Festa da Sagrada Familia en Teixeiro

En Teixeiro celébrase a décima edición da Festa da Sagrada Familia o domingo 27 de outubro. Comezan ás 11:30 h cunha conferencia de Xosé Luís Barreiro Rivas titulada “Valores cristiáns da familia”. Seguirá a Eucaristía presidida polo Sr. Bispo Mons. Alfonso Carrasco Rouco. E finalmente en dúas carpas unha comida de irmandade dos fregueses das parroquias de S. Pedro de Arcos, Santalla de Dumpín, S. Vicente de Pedreda, S. Xillao de Rubiás e Santa Mª de Teixeiro.

X. L. Barreiro Rivas é doutor en Ciencias Políticas. Foi vicepresidente e conselleiro de Presidencia da Xunta de Galicia e ex-deputado do Parlamento de Galicia.

Entrega de certificación de calidade a Cáritas Lugo

O xoves 24 de outubro, a responsable de Apluss Ana San Román entregou a Certificación de Calidade ISO 9001 ao Director de Cáritas Diocesana de Lugo Ginés F. Plaza Fernández.

No acto interviu o Bispo de Lugo Mons. D. Alfonso Carrasco Rouco, e sinalou que “son numerosas as Cáritas diocesanas que teñen certificados de calidade, certificándose total ou parcialmente a súa acción. Pero o que fai distinta a Cáritas Diocesana de Lugo é que ademais de ter certificados os seus centros e programas, tamén ten certificadas as súas Cáritas parroquiais e interparroquiais, e nisto é a primeira Cáritas diocesana en España que ten este tipo de certificación”.

201 aniversario do nacemento de san José María Díaz Sanjurjo

O sábado, 26 de outubro, con motivo da celebración do 201 aniversario do nacemento do santo lucense san José María Díaz Sanjurjo, celebrarase unha peregrinación duns 4 km entre as parroquias de Cirio e Suegos (Pol). Ao longo do percorrido realizarase unha parada na capela das Neves en Suegos, na que se fará unha oración misioneira con motivo da celebración do mes misioneiro extraordinario convocado polo Papa Francisco.

En Suegos visítase a súa casa natal e, ás 13.30 h, o vigairo xeral da Diocese, Mario Vázquez, presidirá a Eucaristía.

Ao finalizar, os asistentes compartiran unha comida para a que é necesario apuntarse con antelación (até a data hai inscritas xa máis de 180 persoas).

Conferencia de Jesús Santiago sobre a historia das misións

No marco da celebración do Mes Misioneiro Extraordinario, o Delegado de Misións Jesús Santiago presentou o 21 de outubro no salón de actos do Seminario unha panorámica da misión ao longo da historia

A Igrexa, que vai facendo o mesmo camiño cá humanidade, ten como misión encarnar o Evanxeo na vida dos pobos.

Do primeiro milenio, destacou Jesús Santiago a comunidade de Antioquía, por canto toda ela xa ten unha gran conciencia misioneira, e envía a Paulo e Bernabé ás misións. E como exemplos de labor de inculturación estarían San Cirilo e San Metodio (século IX).

No 2º milenio, San Francisco de Asís deu un precioso testemuño misioneiro de paz, polo seu encontro co sultán de Exipto, que constitúe o punto de arranque das iniciativas actuais de diálogo entre cristiáns e musulmáns.

Cando a expansión europea por outros continentes, en Roma decide desligar a actividade misioneira das actividades coloniais.

Nos dous últimos séculos temos a dous grandes misioneiros en territorio africano: Comboni e Lavigerie.

E sobre o século XXI Jesús Santiago sinalou novos interrogantes con respecto ao labor misioneiro: como evanxelizar o mundo dixital? Como afrontar a cuestión das persecucións a cristiáns? Que significado ten saír ás periferias?

[Acceder ao texto da conferencia]

Outubro misioneiro

Onte celebrouse a popular e tradicional festa do DOMUND. Pero este ano dun xeito extraordinario xa que o Papa Francisco quixo convocar un “mes misioneiro” baixo o lema: “Bautizados e enviados: a Igrexa de Cristo en Misión no mundo”.

A Obra Pontificia da Propagación da fe é unha institución universal da Igrexa para cooperar coas misións a través da oración, o sacrificio, a promoción das vocacións misioneiras e a cooperación económica dos cristiáns de todo o mundo. Esta Obra naceu en Lyon (Francia) en 1822 por iniciativa dunha entusiasta rapaza chamada Paulina Jaricot. Comezou implicando a compañeiros traballadores para que axudasen ás misións cunha pequena esmola semanal. Un século despois, estendida xa a Obra polo mundo, o Papa Pío XI institucionalizouna como canle oficial para toda a Igrexa co fin de axudar espiritual e economicamente á actividade misioneira da Igrexa.

Preocupado está o Papa pola acción misioneira da Igrexa. Neste mes quere retomar a conciencia da misión ad gentes e promover con novo impulso a responsabilidade que temos todos de proclamar o Evanxeo. O tema da evanxelización non é só actual porque é abundantemente tratado, senón que é tratado porque en si mesmo é de permanente actualidade. O Concilio Vaticano II afirmaba con claridade que é “deber fundamental do pobo de Deus, posto que toda a Igrexa é misioneira”. A todo bautizado correspóndelle o compromiso de levar a fe a aquelas periferias que aínda non coñecen a Cristo. A exhortación Evangelii nuntiandi sostén que “a tarefa da evanxelización de todos os homes constitúe a misión esencial da Igrexa” (EN 14).

Documentos recentes da Igrexa lémbrannos que esta é esencialmente misioneira porque xorde da mesma misión do seo da Trindade. Deus é comuñón e quere que todos se salven. Para iso saíu ao encontro da humanidade encarnándose na historia. Elas, as persoas divinas, son fundamento da nosa chamada á misión evanxelizadora. O espírito misioneiro pertence, pois, á natureza íntima da vida cristiá xa que a evanxelización é a tarefa central e máis urxente da acción pastoral da Igrexa.

Neste contexto misioneiro tamén nós, como diocesanos lucenses, o vindeiro 26 de outubro, honraremos, no 201 aniversario do seu nacemento, cunha peregrinación polas terras de Pol, ao noso querido paisano San Xosé María Díaz Sanjurjo, misioneiro e mártir no actual Vietnam. Será nun encontro con testemuños de distintos misioneiros e unha peregrinación desde Mosteiro á capela da Nosa Señora das Neves en Suegos (onde se conserva a casa natal e a familia do misioneiro).

Desde o interior da mesma Igrexa, o Papa Francisco úrxenos a traballar para que resplandeza no noso tempo a boa nova do Evanxeo co anuncio e o testemuño de vida.

José Mario Vázquez Carballo

Vicario Xeral da Diocese

A %d blogueros les gusta esto: