A lectura salvaxe da Biblia (I)

Recentemente, nun medio de comunicación social de alcance nacional, escoitei unha entrevista a un señor, ao que trataban de teólogo, e que criticaba e xustificaba á vez, a algúns dirixentes de Israel respecto ao actual conflito israelí-palestino, fundamentándose en textos bíblicos do Antigo Testamento. Este feito, unido á celebración do Domingo da Palabra de Deus (celebrado en toda a Igrexa o pasado 21 de xaneiro) e instituido polo Papa Francisco o trinta de setembro de 2019 a través da carta apostólica Aperuit illis, é o que me motivou a reflexión deste artigo. É necesario devolver a Biblia á sociedade e ao pobo crente. Devolvela non quere dicir que está ausente. O que realmente hai que devolver é a capacidade de comprendela, de saber lela e interpretala segundo os canons da eséxese e da boa hermenéutica.

A Biblia é o libro máis vendido da historia. Segundo datos actuais vendéronse xa máis de 3.900 millóns de copias en todo o mundo, o que a converte no libro máis vendido de todos os tempos. Probablemente xamais haberá un libro que supere á Biblia en vendas xa que os demais (Don Quijote ou Harry Potter, por exemplo) están a unha distancia practicamente inalcanzable.

O Concilio Vaticano II deu un gran impulso ao redescubrimento da Palabra de Deus coa Constitución Dogmática Dei Verbum. Naquelas páxinas que sempre merecen ser meditadas e vividas, emerxe con claridade a natureza da Sagrada Escritura, a súa transmisión de xeración en xeración, a súa inspiración divina que abrangue o Antigo e o Novo Testamento e a súa importancia para a vida da Igrexa. Segundo o Papa Francisco, a celebración do domingo da Palabra de Deus expresa un valor ecuménico, porque as Escrituras indican aos que se poñen en actitude de escoita, o camiño a seguir para chegar a unha auténtica e sólida unidade. E insiste: estas palabras conteñen grandes ensinos, por iso non poden ser soamente patrimonio dalgúns, e moito menos unha colección de libros para uns poucos privilexiados. A Biblia é o libro do pobo de Deus que ao escoitalo pasa da dispersión e da división á unidade. Este carácter de convocatoria da Santa Biblia e vínculo de comuñón da Igrexa católica o pobo experiméntao especialmente na Eucaristía. A homilía ten aquí unha función específica: contribuír a explicar o sentido dos textos proclamados. A comprensión e a interpretación desde a escoita atenta, pero tamén desde o estudo, son fundamentais. Comprender isto non é doado. A súa aprendizaxe supón polo menos cinco cursos de estudos de teoloxía xa que as materias relacionadas coa Biblia ocupan maioritariamente os Estudos Eclesiásticos.

Na Diocese de Lugo o Movemento Bíblico Diocesano adquiriu gran importancia grazas ao gran escriturista e especialista no tema J. Antonio González García, fundador do movemento bíblico, e ao Bispo Fr. José Gómez, gran impulsor das viaxes de estudos a Terra Santa. Por todo iso é importante preocuparnos por lela, comprendela correctamente e vivila sendo capaces de distinguir as concepcións condicionadas polo tempo das verdades sempre actuais e nunca perecedoiras. Así evitaremos a lectura salvaxe e interpretacións destrutivas froito da ignorancia ou do descoñecemento. Coñecer a Escritura é coñecer a Cristo e gustar en plenitude a alegría que brota da verdade.

J. Mario Vázquez Carballo

Vicario Xeral da Diocese

[Artículo en castellano]

Deixa un comentario

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

A %d blogueros les gusta esto: