis importante deste personaxe é xustamente iso: que é pai! O texto di: «cando aínda estaba lonxe, viuno o seu pai». Alí estaba el, esperando ao seu fillo. Un pai que ama desexa volver reencontrarse co seu fillo; con máis razón cando o fillo decide marchar da casa!

Cinco verbos: «viuno e conmovéronselle as entranas; e, ás presas, botóuselle ao pescozo e cubriuno de bicos». En 5 verbos descríbesenos a acción amorosa deste pai. Unha acción que nace dun desexo: o regreso do seu fillo. E aquí está, volveu!

O máis curioso deste momento é que, mentres o fillo está empeñado en ser un xornaleiro, o pai, para falar del, chámao “fillo”. Quizais a frase de Darth Vader, malia ser o malo, é moi certa. É o seu pai e el sempre será o seu fillo. É o teu pai e ti sempre serás o seu fillo. Deus é o noso Pai e nunca cansará de chamarnos fillos, de esperarnos, de correr cara a nós e cubrirnos de bicos. E entón volveremos descubrir este abrazo paterno que nos protexe e dános vida. «Este fillo meu estaba morto e reviviu».

«A comunicación [entre pai e fillo] é ás veces difícil, a confianza diminúe e a relación coa figura paterna pode volverse problemática; e entón tamén se fai problemático imaxinar a Deus como un pai, ao non ter modelos axeitados de referencia. Para quen ten a experiencia dun pai demasiado autoritario e inflexible, ou indiferente e pouco afectuoso, ou ata ausente, non é doado pensar con serenidade en Deus como Pai e abandonarse a El con confianza» (Benedicto XVI, Audiencia xeral, 30-I-2013).

Que Deus é Pai é a primeira afirmación que facemos no Credo e é posible grazas a que Xesús pediunos que, cando oremos, digamos: “Pai noso”. Polo bautismo somos fillos de Deus; redescubrámolo como Pai, aprendamos a amar como fillos. El sostén, acompaña e guía as nosas accións, e, ademais, somos partícipes dunha herdanza: a vida eterna. «Quen non procurará non perder tal Pai?» (Santa Teresa).

Nicolás Susena

Vicario parroquial da Milagrosa (Lugo)

Anxos Custodios

Algúns Anxos son destinados por Deus para garda e custodia dos homes. A Igrexa non definiu expresamente esta doutrina como de fe, pero dedúcese claramente dos datos que nos proporciona a Sagrada Escritura. Todos e cada un dos homes, bautizados ou non, teñen o seu correspondente Anxo da Garda. A explicación deste feito achámola en Santo Tomás de Aquino’, que di: “O home atópase na vida presente como nun camiño que o leva ao ceo. Neste camiño combáteno moitos inimigos tanto interiores como exteriores. Por iso, así como aos que van por lugares inseguros proporciónaselles escolta, así tamén a cada home mentres se dirixe á gloria, dáselle un Anxo Custodio, de tal maneira que ningún Anxo se encarga de custodiar a dous ou máis persoas. Aínda que, doutra banda, é moi posible que alguén teña dous ou máis Anxos da Garda, a saber, un por ser persoa particular e outro ou outros por desempeñar cargos públicos na Igrexa ou na sociedade”. (Santo Tomé de Aquino, I.q. 113, a. 4. Suma Teológica bilingüe, Madrid, BAC, T. III, p. 949.)

O Anxo Custodio témolo desde o nacemento e non antes. Non é, pois, preciso esperar ao bautismo para gozar do privilexio do Anxo persoal, porque os beneficios que se conceden ao home en canto é cristián comezan cando se bautiza; pero os que se lle confiren en atención á súa natureza racional recíbeos no momento de nacer. Mentres o neno está no ventre da súa nai, o Anxo desta coida dos dous.

A garda e compañía do Anxo Custodio prolóngase ata que a alma chega ao seu destino eterno, ou sexa, ao ceo ou ao inferno. No Purgatorio continúa aínda, segundo a opinión máis probable, a custodia do Anxo, non para protexer á alma, senón para consolala, iluminala e anunciarlle a súa próxima liberación daquel cárcere de purificación. No paraíso cesará propiamente a custodia da alma, pero o noso Anxo seguirá eternamente reinando connosco en calidade de Anxo correinante.

Os Anxos da Garda non sofren polos males físicos dos seus custodiados, porque saben que as adversidades, cando se padecen con resignación, convértense en bendicións de Deus que contribúen ao ben das persoas virtuosas. Non sofren tampouco os Anxos polos pecados que cometen os seus protexidos, porque Deus permíteos para sacar deles un proveito espiritual maior polo arrepentimento e a penitencia posterior. Non sofren, en fin, os Anxos pola condenación dos que gardan, porque non teñen culpa ningunha da condenación desas almas.

Cada unha das nacións, pobos, dioceses, ordes relixiosas, conventos e parroquias teñen o seu propio Anxo. Esta é unha doutrina comunmente aceptada. Crese que o Anxo Custodio da Igrexa é San Miguel.

Manuel López Paradela: Guía Práctica de Almas Espirituales

A %d blogueros les gusta esto: