Peregrinación a Santiago de presos, funcionarios e voluntarios

A Pastoral Penal organiza unha peregrinación polo Camiño de Santiago de máis de dous centenares de persoas de 13 prisións de España. Do cárcere lugués de Bonxe iniciaron o 2 de outubro a súa peregrinación 9 presos, 5 funcionarios e 2 voluntarios, despois de que na Catedral o capelán José Río Ramilo lles impartise a bendición do peregrino.

Nos últimos anos lévase a cabo no comezo do outono. Así, neste 2024 o 5 de outubro, despois de facer durante varios días algunha das rutas xacobeas, conflúen no Monte do Gozo 240 persoas, entre presos, funcionarios e voluntarios para facer o último tramo, ata Compostela, onde se participará na Misa do Peregrino e posteriormente no Seminario algúns dos peregrinos comunicarán a súa experiencia. Nesta xornada final tamén estará presente o Subdirector Xeral de Institucións Penais.

Ademais de Bonxe, os centros de reclusión que participan son: Mallorca, Puerto 3 (El Puerto de Santa María), Pereiro de Aguiar (Ourense), Morón de la Frontera, Jaén, Burgos, Pamplona, Córdoba, Teixeiro (A Coruña), Soto del Real, Botafuegos (Algeciras) e A Lama (Pontevedra).

Camiñar en confianza

Iniciamos xa un novo curso pastoral subidos á barca con Cristo! Sopra o vento. Braman as tormentas. Pésanos o sono. Pero nós, con El, abrimos a nova ruta do ano con ánimo e confianza. Sen medo ás furiosas ondas, impulsados co seu vento recio, facemos a travesía con El.

Sementar, e sementar ben, é a nosa misión. Sementar paz aos corazóns, proximidade ao sufrinte, ao descrido sementarlle a chamada ao coñecemento eucarístico, ao veciño a fidelidade da fe e así unilo a Cristo.

“A nosa vida espiritual vale o que vale a nosa piedade eucarística, a nosa vida eucarística” (Pablo Dominguez Prieto: Hasta la cumbre – Testimonio espiritual). Debemos telo claro. A vida espiritual é unha interacción entre obras e contemplación; no centro sempre Cristo, a quen contemplamos e seguimos. A vida cristiá nace e aliméntase da eucaristía. Ela é a onda forte que planifica o corazón.

Afacémonos con demasiada frecuencia até ás cousas santas. Pero miremos aos grandes místicos que celebramos neste mes, Teresa de Lisieux, Teresa de Ávila, Xoán Paulo ll… para quen a eucaristía, como encontro e misión, impregnaba a súa vida. Ser fundamentalmente contemplativo e activo debe xerar en cada un, como xerou neles, unha constante actitude de compromiso, gratitude e vitalidade.

Unámonos todos en común oración un curso máis. E comecemos sen desánimo. En esperanza e con esperanza. “A esperanza non decepciona”, estimúlanos o papa Francisco para o Xubileu do ano 2025.

Daniel García

Párroco de San Lourenzo de Albeiros e San Xosé das Gándaras

Xornada de formación en Monforte

En Monforte de Lemos xa está elaborado o Programa de Formación 2024-2025 e antes de levalo a cabo a partir de novembro, o 28 de setembro na Casa Sacerdotal monfortina celebrouse unha xornada baixo o título “Darlle un sentido á vida”, con participación de María Ángeles Noblejas y de Antonio Saá. Este último comezou considerando moi difícil estar medianamente informado “só cos medios tradicionais de xornais e televisión, pola súa información tan parcial que non permite orientarse se a persoa non sae de aí e busca na internet”. Busca que nas redes tamén se debe facer con coidado.

Para Antonio Saá, ao final acaba sabéndose case todo en informes e en xornais. Meses despois de publicar algo que non respondía á realidade, desméntese pero moitas veces en artigos de pago ou en xornais mesmo que son totalmente de pago. Se ti critica este proceder, escúdanse en que publicaron a rectificación, si, pero claro, de pago e aos tres meses. Iso eu xa mo atopou, por exemplo, en informes de, eses que nunca pasa nada, pero aquí

Puxo como exemplo Antonio Saá que en España, sobre todo en plantas de procesados de residuos, houbo varios accidentes nucleares o suficientemente grandes como para que os detectasen en Francia. Segundo a información inicial, non pasa nada, está todo controlado, os filtros e as alarmas funcionaron ben, pero o informe de varios meses despois dá a verdadeira magnitude. Ese informe sobre a realidade publícase, pero varios meses despois e en sitios onde non accede a maioría da xente.

Moitos exemplos sobre desinformación que puxo Antonio Saá referíronse á guerra de Ucraína.

Celebración das Xornadas Europeas de Patrimonio

En España, as Xornadas Europeas de Patrimonio celébranse en distintos momentos de setembro – novembro.

En Galicia os días 27 e 28 de setembro hai visitas guiadas por cidades atravesadas por algunha ruta xacobea e invítase a visitar igrexas situadas en camiños de Santiago. Así, no Camiño Francés, os peregrinos e visitantes poderán gozar do patrimonio das igrexas de Santa María a Real de Pedrafita do Cebreiro, Santa Mariña de Sarria, San Nicolás e Santa María de Castromaior de Portomarín  e Santiago de Ligonde de Monterroso.

No Camiño Primitivo, os templos implicados nas Xornadas son os de Santa María da Fonsagrada, Santo Tomé de Souto de Torres de Castroverde; Santa María de Bascuas, San Lázaro da Ponte e Santa Eulalia de Bóveda, todas elas en Lugo e San Salvador de Merlán, en Palas de Rei.

As igrexas do Camiño Norte son San Paio de Seixón e Santiago de Miraz de Friol, mentres que no Camiño de Inverno son as de San Miguel de Montefurado de Quiroga; San Clodio de Ribas de Sil; San Pedro de Cereixa da Pobra do Brollón; San Salvador de Moreda de Monforte de Lemos e San Xiao de Pedroso de Rodeiro. O templo da Vía da Prata é Salvador do Castro de Dozón.

É unha proposta que leva a cabo a Xunta de Galicia que, na súa condición de institución que preside durante este ano a Federación Europea do Camiño de Santiago, organiza estes actos sobre o patrimonio vencellado á ruta xacobea.

Pola súa parte, a Delegación de Patrimonio de Diocese de Lugo, en colaboración coa Unidade Pastoral de Melide, Toques e Santiso, organiza o sábado 19 de outubro unha ruta en Melide desde a capela de San Roque até Santa María.

Presentación dun libro de Alberta Lorenzo sobre mosteiros bieitos do Condado de Pallares

 

A Asociación de Amigos do Mosteiro de Ferreira de Pallares organiza o Certame de Investigación Condado de Pallares, que na súa undécima edición gañárao Alberta Lorenzo Lastres cun traballo sobre o traslado dos templos románicos. No ano 2022 volveu gañar o Certame, e nesa ocasión abordara como eran os templos románicos no conxunto dos mosteiros femininos. Este último traballo acaba de ser publicado co título A arquitectura feminina do Condado de Pallares: os mosteiros bieitos desaparecidos e preséntase o venres, 27 de setembro, ás 19:30 h no Cuartel Vello de Taboada.

A doutora en Arquitectura pola Universidade da Coruña Alberta Lorenzo ten publicacións sobre a Vía da Prata, o Camiño Portugués, os cruceiros de Betanzos e Sanxenxo. E na revista Lvcensia (nº 63) o artigo “A arquitectura escolar da emigración no concello de Xermade”.

A %d blogueros les gusta esto: