A música é un don de Deus

Santa Icía no cadeirado do coro da Catedral de Lugo

O pasado día 22 celebrabamos a festividade de Santa Icía, patroa da música. É un deses patronazgos cos que calquera pode sentirse identificado, pois a música é un fenómeno universal e cotián, presente en infinidade de ámbitos, parte fundamental de acontecementos e celebracións, así como unha das artes máis populares e accesibles. Dez coros da nosa cidade reuniámonos aquel mesmo día na Catedral de Santa María, lugar de secular vinculación coa música, para que a festa dos músicos non pasase en silencio. Outros moitos músicos, escolas e asociacións da provincia uníanse tamén a esta celebración.

Santa Icía é unha das santas máis celebradas e veneradas do ano litúrxico cristián, pois alcanzou por amor a Xesús a dobre palma da virxinidade e do martirio. Sabemos que foi unha nobre romana que viviu no século III, casada co nobre Valeriano, quen tamén abrazou a fe en Cristo. En tempos de dura persecución, os dous mozos foron condenados á morte polo prefecto de Roma, Turcio Alamacchio, por dar cristiá sepultura aos mártires cristiáns nas catacumbas. As súas actas martiriais, escritas algúns séculos despois, relátannos como durante o seu longo e cruel martirio, culminado o 22 de novembro de 230, Icía converteu a moitos dos que estaban detrás da súa execución, incluíndo ao notable Máximo.

A tradición -máis que a propia historia- converteu a Cecilia en patroa da música, pois o día da súa voda “mentres soaban os órganos”, cantaba no seu corazón “garda, Señor, o meu corazón e o meu corpo inmaculado, para que non me confunda”. Algunhas das máis belas representacións da arte pictórica e escultórica móstrannos a Icía rodeada de anxos, querubíns e serafíns, tanxendo instrumentos ou cantando as loas divinas. Na nosa Catedral Francisco de Moure representouna de maneira exquisita nun dos asentos do coro, a comezos do século XVII.

Santa Icía ensínanos que a música é un don de Deus. As artes, e quizais de maneira especial a música, son un reflexo -unha reverberación- da inefable beleza creada por Deus que o noso corazón soña. A música non é só un impacto estético, senón tamén unha linguaxe que nos axuda a comprender a grandeza e profundidade do noso corazón. Algún dos personaxes máis grandes da historia foron músicos, e nas súas composicións e interpretacións podemos recoñecer algunha das expresións máis profundas e xeniais do sentimento humano. Tamén a través do canto “oramos dúas veces”, como dicía San Agostiño, conmovidos porque Deus quixo facerse un de nós para a nosa salvación. Por iso cantar é unha verdadeira forma de pertencer á Igrexa.

Con ocasión da festa de Santa Icía pidamos máis e máis música, pois tamén da boa música nace a harmonía, a beleza, o gusto, o sentido e a certeza que tanto necesita o noso mundo.

Luis Varela Castiñeira

Cóengo da Catedral de Lugo

Deixa un comentario

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

A %d blogueros les gusta esto: