Acaso debemos algo ós inmigrantes?

001

Ante o tema dos inmigrantes é fácil atoparse con posturas emocionais e impulsivas,  pero o adecuado é procurar actitudes xustas e sensatas.

Este artigo non é para distinguir os conceptos de inmigrante e refuxiado, porque todos se ven obrigados a saír do país sexa por guerra, persecución relixiosa ou política e ideolóxica, racismo, fame, miseria, catástrofe ecolóxica… Tampouco se vai analizar o feito de que a Unión Europea precisa 52 millóns de inmigrantes antes de 2060, segundo informe da Comisión da UE sobre política común de emigración do 17/06/08, se quere manter o nivel de protección social, especialmente as pensións, e non baixar o crecemento económico. Nin hai espazo para valorar as consecuencias positivas que poidan seguirse da mestizaxe cultural e xenética.

O obxectivo do escrito non é para explicar os dereitos que a Declaración Universal de Dereitos Humanos da ONU concede ós inmigrantes e refuxiados, como tamén llelos conceden outros convenios internacionais.

Simplemente imos a botar unha ollada parcial o tema da economía formulando o seguinte problema:

A) O posto escolar en España no ensino obrigatorio público costaba 5231 € anuais en 2013, segundo datos do Ministerio publicados na prensa o 28/02/16. En España no censo hai uns 5 millóns de inmigrantes. O ensino obrigatorio español consta de 13 cursos (3 de infantil, 6 de primaria e 4 de secundaria obrigatoria). Un inmigrante vén de adulto para traballar xa e non se ten que costear a súa estancia escolar. Por tanto, cantos euros en total lles deberíamos os españois ós países de onde veñen os inmigrantes? Ademais é certo que o migrante empobrece ó país de onde sae e enriquece no que entra.

B) A estes custos teríamos que engadir outros como son os sanitarios. Imos logo calculalos segundo esta valoración: A Seguridade Social inviste 1.500 € anuais nos primeiros cinco anos de vida, que baixaría a 500 dos 6 ós 18 anos. Por tanto, a canto subiría a débeda dos gastos sanitarios ós inmigrantes? E a canto ascende a suma dos gastos escolares e sanitarios?

Outro capítulo sería indagar no custo que supoñen os coidados maternos e familiares nos primeiros anos de vida.

Tamén está a súa contribución a mellora da produtividade no país. Igualmente habería que valorar o que gastan menos per cápita no uso do Sistema Nacional de Saúde, xa que veñen os máis sans e fortes, e xeralmente cobran menos de xubilación e ás veces nin a cobran.

Resolvendo estes problemas na escola os rapaces aprenderían xunto coas matemáticas a coñecer un pouco mellor a nosa realidade socio-histórica e terían unha máis adecuada valoración do seu país e do mundo.

No eido económico aínda quedan fóra cuestións relacionadas coa inmigración como a apertura de novos mercados, a saída de diñeiro do país, o desenvolvemento do transporte e das redes internacionais, o valor económico da imaxe do país, etc.

Dito todo isto espero que axude algo a aclararnos no tema de ¿quen debe a quen? cando falamos acerca do tema dos inmigrantes. Isto debería completarse cunha reflexión ética, á que facía referencia no artigo “Todos Somos Migrantes”.

Antón Negro

Deixa un comentario

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

A %d blogueros les gusta esto: