O día en que Deus quixo subirse a un asno

A liturxia do Domingo de Ramos ábrese cun ton festivo na Igrexa universal e tamén nas rúas de Lugo (Praza de Santa María, Praza Maior, Rúa da Raíña e Armanyá) coa presenza da Confraría da Entrada Triunfal de Xesús en Xerusalén (chamada popularmente da “Borriquita”) e con centos de familias que a acompañan, especialmente nenos. É tradición, dada a multitude de participantes, bendicir os ramos na Praza de Santa María e, antes da Santa Misa solemne na Catedral, participar na procesión nun ambiente de alegría e fraternidade. Aínda que estamos en tempo de eleccións, en contra do que afirmaron algúns autores (Raimarus, Brandon, entre outros), aquel acontecemento en Xerusalén pouco tivo que ver cunha revolta política semellante ás que organizaba o movemento zelota. No ambiente tenso que se vivía daquela en Palestina (desgraciadamente tamén hoxe, por outras circunstancias) polas concentracións masivas ante a Pascua, os militares romanos que vixiaban desde a próxima Torre Antonia, teríano reprimido moi pronto. Como todas as cousas de Deus, o que aconteceu entón, probablemente, foi un acto sinxelo de aclamación no que algúns habitantes de Xerusalén acolleron con sinceridade de corazón, e con ramos de oliveira e palmas, ao Mestre de Nazaret. A nosa vella tradición popular da procesión de Ramos, polas rúas das nosas cidades e ao redor das igrexas e ermidas das nosas parroquias, mantén aquelas mesmas formas sinxelas e naturais de espontaneidade.

Acabada a procesión de Ramos, a liturxia adquire enseguida un ton distinto coa lectura e meditación da Paixón do Señor segundo san Mateo, a que inmortalizará nunha das máis belas composicións musicais da historia J. S. Bach. Entramos así no clima que debe predominar durante esta semana á que a tradición da Igrexa cualificou de “santa”. En Lugo, este clima celébrase xa pola tarde do mesmo Domingo de Ramos na rúa, coa procesión da Virxe das Dores, organizada pola Confraría do Desencravo do Señor e das Maiores Dores de María Santísima. Costaleiros e costaleiras portarán os pasos. A Banda Municipal de Meira interpretará belas pezas musicais e o Orfeón Xoán Montes a Salve Raiña, ao final da procesión.

Así como o Deus cristián solidarizouse coa dor humana na paixón e morte de Cristo, convídase aos seguidores de Xesús, hoxe, a percibir e experimentar ese doloroso contraste que Xesús sentiu no seu corazón nese día: a alegría de sentirse querido polos seus amigos e a dor da traizón e o abandono que lle fan chorar sobre Xerusalén. Aí está o Mesías que salva. Que realiza o que di, o servo de Deus que se entrega voluntariamente á paixón como resultado de predicar sempre a verdade, dos seus anuncios e denuncias. Tédelo aí, como afirma o Papá Francisco, “é o gran Paciente da dor humana”. Non é un charlatán que sementa falsas ilusións, nin tampouco un falso profeta da new age. É o mesmísimo Fillo de Deus sufrinte, que vén ao mundo para combater o mal e a inxustiza, para rescatar ao pobre e ao marxinado das súas postracións e axudarnos a levantar as miradas cara ao futuro con promesas certas de vida e resurrección. A nosa peregrinación de Ramos, seguindo a Xesucristo, non remata en ningunha cidade terrea, senón na nova cidade de Deus que crece no medio deste mundo, mentres seguimos camiñando, na compañía de Cristo, como peregrinos da paz e cidadáns do ceo.

J. Mario Vázquez Carballo

Vicario Xeral da Diocese

Deixa un comentario

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

A %d blogueros les gusta esto: