«Eu son o teu Pai!»

Se cadra nunca viches a saga Star Wars, pero si oíches nalgún anuncio ou viches nalgunha imaxe esta icónica, e xa lendaria, frase do cine. No episodio V, O imperio contraataca, Darth Vader, caracterizado polo son do seu respirador artificial, nunha batalla decisiva con Luke Skywalker, decide facerlle a confesión máis importante da súa vida (que ata podería ser o comezo da súa inacabada conversión): «Eu son o teu pai».

Trasladémonos por un instante á pasaxe de Lc 15. Si, o fillo pródigo. Na parábola, Xesús fálanos dun fillo -o menor- que decide malgastar a parte da herdanza que lle corresponde. Malgastada a fortuna e malvivindo mentres coida porcos, opta por regresar a casa do seu pai que é, en realidade, tamén a súa casa. O discurso que prepara só ten a pretensión de ter un lugar onde comer, vivir e durmir; traballar como outro xornaleiro calquera.

Pero entón entra en escena o pai. O máis importante deste personaxe é xustamente iso: que é pai! O texto di: «cando aínda estaba lonxe, viuno o seu pai». Alí estaba el, esperando ao seu fillo. Un pai que ama desexa volver reencontrarse co seu fillo; con máis razón cando o fillo decide marchar da casa!

Cinco verbos: «viuno e conmovéronselle as entranas; e, ás presas, botóuselle ao pescozo e cubriuno de bicos». En 5 verbos descríbesenos a acción amorosa deste pai. Unha acción que nace dun desexo: o regreso do seu fillo. E aquí está, volveu!

O máis curioso deste momento é que, mentres o fillo está empeñado en ser un xornaleiro, o pai, para falar del, chámao “fillo”. Quizais a frase de Darth Vader, malia ser o malo, é moi certa. É o seu pai e el sempre será o seu fillo. É o teu pai e ti sempre serás o seu fillo. Deus é o noso Pai e nunca cansará de chamarnos fillos, de esperarnos, de correr cara a nós e cubrirnos de bicos. E entón volveremos descubrir este abrazo paterno que nos protexe e dános vida. «Este fillo meu estaba morto e reviviu».

«A comunicación [entre pai e fillo] é ás veces difícil, a confianza diminúe e a relación coa figura paterna pode volverse problemática; e entón tamén se fai problemático imaxinar a Deus como un pai, ao non ter modelos axeitados de referencia. Para quen ten a experiencia dun pai demasiado autoritario e inflexible, ou indiferente e pouco afectuoso, ou ata ausente, non é doado pensar con serenidade en Deus como Pai e abandonarse a El con confianza» (Benedicto XVI, Audiencia xeral, 30-I-2013).

Que Deus é Pai é a primeira afirmación que facemos no Credo e é posible grazas a que Xesús pediunos que, cando oremos, digamos: “Pai noso”. Polo bautismo somos fillos de Deus; redescubrámolo como Pai, aprendamos a amar como fillos. El sostén, acompaña e guía as nosas accións, e, ademais, somos partícipes dunha herdanza: a vida eterna. «Quen non procurará non perder tal Pai?» (Santa Teresa).

Nicolás Susena

Vicario parroquial da Milagrosa (Lugo)

Deixa un comentario

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

A %d blogueros les gusta esto: