A Pascua é vida

A presenza de Xesús era garantía para os Apóstolos, como o era a presenza Moisés para os israelitas. Cando Moisés faltou, fabricaron o Becerro de Ouro… Fatal solución! Nin a forza libera, nin a riqueza salva. Pero “Por que buscades entre os mortos, ao que vive?”. “Convosco está e non o coñecedes”.

Todo o que Xesús era antes da súa morte, non se perdeu tras a súa agonía na cruz. Moi ao contrario, coa resurrección, enriqueceuse a vida de Xesús. A vida que agora ten, é dunha calidade moi superior á que entregara o Venres Santo. É unha vida pos-pascual, como consecuencia de pasar deste mundo ao Pai. E esta vida pos-pascual debe vivificar ao Cristo total; debe estenderse a todos nós, membros do seu corpo místico. O propio Xesús explícanolo coa alegoría da vide. Cristo é a vide rebosante de vida, capaz de vitalizar a todos os sarmentos. Para iso é necesario que se manteñan unidos a El. Arrincados da cepa, os sarmentos morren, e só serven para ser botados ao lume. A vide e os sarmentos non se ignoran mutuamente: son membros dun mesmo talo. A savia non brota dos sarmentos: recíbena da vide. Pero a vida é a mesma na cepa e nas pólas. Os sarmentos non dan froito se se separan da vide. A vide chea de vida, comunica a súa savia aos sarmentos que están unidos a ela. Os sarmentos son unha mesma realidade coa vide.

Este é tamén o noso caso e “a nosa alegría”. Cristo prolonga a súa mesma vida, toda a forza do seu amor, e toda a vitalidade do seu Espírito, a condición de que nós nos manteñamos enxertados nel.

Este é o gran desexo de Xesús, manifestado nos discursos da Última Cea.

El quere introducirnos na súa propia vida trinitaria. “A gloria que ti me deches, déillela a eles” (Xn. 17,22). Quere que nos alimentemos do mesmo amor. El mesmo en persoa quere morar en nós.

Cristo non se contenta con que sexamos cristiáns; con que pensemos como El, con que sintamos como El. Quere que sexamos “un con El”. Dio moi ben San Agostiño: “Somos Cristo”. “Non son eu, é Cristo quen vive en min” (Gal. 2,20) Somos Cristo, “por participación”, que dirá San Juan de la Cruz, para non caer nun panteísmo.

Somos Cristo. A vide enche de vida os sarmentos. Unha mesma vida. Unha mesma realidade. Cristo prolonga en ti a súa mesma vida, pola graza santificante; prolonga en ti, toda a forza do seu amor, e toda a vitalidade do seu Espírito. Es Cristo. Fíxate no que isto entraña de dignidade. Recoñece, cristián, a túa dignidade, e obra en consecuencia, porque “dignidade obriga”

Indalecio Gómez

Cóengo da Catedral

[Artículo en castellano]

Deixa un comentario

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

A %d blogueros les gusta esto: