Agora, máis ca nunca, traballo decente

A estas alturas aínda hai quen cre que a Igrexa non ten que meterse en leas co traballo, porque din que a súa espiritualidade está baseada en seguir uns ritos nos que nin se celebra a vida, nin están presentes os sufrimentos dos irmáns aos que dicimos amar. E hai outros que a queren excluír, porque din que está ancorada en hai 80 anos e vena como unha xerarquía unida ao poder; unha Igrexa que non coñecen e que xa pasou aos libros.

Pero na realidade bíblica vemos como Xesús escoitaba os problemas da xente, e o seu amor facía que se compadecese dela e axudábaa. Denunciou aos causantes deses sufrimentos e por iso chegou a ser moi incómodo. A súa morte na cruz e a mostra de todo isto.

Hoxe hai moitas situacións de inxustiza e explotación. E algunhas danse no mundo do traballo, que é uns dos lugares onde deberiamos desenvolvernos como persoas, onde pór os nosos dons ao servizo dos demais e onde conseguir o noso sustento para unha vida plena. Algo básico, pero non se dá para moitos.

Non me estendo nestas situacións porque as escoitamos todos os días e non teño espazo, pero, por exemplo, aproveitámonos dos inmigrantes para traballos que poucos queren e son mal pagos. A pandemia esnaquiza un sistema baseado no beneficio como máxima, deixando centos de miles de parados. Cambiaremos o sistema para que isto non ocorra?

O Papa Francisco, en Fratelli Tutti di: “As capacidades dos empresarios son un don de Deus que deben orientarse ao desenvolvemento das persoas, á superación da miseria, creando fontes de traballo diversificadas. Anhelamos un planeta que asegure terra, teito e traballo para todos. Axudar aos pobres con diñeiro é algo provisorio para urxencias. O obxectivo é permitirlles unha vida digna a través do traballo”. “A política debe lograr unha sociedade que asegure a cada un achegar as súas capacidades e esforzo para gañar o pan, para o seu crecemento persoal, relacionarse sanamente, expresarse, compartir dons,…”. E denuncia: “Hoxe atopámonos cunha especulación financeira que causa estragos”. E é que as mercadorías e o diñeiro circulan libremente pero non as persoas. Coa explotación de millóns de persoas e do medio ambiente podemos ter bens a baixo prezo e uns poucos enriquécense sen medida.

A Igrexa, desde o século XIX, ten experiencias de traballo e industria cristiá. En Lugo están as Josefinas, fundadas por Bonifacia e Butiñá, que crearon talleres téxtiles para mulleres en risco de exclusión (antes dicíase: “de perderse”). Nesa era de industrialización, Butiñá viu necesaria unha industria cristiá, baseada nuns valores. E hoxe en día, por exemplo, xa hai a Economía Alternativa e Solidaria. É difícil ser emprendedor hoxe, pero necesitamos empresarios que creen traballos adaptados a esta nova época. Persoas creativas que queiran crear felicidade na súa contorna e baseada nuns valores que creen unha sociedade digna.

Solto estas preguntas: Aprovéitanse do teu traballo? Aprovéitaste da suor do de en fronte? Que podes facer para aumentar a calidade do traballo no mundo? Coñeces propostas persoais e comunitarias que a aumentan e que sexan transformadoras? Es consciente de por que traballas? Fas o teu traballo con e por Amor, para prestar un servizo?

Desde “Igrexa por un Traballo Decente” (Cáritas, CONFER; HOAC, JOC, JuanSoñador e Taller de Solidariedade), pedimos un traballo digno para todos e protección social para os que non poden acceder a el.

Ningún mozo, persoa, nin familia sen Traballo Decente. Todos temos dereito a un traballo digno para gañar o pan e desenvolvernos como persoas.

Gerardo Castedo

Plataforma Igrexa por un Traballo Decente

Deixa un comentario

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

A %d blogueros les gusta esto: