O día en que Deus quixo subirse a un asno

A liturxia do Domingo de Ramos ábrese cun ton festivo na Igrexa universal e tamén nas rúas de Lugo (Praza de Santa María, Praza Maior, Rúa da Raíña e Armanyá) coa presenza da Confraría da Entrada Triunfal de Xesús en Xerusalén (chamada popularmente da “Borriquita”) e con centos de familias que a acompañan, especialmente nenos. É tradición, dada a multitude de participantes, bendicir os ramos na Praza de Santa María e, antes da Santa Misa solemne na Catedral, participar na procesión nun ambiente de alegría e fraternidade. Aínda que estamos en tempo de eleccións, en contra do que afirmaron algúns autores (Raimarus, Brandon, entre outros), aquel acontecemento en Xerusalén pouco tivo que ver cunha revolta política semellante ás que organizaba o movemento zelota. No ambiente tenso que se vivía daquela en Palestina (desgraciadamente tamén hoxe, por outras circunstancias) polas concentracións masivas ante a Pascua, os militares romanos que vixiaban desde a próxima Torre Antonia, teríano reprimido moi pronto. Como todas as cousas de Deus, o que aconteceu entón, probablemente, foi un acto sinxelo de aclamación no que algúns habitantes de Xerusalén acolleron con sinceridade de corazón, e con ramos de oliveira e palmas, ao Mestre de Nazaret. A nosa vella tradición popular da procesión de Ramos, polas rúas das nosas cidades e ao redor das igrexas e ermidas das nosas parroquias, mantén aquelas mesmas formas sinxelas e naturais de espontaneidade.

Acabada a procesión de Ramos, a liturxia adquire enseguida un ton distinto coa lectura e meditación da Paixón do Señor segundo san Mateo, a que inmortalizará nunha das máis belas composicións musicais da historia J. S. Bach. Entramos así no clima que debe predominar durante esta semana á que a tradición da Igrexa cualificou de “santa”. En Lugo, este clima celébrase xa pola tarde do mesmo Domingo de Ramos na rúa, coa procesión da Virxe das Dores, organizada pola Confraría do Desencravo do Señor e das Maiores Dores de María Santísima. Costaleiros e costaleiras portarán os pasos. A Banda Municipal de Meira interpretará belas pezas musicais e o Orfeón Xoán Montes a Salve Raiña, ao final da procesión.

Así como o Deus cristián solidarizouse coa dor humana na paixón e morte de Cristo, convídase aos seguidores de Xesús, hoxe, a percibir e experimentar ese doloroso contraste que Xesús sentiu no seu corazón nese día: a alegría de sentirse querido polos seus amigos e a dor da traizón e o abandono que lle fan chorar sobre Xerusalén. Aí está o Mesías que salva. Que realiza o que di, o servo de Deus que se entrega voluntariamente á paixón como resultado de predicar sempre a verdade, dos seus anuncios e denuncias. Tédelo aí, como afirma o Papá Francisco, “é o gran Paciente da dor humana”. Non é un charlatán que sementa falsas ilusións, nin tampouco un falso profeta da new age. É o mesmísimo Fillo de Deus sufrinte, que vén ao mundo para combater o mal e a inxustiza, para rescatar ao pobre e ao marxinado das súas postracións e axudarnos a levantar as miradas cara ao futuro con promesas certas de vida e resurrección. A nosa peregrinación de Ramos, seguindo a Xesucristo, non remata en ningunha cidade terrea, senón na nova cidade de Deus que crece no medio deste mundo, mentres seguimos camiñando, na compañía de Cristo, como peregrinos da paz e cidadáns do ceo.

J. Mario Vázquez Carballo

Vicario Xeral da Diocese

Domingo de Ramos: unha revolta política?

A festa do Domingo de Ramos é unha das celebracións e manifestacións populares católicas máis concorridas e multitudinarias da Semana Santa. Por algo é o pórtico da Semana Grande da cristiandade que comeza cun ton festivo no que se reproduce, con gran participación de todas as xeracións, especialmente dos nenos e novos, aquela alegre entrada triunfal de Xesús en Xerusalén. De feito, na nosa cidade de Lugo e en moitas vilas da nosa Diocese, as procesións do Domingo de Ramos teñen un gran arraigo. En contra do que algúns pensadores e teólogos cristiáns pensaron (Reimarus, Brandon…), o acontecemento da entrada triunfal de Xesús en Xerusalén non foi por causa dun movemento político contra o poder establecido, semellante ao movemento dos zelotas. No ambiente tenso que se vivía entón en Palestina, especialmente polas concentracións masivas durante a Pascua en Xerusalén, coa vixilancia dos militares romanos desde a Torre Antonia, estes movementos reprimíronse fácilmente.

Por iso, desde as fontes cristiás de que dispoñemos, podemos afirmar que foi un acontecemento sinxelo de aclamación popular, no que algúns habitantes de Xerusalén acolleron con sinxeleza e expresión de gran afecto, con ramos de oliveiras e palmas, ao Mestre de Nazaret. A verdade é que o Mestre humilde que alborotara ás masas, montado nunha borriquiña, era unha figura política de pouca transcendencia, comparada cos grandes fastos dos triunfadores imperiais nas campañas bélicas que se celebraban en Roma.

A nosa antiga tradición popular de Ramos selou a miña infancia. Lémbroa con gran ilusión en compañía da miña nai e familiares. Preparabámola con tempo. Adornabamos os ramos con laranxas e lambetadas. E cantabamos nas procesións ao redor das igrexas e ermidas dos nosos pobos. Unha tradición que en Lugo cidade, non soamente non se perdeu, senón que está florecendo. A procesión coñecida popularmente como da Borriquiña, fundada en 1943 co esforzo e o tesón da gran entusiasta Rosita (q.e.p.d.) e cos nenos da catequese da Parroquia de San Froilán de Lugo, manteñen hoxe o mesmo carácter de espontaneidade e sinxeleza.

Segundo datos moi recentes, o boom da piedade popular engancha a maiores e mozos no medio do deserto da incredulidade e da secularización. Nos últimos vinte anos, os confrades en España (en Lugo creceron tamén) pasaron dun millón a tres millóns de membros. É o movemento asociativo máis significativo e importante de España.

Acabada a procesión de Ramos, a liturxia adquire un ton máis meditativo. En Lugo, entramos na Catedral. Comeza a Eucaristía. Escoitamos e meditamos a Paixón. E mergullámonos xa no clima que debe recordar esta semana, á que a tradición da Igrexa cualificou como “santa“. Cristo ensínanos a entender a realidade do sufrimento. Como dixo Bonhöeffer, “só un Deus que sofre -no silencio- pode salvarnos“.

Oxalá tamén nós, iluminados pola luz radiante da fe, afirmemos co Cristo do domingo de Ramos, en silencio ou con aclamacións, que: “Realmente este home era (e é) o Fillo de Deus“.

J. Mario Vázquez Carballo

Vicario Xeral.

Domingo de Ramos, porta da Semana Grande

A Praza de Santa María, na nosa cidade de Lugo, faise pequena para albergar á multitude de familias e fieis en xeral, que se unen e reúnen, para celebrar con gozo o Domingo de Ramos. Unha festa de gran tradición e popularidade que supón no imaxinario colectivo o comezo da Semana Santa, o inicio da Semana Grande, que o é porque se inicia cunha entrada “triunfal” e acaba coa celebración festiva do “triunfo” da vida sobre a morte no Domingo de Pascua de Resurrección. Os nenos da Confraría da Borriquiña, así coñecida popularmente, enchen de colorido e de sons de tambores e trompetas as rúas da Cidade do Sacramento.

En diversas ocasións alentei aos confrades a manter viva a Semana Santa desde a fondura e a profundidade dunha espiritualidade auténtica e desde a adhesión á fe en Cristo morto e resucitado, Señor da Vida e Deus que nos salva. No Domingo de Ramos aclamamos ao Señor con cantos e palmas por todos os prodixios que vimos e vemos realizados polo noso Deus: como leva a moitos a renunciar ás comodidades da súa vida para entregarse ao servizo dos que sofren, como infunde a valentía necesaria para opoñerse á violencia e á mentira, como en segredo induce a homes e mulleres a facer o ben aos demais, suscitando reconciliación alí onde hai odio e xerando relacións de paz alí onde reina a inimizade. A fe cristiá fundamentarase sempre nesta primeira experiencia e afirmación apostólica: Xesús de Nazaret, o crucificado, a quen vimos morrer abandonado e sufrinte, resucitou. É precisamente, deste feito histórico-salvífico, de onde emanan, como dunha fonte, as celebracións e as expresións públicas da fe, froitos maduros da bondade de Deus e da alma apostólica de seguidores de Cristo. Seguidores que testemuñan, con gozo, a verdade e o ben na beleza das imaxes, da música, dos vestidos, da escultura e da arte en xeral. Unha arte única cargada de gran simbolismo, coas súas obras escultóricas ou pictóricas, coas saetas, as marchas procesionais, os desfíles, as representacións nas súas múltiples formas e un renovado sentido de pertenza á Igrexa como sacramento de comuñón.

Na orixe da nosa Semana Santa, están, sen dúbida a fe firme no misterio eucarístico e a relixiosidade popular lucenses, expresadas polas confrarías nas súas diversas manifestacións. Unha fe e unha relixiosidade que foron, nas súas orixes, movementos renovadores na Igrexa e que desde o século X fecundaron e fecundan directa e indirectamente a vida relixiosa do mundo segrar. Unha fe e unha relixiosidade que crecen e mantéñense vivas no medio das ideoloxías dominantes, desexosas algunhas delas, de encerrar aos católicos nas sancristías e de recluírnos nos templos; unha fe e unha relixiosidade que queren volver ás súas raíces, ser signo vivo dunha vida fraterna (iso é o sentido, orixe e significado de confraría) e alentar un compromiso social, cívico e político, de entrega misericordiosa e solidaria no mundo da pobreza e da marxinación. E isto, como expresión clara e nítida de que a fe non só se fai arte e cultura, vida social e digna presenza cívica no medio da cidadanía, senón tamén solidariedade cos pobres e proximidade transformadora que, como o Cristo sufrinte da misericordia, carga coa dor allea e faise cargo das miserias daqueles de quen ninguén se lembra. Este é o círculo espiritual da vida cristiá: crer, celebrar, orar e comprometerse. É o círculo dunha existencia chea de sentido que humaniza, civiliza e sementa nobres ideais na sociedade.

Mario Vázquez Carballo

Vicario Xeral da Diocese

[Ver álbum de fotos]

A %d blogueros les gusta esto: