A propósito do big bang

anton_negro A Ciencia e a Relixión para algúns non teñen nada que ver por entendelas totalmente diverxentes. Din que se alguén é relixioso non pode saber de Ciencia, xa que neses ambientes matinan que a Fe remite a un escurantismo trasnoitado e perdido no fondo da historia.

Frecuentemente nos medios de comunicación e nalgúns ámbitos sociais escoitamos falar da teoría do BIG BANG como a teoría científica que fai obsoleta e superflua a relixión, que fai inútil a Fe en Deus, a cal sería un estorbo para o desenvolvemento da Ciencia. Algúns conclúen que quen acepte o Big Bang non pode crer en Deus. Mesmo emprégase esta teoría científica para desacreditar á Igrexa Católica e dicir que se opón á Ciencia. Ó escoitar afirmacións deste tipo é fácil que a un se lle escape un certo sorriso, á vez que unha certa pena, ante os que manteñen posturas tan intransixentes.

Recordo o primeiro domingo de setembro de 2010. Ese día no diario El País viña un longo artigo sobre a Ciencia coa explicación da orixe do Universo, no que se aludía á tese do Big Bang e citábase ó autor desta teoría, Georges Lemaître. Visitei a casa duns amigos que estaban ausentes, pero alí estaba o fillo dun deles que cursara 3º de ESO.

Lendo o artigo no xornal pregunteille ó rapaz: “A ti dixéronche algunha vez no instituto que o autor da teoría do Big Bang era un Cura Católico?” Respondeume que non e engadinlle: “Nin nunca cho dirán!”. Pasados uns momentos veu o tío do rapaz, director dun CEIP, e o rapaz enseguida lle pregunta: “Tío, ti sabias que o autor da teoría do Big Bang era cura?” e este respondeulle: “Non, non o sabía”. Aí quedou a conversa, non sen certa satisfacción do rapaz por pillar ó seu tío no descoñecemento destas cuestións. Non esaxero, pero quen pense que esaxero que o comprobe el mesmo nos seus ambientes. Isto sucede por esa mentalidade politicamente correcta (!) que di que ser científico é ser ateo, pero os estudios sociolóxicos desmenten esta tese (Edvard Larson, Nature, 1997).

Georges Lemaître nace en Charleroi, Bélxica, o 7-VII-1894 e morre o 20-VI-1966 en Lovaina. Doutor en Físicas e Matemáticas foi ordenado sacerdote en 1923. Despois de estar en Cambridge e Harvard é nomeado profesor de Lovaina en 1925 e prosegue coas súas viaxes científicas, especialmente a Estados Unidos.

En 1927 publica o artigo no que expón a súa teoría do Universo en expansión, que contradí a tese de Einstein dun Universo estable. A continuación vai falar persoalmente con Einstein (1927), que si lera o seu artigo, e con Sitter (1928). Non lle empezan os recoñecementos ata 1930 cando Eddington nunha conferencia na Real Sociedade Astronómica de Londres (10-V-30) informa da “contribución decididamente orixinal e avanzada pola brillante solución Lemaître”, que é “unha resposta asombrosamente completa ós diversos problemas que xeran as cosmogonías de Einstein e Sitter”. Este último recoñece o traballo de Lemaître o 19-V-1930.

O 9-V-1931 Lemaître publica en “Nature” sobre o átomo primitivo co título, “O comezo do mundo dende o punto de vista da teoría cuántica”. Segue publicando artigos e o libro, “A hipótese do átomo primitivo”.

En Alemaña no 1933 sobe Hitler ó poder e Einstein renuncia a nacionalidade  alemá. Lemaître organízalle a Einstein varios seminarios en Bélxica. Un día Einstein anuncia que a conferencia seguinte (17 de maio) a daría Lemaître, onde lle recoñece a súa aportación científica e di que é a persoa que mellor entendera a súa teoría da relatividade. Hai fotos dos dous xuntos.

lemaitre

Lemaître é un cura de gran prestixio científico coma outros varios, entre eles ten prestixio o seu contemporáneo, cura da diocese lucense, D. Ramón María Aller (18781966), do que falaba no artigo anterior sen citar o seu nome.

Para rematar, unhas sabias verbas de Lemaître: “O científico cristián debe dominar e aplicar con sagacidade a técnica especial adecuada ó seu problema. Ten os mesmos medios co seu colega non crente. Tamén ten a mesma liberdade de espírito, ó menos SE A IDEA QUE SE FAI DAS VERDADES RELIXIOSAS ESTÁ Á ALTURA DA SÚA FORMACIÓN CIENTÍFICA…”

Antón Negro

Deixa un comentario

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

A %d blogueros les gusta esto: