Nosa Señora dos Ollos Grandes, patroa de Lugo

O vindeiro mércores, 15 de agosto, a Diocese e o pobo de Lugo, con motivo da solemnidade da Asunción da Virxe María, renderá homenaxe á súa patroa baixo a fermosa advocación da “Nosa Señora dos Ollos Grandes”. En verbas do historiador Narciso Peinado, os lucenses temos o privilexio dunha “fermosa, orixinal e feliz advocación”.

Ás doce do mediodía, o Bispo da Diocese presidirá a Eucaristía que concluirá cunha entrañable ofrenda floral na capeliña barroca dedicada a Nosa Señora. Nese momento, acompañado do Cabido da S. I. Catedral, da Alcaldesa, dunha representación do Concello e das autoridades locais e cunha nutrida representación de fieis que se congregan física e espiritualmente na Capeliña da Señora, contemplan a imaxe da Patroa e venérana con filial devoción. Estamos ante unha devoción popular moi antiga. A cantiga 77 do rei Alfonso X o Sabio, recordando os milagres da Nosa Señora, é unha testemuña veraz da devoción a María expresada nunha imaxe moi anterior á actual. Parece evidente que esta imaxe actual da Virxe representa, dun xeito moi semellante, á que o Rei Sabio lle cantou no seu día. Na imaxe actual, María está representada de pé, con manto e túnica longas; a cabeza cuberta cun veo que deixa amosar unha fermosa melena ondulada; mentras suxeita o Neno coa man esquerda, ofrécelle a este, coa dereita, o peito nutricio (daí tamén a advocación da Virxe do Leite), branco e espido; o neno viste roupas amplas, leva unha bola na man esquerda, vai descalzo e coloca a manciña dereita sobre o peitiño da súa nai.

Pero que ten, pois, de orixinal esta advocación? Máis aló do argumento da fermosura do corpo e da grandeza dos ollos expresados na imaxe, agóchase un xeito popular de entender a devoción a María, unha Marioloxía dos ollos e das miradas, substractos teolóxicos con arraigadas fundamentacións bíblicas, froito dun pensamento ben elaborado e oculto, en ocasións, detrás de pregarias e expresións relativas ao corazón humano e a sentimentos fondamente relixiosos. Neste contexto pódese entender a tradición que asegura que, inspirado nesta imaxe, compuxo San Pedro de Mezonzo a “Salve Regina”. Os ollos son o correlato do corazón, e dado que o corazón se substrae a todas as miradas porque está escondido no peito, búscaselle unha correspondencia exterior que é precisamente a dos ollos.

Nun estudo sobre María e Galicia do ano 1947, o entón coéngo mestrescola e Reitor do Seminario de Santiago, referíndose ao desterro do Bispo Odoario, a reedificación do templo de Santa María e a recuperación da imaxe da Virxe no templo, afirma: “aquella imagen cuyos ojos grandes no se apartaron un momento de su pueblo escogido, durante los días del cautiverio”. Certamente os ollos da Virxe de Lugo parécense, coa súa mirada atraínte, a un imán. Así o testemuñan centos de fieis que cada día a contemplan. Nunca está soa. É notorio para os lucenses que Ela estende a súa doce mirada sobre todos os fieis e nunca os abandona nas peticións de auxilio e socorro.

Queira Deus que aprendamos a mirar limpa e misericordiosamente a todos como Ela nos mira.

José Mario Vázquez Carballo

Vicario Xeral da Diocese

Deixa un comentario

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

A %d blogueros les gusta esto: