A santidade da Igrexa

O mundo está cheo de utopías. Utopía é unha realidade sempre apetecida, pero nunca lograda. Unha realidade que nunca será realidade.

A santidade é unha perfección sempre desexada, pero nunca alcanzada. Neste sentido, nunca poderiamos falar de santidade, xa que a santidade é un ben que, por nós mesmos, xamais poderiamos conseguir. Con todo, Xesús dinos: «Sede santos, porque eu, o voso Deus, son santo». Entón a santidade non pode ser unha utopía. Estamos chamados a ser santos.

Que é, pois, a santidade? Non é un simple atributo ou calidade de Deus. É a mesma esencia de Deus, e ramifícase en atributos divinos. Deus é caridade, que se manifesta en amor cara a nós. Ante os nosos pecados, Deus manifesta a súa compaixón, perdoando as nosas caídas. Ante as nosas maldades, Deus non empuña a adarga para defenderse, senón que tende a man para evitar os nosos despropósitos. Ante as nosas debilidades, móstranos o seu corazón de amor e acollida. Ante as nosas covardías, ofrécenos a súa xenerosidade redentora, e ante as nosas infidelidades, entrégasenos con amor sen medida.

No seu Fillo, Deus non se mostra xuíz, senón redentor. Non estamos sós: Xesús camiña ao noso carón e axúdanos a recuperar a nosa esperanza.

É certo que hai moito mal no mundo, pero non é menos certo que a nosa terra está sementada de homes de ben: tamén nos nosos tempos abundan os homes de honradez entrañable. E isto é fundamental, xa que non se pode aspirar a ser bo cristián, sen ser antes un home honrado. Os sans costumes predispoñen para as virtudes cristiás. Aos dons sobrenaturais preceden as virtudes cardinais. Estas son terra abonada para que os dons infusos enraícen no home de ben, e dean froito abundoso. E os froitos están aí. É evidente que non todos os fillos da Igrexa son santos, pero é santa en Cristo, a súa cabeza, é santa na súa doutrina, é santa nos seus sacramentos e é santa en multitude dos seus membros.

A santidade non é o luxo duns poucos, senón uno obrigación para todos; non é unha peza de museo doutros tempos. A santidade é a sustancia da vida cristiá. É a vinculación do home con Deus. Santidade é a aceptación da vontade de Deus por parte do home. Esa aceptación pode darse a distintos niveis: cumprindo o que Deus manda (os mandamentos), aceptando o que Deus pide (consagrándose a el, polos votos de pobreza, castidade e obediencia) e aceptando o martirio por amor de Deus.

A estes tres niveis de identificación coa vontade de Deus, corresponden tres graos de perfección: santidade fundamental, a dos que gardan os Mandamentos; santidade xenerosa, a dos que abrazan a vida consagrada de pobreza, castidade e obediencia; e a santidade heroica, a dos mártires que cruenta ou incruentamente dan a vida polo Señor.

A este proxecto santificador, contribúe o Señor, mediante a institución da Igrexa. Esta, coa súa doutrina, ensínanos o camiño do ben. Cos seus sacramentos, fortalece as nosas debilidades. Coa solicitude dos seus pastores, advírtenos dos perigos que corre a nosa fidelidade bautismal, e co exemplo dos seus bos fillos, estimúlanos no noso camiñar cara á perfección.

Está, pois, claro que a santidade non é unha utopía, senón unha realidade á que todos debemos aspirar con ilusión e responsabilidade.

Indalecio Gómez Varela

Cóengo da Catedral de Lugo

[Artículo en castellano]

Deixa un comentario

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

A %d blogueros les gusta esto: