Cáritas Lugo presenta a campaña Caridade 2019

O 12 de xuño Cáritas Diocesana de Lugo presentou a súa campaña Caridade 2019.

O Director de Cáritas Lugo Ginés Plaza resumiu o VIII Informe Foessa que se presentaba precisamente ese día en toda España, achegando, entre outros, os seguintes datos: o 21% de todos os fogares españois con menores atópanse en exclusión social e unha muller necesita traballar 1,5 horas máis cada día para gañar o mesmo que un home. E polo que respecta ao labor de Cáritas Lugo durante o ano 2018, Ginés sinalou que foron un total de 5.309 as persoas atendidas e que se articularon 34.261 respostas, a maioría -23.818- en axudas e servizos e tamén asesoramento (5.047), acollida (1300)… 

O Delegado Episcopal de Cáritas, Antón Negro, comentou o lema “Pon en marcha o teu compromiso para mellorar o mundo”, dicindo que ninguén pode substituír a un mesmo na responsabilidade para cos demais. Fronte ao individualismo, hai que valorar os conceptos de pobo, comunidade, grupo humano.

Pola súa parte, a secretaria xeral de Cáritas Lugo Mónica Yáñez informou dos actos previstos:

O mércores 19 de xuño ás 20 horas no Salón Rexio do Circulo das Artes de Lugo pronuncia o Pregón da Caridade 2019 o Catedrático de Física Teórica, ex reitor da Universidade de Santiago de Compostela, Carlos Pajares Vales. O título do pregón é “El Amor sigue no muere”.

O xoves 20 de xuño dende as 10:30 da mañá ata as 13:30 do mediodía, haberá en Lugo e Monforte, mesas para recoller donativos, atendidas por persoas voluntarias.

Ás 18:00 no salón de actos do Seminario acto da campaña educativa no que se entregarán os diplomas e agasallos aos nenos participantes. A continuación, o Servizo de Infancia e Xuventude de Cáritas Diocesana de Lugo organiza actividades para os nenos.

O domingo 23 de xuño, Corpus Christi, dende as 10:30 da mañá ata as 14:00 horas, haberá en Sarria, Melide, Silleda e Lalín mesas para recoller donativos, atendidas por persoas voluntarias. Colectas nas misas de toda a Igrexa Diocesana.

Deixa un comentario

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

A %d blogueros les gusta esto: