A santidade da Igrexa

O mundo está cheo de utopías. Utopía é unha realidade sempre apetecida, pero nunca lograda. Unha realidade que nunca será realidade.

A santidade é unha perfección sempre desexada, pero nunca alcanzada. Neste sentido, nunca poderiamos falar de santidade, xa que a santidade é un ben que, por nós mesmos, xamais poderiamos conseguir. Con todo, Xesús dinos: «Sede santos, porque eu, o voso Deus, son santo». Entón a santidade non pode ser unha utopía. Estamos chamados a ser santos.

Que é, pois, a santidade? Non é un simple atributo ou calidade de Deus. É a mesma esencia de Deus, e ramifícase en atributos divinos. Deus é caridade, que se manifesta en amor cara a nós. Ante os nosos pecados, Deus manifesta a súa compaixón, perdoando as nosas caídas. Ante as nosas maldades, Deus non empuña a adarga para defenderse, senón que tende a man para evitar os nosos despropósitos. Ante as nosas debilidades, móstranos o seu corazón de amor e acollida. Ante as nosas covardías, ofrécenos a súa xenerosidade redentora, e ante as nosas infidelidades, entrégasenos con amor sen medida.

No seu Fillo, Deus non se mostra xuíz, senón redentor. Non estamos sós: Xesús camiña ao noso carón e axúdanos a recuperar a nosa esperanza.

É certo que hai moito mal no mundo, pero non é menos certo que a nosa terra está sementada de homes de ben: tamén nos nosos tempos abundan os homes de honradez entrañable. E isto é fundamental, xa que non se pode aspirar a ser bo cristián, sen ser antes un home honrado. Os sans costumes predispoñen para as virtudes cristiás. Aos dons sobrenaturais preceden as virtudes cardinais. Estas son terra abonada para que os dons infusos enraícen no home de ben, e dean froito abundoso. E os froitos están aí. É evidente que non todos os fillos da Igrexa son santos, pero é santa en Cristo, a súa cabeza, é santa na súa doutrina, é santa nos seus sacramentos e é santa en multitude dos seus membros.

A santidade non é o luxo duns poucos, senón uno obrigación para todos; non é unha peza de museo doutros tempos. A santidade é a sustancia da vida cristiá. É a vinculación do home con Deus. Santidade é a aceptación da vontade de Deus por parte do home. Esa aceptación pode darse a distintos niveis: cumprindo o que Deus manda (os mandamentos), aceptando o que Deus pide (consagrándose a el, polos votos de pobreza, castidade e obediencia) e aceptando o martirio por amor de Deus.

A estes tres niveis de identificación coa vontade de Deus, corresponden tres graos de perfección: santidade fundamental, a dos que gardan os Mandamentos; santidade xenerosa, a dos que abrazan a vida consagrada de pobreza, castidade e obediencia; e a santidade heroica, a dos mártires que cruenta ou incruentamente dan a vida polo Señor.

A este proxecto santificador, contribúe o Señor, mediante a institución da Igrexa. Esta, coa súa doutrina, ensínanos o camiño do ben. Cos seus sacramentos, fortalece as nosas debilidades. Coa solicitude dos seus pastores, advírtenos dos perigos que corre a nosa fidelidade bautismal, e co exemplo dos seus bos fillos, estimúlanos no noso camiñar cara á perfección.

Está, pois, claro que a santidade non é unha utopía, senón unha realidade á que todos debemos aspirar con ilusión e responsabilidade.

Indalecio Gómez Varela

Cóengo da Catedral de Lugo

[Artículo en castellano]

A catolicidade, misión da Igrexa

Urxe que revisemos a valoración que facemos dos bens deste mundo, e en que fundamos as grandezas da terra. Pensamos que os grandes da sociedade o son, porque teñen moitos subordinados ás súas ordes; que contan con moitos asalariados para afrontar todas as súas necesidades e até os seus caprichos. Dicimos que “grandes” son os que teñen moito poder para impor a súa vontade aos demais. Estamos equivocados: rei non é o que máis manda, senón o que máis serve; o que se preocupa do ben da comunidade ao seu cargo. Disto dános exemplo o Señor, que todo o fixo para noso ben, e en todo busca a nosa felicidade. Para facernos felices, creou dous paraísos: un terreal e outro celestial. Diríase que Deus deu ao home vocación de ceo, pero antes de levalo á felicidade celestial, regaloulle unha felicidade plena, aínda que temporal. A este proxecto de felicidade paradisíaca, non correspondeu o home, e coa súa desavinza, converteu a súa vocación de ceo, en vida de desdita, pero no ceo, hai cabida para todos. Os baleiros non caben no corazón de Deus nin as ausencias dos seus fillos son alleas aos seus divinos sentimentos. Por iso o decreto de eterna redención non se fixo esperar. Deus dispuxo que o seu Divino Fillo encarnase e restaurase o primitivo paraíso temporal, malogrado polo home. Tal restauración fíxoa realidade Xesús, fundando a Igrexa para recuperar o deteriorado paraíso do mundo. Esa foi a intencionalidade do Pai e tamén a misión do Fillo: devolverlle á sociedade o clima paradisíaco malogrado pola infidelidade do home, e dispoñelo para o futuro paraíso celestial. En efecto, a función da Igrexa é restaurar o mal causado polo pecado, e garantirlle ao home a eterna felicidade.

O plan redentor de Cristo é ser portador de benestar para o presente, e garantía de gloria para o futuro. A estrutura da Igrexa demóstrao palpablemente. Na súa constitución eclesial, puxo o Señor catorce artigos doctrinais (os artigos da fe) e un decálogo de comportamento, cuxos dez preceptos se sintetizan en amar a Deus e amar ao próximo. O comportamento desta dobre normativa conductual garante unha convivencia pacífica, na terra. Así debe ser a vida dos fillos da Igrexa de Cristo. A Igrexa é católica extensivamente, porque a ela estamos chamados todos, e é católica intensivamente, porque os seus membros deben aceptar toda a mensaxe de Xesús e valorar todos os seus sacramentos. Nela éntrase polo bautismo, que purifica de todo pecado e fainos Fillos de Deus, e está chamada a crecer, porque así o ordenou o Señor aos Apóstolos: “Predicade o Evanxeo a todas as xentes”

Con todo, na Igrexa oficial hai bautizados que non merecen chamarse cristiáns, xa que non viven os compromisos bautismais. Falando humorísticamente, podería dicirse deles que “máis que bautizados son cristiáns pasados por auga”. Os que negan algunha verdade revelada, son herexes, e os que non recoñecen a xerarquía da Igrexa son cismáticos. Uns e outros separáronse voluntariamente da Igrexa católica, non pertencen a ela. O cisma máis notable foi o da Igrexa oriental, provocado polo patriarca Miguel Celurario que no ano 1054 , rompeu co Papa León IX, ao que non recoñeceu como suprema autoridade da Igrexa.

Outras moitas faccións separáronse da verdadeira Igrexa de Cristo. Lamentámolo, pero non podemos miralos mal, porque aínda que equivocados, tamén eles buscan a Deus, seguindo o ditame da súa conciencia. Compadezámolos e pidamos ao Señor que algún día recoñezan á Igrexa católica, como a verdadeira Igrexa de Cristo, e sobre todo, amémolos, porque o amor une máis que o raciocinio. Amémolos a todos xa que é máis o que nos une, que o que nos separa.

Termino: unha nai despedíase da súa filla que ía o estranxeiro, e mentres lle daba o último abrazo, díxolle, mirando ao ceo: “filla, ves aquela estrela? Pois desde o estranxeiro, míraa todos os días. Eu mirareina desde aquí, e que nela se atopen as nosas miradas”.

Bonito exemplo!

Indalecio Gómez

Cóengo da Catedral

[Artículo en castellano]

A %d blogueros les gusta esto: