Xoves e Venres Santo

Xoves Santo

A celebración eucarística da Misa vespertina da Cea do Señor que se celebra na S. I. Catedral e nas parroquias, así como a posterior procesión da Santa Cea, son os acontecementos máis significativos deste Xoves Santo na cidade. Acontecementos que adquiren especial relevancia ao celebrarse este ano o 350 aniversario da Ofrenda do Antigo Reino de Galicia ao Santísimo Sacramento (1669-2019) e ao renovarse recentemente o privilexio, na nosa Catedral, da Indulxencia Plenaria cotiá e permanente.

A misa vespertina do Xoves Santo, en Lugo, Cidade do Sacramento, debe vivirse especialmente como o gran pórtico do Triduo pascual e baixo o prisma do sacramento ou signo que lembra e fai presente o Misterio pascual da morte e resurrección de Xesucristo, que se celebrarán con solemnidade nestes días. Así, faise memoria dos misterios da institución da Eucaristía, do sacramento da orde e do mandato do Señor sobre a caridade fraterna polo que, a causa dos pobres convértese en causa de Deus. Esta Misa santa representa, pois, a profecía do que será o triunfo da vida que a Igrexa se dispón a celebrar con especial solemnidade na Noite Pascual.

Venres santo

Todas as celebracións do Triduo teñen como obxecto o conxunto do Misterio Pascual ou tamén chamado “tránsito de Xesucristo”. A través de tres realidades, morte, sepultura e exaltación ao ceo, pasa deste mundo ao Pai e fai pasar tamén consigo á humanidade enteira, da morte á vida e do pecado á vida de amizade e comuñón con Deus. Desde a perspectiva litúrxica, a característica máis propia e o matiz máis peculiar do Venres Santo, primeiro día de Pascua, é a contemplación do Deus crucificado que coa súa morte, inaugura a Pascua e vence o fracaso de toda a humanidade. A antífona dun dos cantos máis característicos deste día exprésao moi ben: A túa Cruz adoramos, Señor, e a túa santa resurrección loamos e glorificamos.

A Igrexa, pasa neste día, dunha intensa austeridade no comezo do Triduo, á utilización de elementos festivos e alegres na noite e día de Pascua. Desde a paixón de Cristo, xeracións de cristiáns atormentados, perseguidos, enfermos, prisioneiros, seguen mirando cara ao crucificado doente, que, como dicía P. Claudel, non veu nin a suprimir o mal, nin a darlle unha explicación, senón a solidarizarse co sufrimento humano, a compartilo e a enchelo coa súa presenza para salvarnos da morte eterna. Desde entón, a última palabra xa non é de morte, senón de resurrección e vida.

J. Mario Vázquez Carballo

O día en que Deus quixo subirse a un asno

A liturxia do Domingo de Ramos ábrese cun ton festivo na Igrexa universal e tamén nas rúas de Lugo (Praza de Santa María, Praza Maior, Rúa da Raíña e Armanyá) coa presenza da Confraría da Entrada Triunfal de Xesús en Xerusalén (chamada popularmente da “Borriquita”) e con centos de familias que a acompañan, especialmente nenos. É tradición, dada a multitude de participantes, bendicir os ramos na Praza de Santa María e, antes da Santa Misa solemne na Catedral, participar na procesión nun ambiente de alegría e fraternidade. Aínda que estamos en tempo de eleccións, en contra do que afirmaron algúns autores (Raimarus, Brandon, entre outros), aquel acontecemento en Xerusalén pouco tivo que ver cunha revolta política semellante ás que organizaba o movemento zelota. No ambiente tenso que se vivía daquela en Palestina (desgraciadamente tamén hoxe, por outras circunstancias) polas concentracións masivas ante a Pascua, os militares romanos que vixiaban desde a próxima Torre Antonia, teríano reprimido moi pronto. Como todas as cousas de Deus, o que aconteceu entón, probablemente, foi un acto sinxelo de aclamación no que algúns habitantes de Xerusalén acolleron con sinceridade de corazón, e con ramos de oliveira e palmas, ao Mestre de Nazaret. A nosa vella tradición popular da procesión de Ramos, polas rúas das nosas cidades e ao redor das igrexas e ermidas das nosas parroquias, mantén aquelas mesmas formas sinxelas e naturais de espontaneidade.

Acabada a procesión de Ramos, a liturxia adquire enseguida un ton distinto coa lectura e meditación da Paixón do Señor segundo san Mateo, a que inmortalizará nunha das máis belas composicións musicais da historia J. S. Bach. Entramos así no clima que debe predominar durante esta semana á que a tradición da Igrexa cualificou de “santa”. En Lugo, este clima celébrase xa pola tarde do mesmo Domingo de Ramos na rúa, coa procesión da Virxe das Dores, organizada pola Confraría do Desencravo do Señor e das Maiores Dores de María Santísima. Costaleiros e costaleiras portarán os pasos. A Banda Municipal de Meira interpretará belas pezas musicais e o Orfeón Xoán Montes a Salve Raiña, ao final da procesión.

Así como o Deus cristián solidarizouse coa dor humana na paixón e morte de Cristo, convídase aos seguidores de Xesús, hoxe, a percibir e experimentar ese doloroso contraste que Xesús sentiu no seu corazón nese día: a alegría de sentirse querido polos seus amigos e a dor da traizón e o abandono que lle fan chorar sobre Xerusalén. Aí está o Mesías que salva. Que realiza o que di, o servo de Deus que se entrega voluntariamente á paixón como resultado de predicar sempre a verdade, dos seus anuncios e denuncias. Tédelo aí, como afirma o Papá Francisco, “é o gran Paciente da dor humana”. Non é un charlatán que sementa falsas ilusións, nin tampouco un falso profeta da new age. É o mesmísimo Fillo de Deus sufrinte, que vén ao mundo para combater o mal e a inxustiza, para rescatar ao pobre e ao marxinado das súas postracións e axudarnos a levantar as miradas cara ao futuro con promesas certas de vida e resurrección. A nosa peregrinación de Ramos, seguindo a Xesucristo, non remata en ningunha cidade terrea, senón na nova cidade de Deus que crece no medio deste mundo, mentres seguimos camiñando, na compañía de Cristo, como peregrinos da paz e cidadáns do ceo.

J. Mario Vázquez Carballo

Vicario Xeral da Diocese

Sistema electoral e pobres

No contexto das próximas campañas electorais, nas que xa estamos metidos, imos oír falar moito do actual sistema electoral dado que se considera inxusto, que prexudica a determinados partidos, que se o voto nunha provincia ten máis valor ca noutra, que se hai moitos votos que se perden, que se hai que cambiar a lei electoral, que o que hai que facer é isto ou o contrario, porque así favorece máis a estes ou aos outros, etc.

Quero axudar a pensar un pouco sobre algúns dos sistemas electorais, a mentalidade que os sustenta e as consecuencias de escoller un determinado método de elección ou outro.

Cando se escolleu o sistema electoral vixente para o Congreso dos Deputados buscábase que tivese presente a demarcación territorial básica que é a provincia, á que lle corresponderían 2 escanos e o resto repartiríanse entre as provincias en función da poboación con representación proporcional. Sobre todo buscábase o control sobre os parlamentarios por parte dos líderes dos partidos e non dos seus electores; de aí as listas completas, pechadas e bloqueadas. Isto leva consigo que a maioría non coñeza nin sequera os nomes dos que deberían ser os seus representantes nin teña ningunha capacidade de control sobre eles.

No límite das posibilidades que permite o espazo deste artigo faremos algúns apuntamentos sobre os sistemas electorais. Se ao iniciar o debate sobre a lei electoral se parte dunha mentalidade tendente a favorecer “medidas progresistas”, modernas, habería que premiar o voto dos lugares máis progresistas e avanzados de España (?), é dicir, Madrid, Barcelona, Valencia… en detrimento das zonas máis atrasadas de España, as rurais e despoboadas. Esa era a razón pola que en 1931 dúas das tres parlamentarias no Congreso, Margarita Nelken (PSOE) e Victoria Kent (Radical Socialista) se opuxeron ao voto das mulleres ao contrario de Clara Campoamor do Partido Republicano. Non é casual que descoñezamos o feito ao que se sumaron algúns parlamentarios máis do PSOE, anque algúns pensen que foi ao revés. A historia cando a hai, é a que é, para ben e para mal, e como ensina a sabedoría evanxélica ten mestura de trigo e xoio en diversas proporcións. Se non hai historia é certo que non hai motivos para desconfiar, pero tamén é tan certo que non os hai para confiar. Cousas da vida!

Outros pretenden que o sistema electoral estea en función dun territorio habitado por un pobo que ten unha misión histórica e unha identidade de seu. Por iso din que “non se pode frear a vontade dun pobo”. Este territorio ideoloxizado leva a que só poidan decidir o seu futuro os que coñecen os seus arcanos, e por iso sosteñen que non poden decidir o futuro da patria, do pobo, os traidores á ela e á súa identidade, os que non son fieis, os estranxeiros… ou os que desprezan a súa cultura e se teñen “autoodio”, (habería que curalos antes).

Outros sistemas electorais levan a que os elixidos estean máis pendentes dos electores que os elixiron ca do partido ao que pertencen, e votan nos parlamentos mesmo en contra das indicacións expresas da dirección dos seus partidos, como vimos en Inglaterra entre outros moitos casos co Brexit. Isto sucede porque son circunscricións territoriais uninominais que elixen un só parlamentario, o que leva consigo que, se non se está en contacto cos electores, nin se ten en conta a súa vontade, non os van reelixir.

Á hora de valorar e elixir o sistema electoral non podemos esquecer que a finalidade da acción política é promover o BEN COMÚN e, por tanto, priorizar a solución dos problemas dos que peor están, precisamente porque son os que están peor, pois todos os humanos temos a mesma dignidade e os mesmos dereitos. En consecuencia hai que potenciar a capacidade de decisión política dos máis excluídos e empobrecidos. Iso leva consigo, para España, premiar a representación das zonas do país máis desérticas, despoboadas, con menos recursos e riqueza.

Vexamos un exemplo, se na provincia de Lugo, con case a mesma poboación cá cidade de Vigo pero con moitísima máis extensión se fai unha inversión de 10 millóns de euros, onde se poderían conseguir máis votos? Pensemos se a despoboación e o empobrecemento de case toda a España interior non terminará prexudicando gravemente a todo o país. Por iso habería que dar moita máis representación política ás zonas e barrios empobrecidos. Non estamos a favor da igualdade real de oportunidades e mesmo da discriminación positiva para os máis pobres? O criterio ético-político sería o que formulan clara e sinteticamente os bispos de USA, defendendo o protagonismo dos pobres, no seu documento “Xustiza Económica Para Todos”, que no nº 24 afirma: “Hai que avaliar as decisións (políticas e económicas) á luz do que fan PARA os pobres, o que fan AOS pobres e o que posibilitan que os POBRES (suxeito) FAGAN PARA SI MESMOS”

Para concluír, se os parlamentarios elixidos son representantes dos cidadáns, do pobo, este ten que poder controlalos nas súas decisións e, por tanto, poder cesalos e substituílos con un procedemento claro para os electores. Isto faise mellor en circunscricións uninominais.

Antón Negro

Delegado Episcopal de Cáritas

A %d blogueros les gusta esto: