Advento nas cimas da desesperación

“Sur las cimes du désespoir” é o nome orixinal da obra do filósofo E. M. Ciorán cuxa primeira edición se publicou en España en 1991 baixo o título En las cimas de la desesperación (Tusquets Editores, Barcelona). No prefacio confesa o autor que escribilo foi para el unha especie de liberación, de explosión saudable. “De non escribilo, sen dúbida, poñería un final ás miñas noites”. Ciorán escribe moi ben e embelesa: “eu noto que debería morrer de vivir. Tan raro é ese sentimento, e tan estraño, que deberiamos vivilo berrando”. E engade: “Ignoro totalmente por que hai que facer algo nesta vida, por que debemos ter amigos e aspiracións, esperanzas e soños. Non sería mil veces preferible retirarse do mundo, lonxe de todo o que procrea o seu tumulto e as súas complicacións? (…) Illados, separados do mundo, todo vólvesenos inaccesible. A morte máis profunda, a verdadeira morte, é a morte causada pola soidade, cando até a luz convértese nun principio de morte. Intres semellantes afástannos da vida, do amor, dos sorrisos, dos amigos e mesmo da morte. Preguntámonos entón se existe algo máis que a nada do mundo e a nosa propia”.

O tedio, a náusea, alienado o ser por repetidas depresións, é un dos males do noso tempo. O informe do Observatorio do Suicidio en España 2021 publicado pola Fundación Española para a Prevención do Suicidio presenta datos alarmantes sobre a incidencia deste fenómeno: 4003 suicidios no ano 2021. Rexistrouse un aumento nos menores de 15 anos. Entre os 15 e 29 é a primeira causa de morte, superando ás mortes por accidentes de tráfico. Que nos está pasando? Como, por que e para que estamos a educar? Será verdade que hai experiencias ás que non se pode sobrevivir? Por que non retornar a experiencias máis gratificantes que son capaces de encher de sentido a vida e transcéndena?

A Igrexa celebra cada ano o misterio do amor máis grande encarnado na historia da humanidade. E lémbranos que, así como Cristo veu unha vez ao mundo, está disposto a volver en calquera momento para habitar na nosa existencia coa abundancia da súa graza se nós non lle poñemos barreiras. Toda a liturxia previa ao advento e a que precede ao Nadal, é un canto á esperanza, á reflexión sobre as cousas últimas e á necesidade de redescubrir a teoloxía da esperanza cuxas cuestións se estudan na disciplina teolóxica denominada Escatoloxía. Non son estas cuestións banais. É urxente repensar o verdadeiro sentido do escatolóxico na vida cotiá. Percibiuno con gran lucidez o filósofo e historiador alemán E. Troeltsch cando afirmaba que “as oficinas escatolóxicas están hoxe día as máis das veces pechadas porque as ideas en que se cimentaban perderon as súas raíces”. Pensadores como E. Bloch coa súa filosofía da esperanza (El principio esperanza, Trotta, 2007) e teólogos como J. Moltmann coa publicación das súas obras Teología de la Esperanza e El experimento esperanza (Sígueme, 1977) contribuíron a impulsar e a situar no centro das discusións filosóficas, teolóxicas e crítico culturais as cuestións relativas á esperanza e ao futuro.

No domingo primeiro de Advento comeza un tempo para restaurar a esperanza. Recomendar acudir ás celebracións da Igrexa católica probablemente non lle pareza ao lector nada moderno, pero é, con certeza, moi saudable e actual: “neste tempo lémbrase a primeira vinda do Fillo de Deus aos homes e agárdase, á vez, a súa segunda vinda ao final dos tempos” (elox. do Martiroloxio Romano)

Mario Vázquez Carballo

Vicario Xeral diocese de Lugo

Deixa un comentario

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

A %d blogueros les gusta esto: