Un ano novo para seguir avanzando con esperanza

Santa María a Real do Cebreiro

Paz e ben: a conclusión e o comezo dun novo ano supón sempre unha invitación a seguir avanzando.

O tempo, o calendario, do mesmo xeito que o Camiño de Santiago, delinea e supón unha serie de etapas que hai que ir completando… Sempre mirando cara adiante, pero cos pés sobre a terra; sempre bañados no realismo do momento, pero tamén abrazados polo idealismo que move corazóns cara a metas heroicas.

Mirar atrás, é recoñecer o camiño xa percorrido… mirar cara adiante, é como levantar a mirada e contemplar o horizonte cara ao que imos.

Pero o importante e decisivo é que estamos “en camiño”, é a hora do paso concreto, humilde paso que supón sempre un avance, aínda que cause dor.

O Camiño de Santiago é unha sucesión de etapas que, como a vida mesma, ofrecen sempre a oportunidade de seguir avanzando, mesmo con sufrimento e no medio de dificultades, que, ao cabo, fortalecen os pés e o espírito da persoa que camiña.

Un novo ano en principio é unha proxección cara ao futuro que en realidade non existe (cando chega é hoxe, agora), un xogo numérico froito das matemáticas que nos axudan a comprender parte do universo, pero non o corazón, o ser, a alma humana.

Por iso un ano novo pode ser entendido como unha nova oportunidade, unha nova etapa, un seguir avanzando sen medo, con esperanza, e sempre coa enerxía que dá o amor e a súa filla a bondade.

Sigamos camiñando neste novo ano para ir construíndo, coas pisadas do amor e a solidariedade, un mundo novo.

Deséxoche todo ben, CAMIÑANTE.

Feliz ano novo.

Ultreia et suseia (“ánimo, adiante, sempre máis aló e cara ao ceo”).

Fr. Paco Castro Miramontes

Celebracións de Nadal na Catedral

As celebracións de Nadal na Catedral de Lugo son as seguintes:

22 de decembro

20:30 h  Bendición do nacemento, con actuación do Orfeón Lucense

24 de decembro

17 h Primeiras Vésperas solemnes no Nadal

20 h Misa vespertina

25 de decembro

13 h Misa solemne de Nadal

31 de decembro

12 h Te Deum de acción de grazas polo ano que remata (desde as 11:30 h,

posibilidade de confesión)

1 de xaneiro

13 h Misa solemne

5 de xaneiro

19:30 h Misa de nenos na Véspera da Epifanía. Ao remate, visita dos Reis

As Eucaristías estarán presididas polo Sr. Bispo

E baixo o título “De novo Nadal, de novo música” a Catedral será escenario dos seguintes concertos, ademais do indicado ao comezo desta información:

Domingo 27 de decembro ás 18 h actúa Solo Voces

Sábado 2 de xaneiro ás 18:30 h actuación do Orfeón Lucense

A primeira vez que se celebrou o Nadal

Imaxe de Cristo no mausoleo Giuli nos scavi do Vaticano

Unha cousa é celebrar o aniversario do nacemento propio e outra é celebrar o aniversario do nacemento dun personaxe histórico. Normalmente esta última celebración vén derivada do percorrido persoal do personaxe. Primeiro celébrase a fazaña ou o fito da súa vida e nun segundo momento interrógase sobre as súas orixes. O exemplo témolo en Xesús de Nazaret. O importante era o trascendente dos seus actos máis que a súa orixe. Non será ata o século IV cando preocupe fixar un día para conmemorar a súa vinda ó mundo en carne mortal. Desa maneira remarcábase o seu ser home fronte a aqueles que negaban a súa humanidade. Ata aquel momento importaba máis a repercusión que tivo na humanidade e no modo en como a salvación se realizaba que reparar no feito que aquel home, fillo de Deus, fose un home de verdade e polo tanto tiña que haber un nacemento no tempo e nun espazo determinado. Profundízase entón nas súas orixes, na súa historia.

Debemos ter en conta dúas datas importantes para o cristianismo: o 313, no que Constantino decreta a liberdade de culto por medio do edicto de Milán e o ano 375 no que o emperador Teodosio proclama o cristianismo como relixión oficial do Imperio. Que se declarase a liberdade de culto implicaba que o cristianismo xa non era perseguido e polo tanto pasamos a unha época de permisividade. A relixión cristiá atopou en Constantino un aliado e viu florecer ó longo da cidade basílicas, que foron construídas ás veces sobre templos pagáns. Desta época é a construcción da basílica de Anastasia – entre outras – situada no monte Palatino, onde se erguían os palacios imperiais, que recibe o nome pola media irmá de Constantino, Anastasia, e antepónselle Santa cando reciben unhas reliquias recibidas da Panonia a través de Constantinopla.

Paralelamente a esta actividade constructiva de templos cristiáns vanse fixando datas importantes que perduran ata os nosos días: a Pascua, fixada no ano 325 no concilio de Nicea e a data do nacemento de Cristo, fixada tamén no século IV. Escoller o 25 de decembro como data do nacemento de Cristo vén determinada por unha festa pagá, as Saturnalias, o día do Sol Invicto, o día no que xa se percibe un aumento da luz solar. Baléirase de contido pagán esta data e énchese de contido cristián, situando nese día o nacemento de Cristo. Cristo- Sol invicto ou Cristo-Helios así o representan nos scavi de San Pedro do Vaticano, que son as escavacións arqueolóxicas visitables da basílica de San Pedro. Esa data aparece reflectida por primeira vez no calendario de Filocalo, na súa Depositio Martyrum, ó redor do ano 336 d. C.

E o cómo se celebra sabémolo polo apunte do ano 363 d. C. no que se recolle que en Santa Anastasia se celebraba a segunda misa antes de romper o día, precedida pola celebración en Santa María Maior da misa de medianoite e seguida da terceira misa celebrada na basílica de San Pedro ó mencer. Quen celebraba ese ano era o Papa Sixto III. Dáse a casualidade que os palacios imperiais e a basílica de Santa Anastasia están situados no lugar onde a tradición romana falaba do amamantamento de Rómulo e Remo pola loba. Esa conclusión vén dada polas recentes escavacións arqueolóxicas, nas cales se atopou o Lupercal ou santuario adicado á Loba Capitolina a 16 metros de profundidade debaixo da basílica de Santa Anastasia. Constatamos así que o cristianismo aproveitou nos tempos primeiros os elementos pagáns para darlles un novo contido, respetándoos pero dándolles un novo significado. Dito doutra maneira, utilizou os elementos que tiña ó seu alcance para facer chegar a súa mensaxe de salvación.

Óscar González Murado

Director do Arquivo Diocesano

Campaña de Cáritas “Grazas a ti, poden elixir”

Durante este Nadal tan singular e complicado, Cáritas Diocesana de Lugo anima a colaborar coas persoas que afrontan estas datas nunha situación de maior vulnerabilidade. Por iso, levan a cabo a campaña “Grazas a ti, poden elixir”, mediante a cal poden adquirirse tarxetas solidarias de diferentes contías económicas que se utilizarán para que as persoas en necesidade poidan realizar a compra dun xeito normal.

Estas tarxetas poden comprarse en supermercados colaboradores de Lugo e realizando un donativo a través da páxina web www.caritaslugo.es

[Máis información]

Advento – Nadal / Aninovo

Tempo de graza que nos abre a mirada e o corazón ao Milagre Encarnado e, desde El, ao irmán e ao mundo”

Ás portas destas festas tan entrañables, os meus mellores desexos de harmonía e de paz; tanto desde o sentimento humano, como desde a fondura do espírito do Nadal: o aniversario do Señor. Estes bos desexos sen dúbida que están presentes en todos; de aí a riqueza do compartir en múltiples direccións, fortalecendo así os lazos comunitarios e de amizade. Grandeza da condición humana cando nos desexamos comprometidamente o mellor uns a outros.

As circunstancias que nestes momentos tócanos soportar, e nas que nos imos preparando para o Nadal, non son as que todos desexariamos; pero están aí, afectándonos en maior ou menor medida tamén a todos.

Poida que estas circunstancias estean a dicirnos que a nosa paz interior, o sentirnos razoablemente ben e afrontando todo con forza de ánimo e horizonte esperanzador, son realidades ou desexos moi fráxiles se os facemos depender exclusiva ou excesivamente de que “todo” nos vaia ben, de poder gozar de todas as cousas ou de confiar tamén excesivamente na nosa autosuficiencia para arranxalo todo a través dos nosos logros.

Os grandes anhelos do corazón humano están abocados ao fracaso frustrante se só se apoian no benestar que esperamos das cousas e das situacións.

Ao longo do camiño e até o final do camiño, a verdadeira chave para alcanzar con consistencia esa alegría e esa paz está no que imos celebrar moi pronto: o “Deus connosco”, o “aniversario do Señor”.

Cando deixamos ao Señor que nos vaia modulando día a día, tecendo harmonicamente ese dinamismo entre as nosas “grandezas” e as nosas miserias, como vai cambiando o noso mundo interior! Vai cambiando o clima nas nosas familias, as nosas interrelacións…, e o xeito de afrontar individual e colectivamente as circunstancias dos nosos camiños e travesías.

Circunstancias adversas e non desexadas que nos toca soportar moitas veces como pacientes, pero tamén como protagonistas comprometidos para melloralas, para un e para os demais; mellor talvez, para os demais e, en consecuencia, tamén para un.

Por iso, que forma máis auténtica e fecunda de prepararnos para o Nadal abrindo o noso espírito, a nosa vida, os nosos fogares, a nosa realidade social, ao acontecemento divino e salvador que se expresa no máis pequeno, no máis humilde, no máis sinxelo: nun “Portal de Belén”. Este abrirnos é “facer camiño”, camiño que nos marca o Advento como estrela cara ao “Belén”. Isto é centrar e tentar sentir e celebrar o Nadal en clave cristiá, que é a verdadeira.

Se prescindimos da súa dimensión sacra, salvífica, de fe, non é NADAL. En todo caso será ou sería un pretexto para manifestacións e celebracións como as felicitacións, as luces, as vacacións, as reunións familiares e sociais, etc. Moi lexítimo e poida que bo todo isto pero; só por iso, non é Nadal no seu xenuíno/verdadeiro sentido.

Pois resulta que, non desexando para nada esta longa e penosa travesía desde hai case un ano, poida que nos axudenos a celebrar moi fondamente este Nadal, tanto na súa dimensión sacra como na súa expresión relixiosa; aspectos estes tan necesarios canto máis percibimos a nosa fraxilidade e baleiro existencial se só quedamos no puramente humano, social e técnico.

Sen dúbida que a contemplación oracional do Neno Deus, así como as correspondentes celebracións eucarísticas compartidas comunitariamente, farannos máis fortes para afrontar con máis ánimo, e animándonos, as circunstancias adversas do noso camiñar.

E, se estas Festas non podemos celebralas este ano en amplos grupos de familia ou amigos, temos claro que de ningunha maneira faltará nesas ceas e comidas a presenza alentadora do Neno/Deus, talvez facendo así máis fortes os nosos lazos de familia e amizade ao percibir a non presenza e si a distancia.

Que, como Xoán Bautista, preparemos os camiños ao que ha de vir; camiños que Deus quere para todos!

Que, cos Anxos, saibamos deixar resoar no noso corazón a Gloria do Señor!

Que, como os Pastores, adorémolo humilde e gozosamente!

E, que, con María e Xosé, queiramos ofrecerlle ao Neno-Deus un humilde “belén” no noso interior, nos nosos fogares, no noso mundo!

A todos os que ledes estas liñas, deséxovos de corazón o mellor; deséxovos fortaleza de ánimo e, animándonos uns a outros desde esa mirada ampla da grandeza do corazón. Que con esta disposición podamos comezar o próximo ano!

Feliz aniversario do Señor! e feliz próximo ano novo!

Antonio Fernández González

[Artículo en castellano]

A %d blogueros les gusta esto: