O Movemento Obreiro e a Igrexa

Repítese mecanicamente que o Movemento Obreiro (MO) naceu á marxe da Igrexa e mesmo contra ela. Esa opinión é sostida en xeral nos diversos medios, pero a realidade é máis plural e complicada, como espero poñer de manifesto.

É certo que se un pensa que o primeiro sindicato que se funda en España é a UXT, entón só pode concluír que o MO en España empeza en 1888, cando se celebra en Barcelona o seu congreso constituínte (12-14 agosto), aínda que os seus prolegómenos estarían na folga da Asociación da Arte de Imprimir de febreiro de 1882, pola que encadean a Paulo Iglesias e toda a xunta directiva.

Anteriormente organízase en España a AIT (Asociación Internacional de Traballadores fundada en Londres en 1864) a partir da visita de G. Faneli a Barcelona e Madrid en novembro de 1868. Nela xoga un papel destacado Anselmo Lorenzo (Ver o seu libro El Proletariado Militante). Anselmo xunto con Mora e Morago esténdena a Portugal (1871).

Non obstante as primeiras asociacións obreiras de España son a Sociedade de Teceláns do Algodón, que era un sindicato con máis de 8000 afiliados en Barcelona, e a Asociación Mutua de Teceláns de Barcelona que era a paralela asociación benéfica para afrontar problemas de previsión social. Este sindicato busca defender a dignidade do traballador, non usar tecidos estranxeiros e impedir o traballo obreiro por un salario inferior ó fixado. Faríase folga en caso de non acadar ese salario.

Estas sociedades celebran os seus aniversarios na igrexa parroquial de Santa María do Mar, un templo de grande beleza. Celébrano cun solemne Te Deum con predicador (1841, 42, 43). Para mostra citamos este texto da convocatoria:

Consocios e compañeiros: antes do dez de maio do ano pasado xacíamos en completa abxección, arrastrando unha ominosa cadea cuxos elos labraron a cobiza dos fabricantes, auxiliados polo despotismo: xemíamos de miseria, e xemían as nosas familias invocando o auxilio do ceo contra tanta humillación, xa que non nos era dado dirixirnos aos homes cando castigaban ata os lamentos do desvalido. Escoitou os nosos clamores o Deus das misericordias e permitiu que, -na pragada sociedade española, unha revolución, a sombra da cal nos levantamos ousados-, secundara cos nosos febles esforzos a grande obra da rexeneración social…

Compañeiros: achégase o primeiro aniversario de aquel memorable día. Os representantes da Asociación invitámosvos a todos, con fervor e entusiasmo, para que concorrades a celebralo. Imos todos prostrarnos ante as aras dese Deus, protector dos pobres…”

Xa dende o primeiro ano tiveron problemas coa legalidade e sobre todo a partir de 1844 tiveron que vivir basicamente na clandestinidade.

É un feito incuestionable que os sindicatos e o MO apareceron na humanidade nos países de tradición cristiá, porque este contexto cultural-relixioso o fixo posible, non así outros contextos. (Miguel Ángel Pizarro, Lo Cristiano y los Cristianos en los Orígenes del Movimiento Obrero).

Como dato anecdótico posterior temos que na folga revolucionaria de 1934 en San Miguel de Bembibre os obreiros e sindicalistas fixeron unha barricada para enfrontarse a tiros coas forzas da orde, dirixidas polo capitán Rodríguez Lozano, entre outros. Trouxeron da igrexa a imaxe do Sagrado Corazón co seu manto vermello para a barricada e puxéronlle o letreiro: “A Ti defendémoste porque es dos nosos”.

Por outra parte, se ollamos á época Franquista, teríamos que recoñecer un papel fundamental na recuperación do MO e sindical ao Apostolado Obreiro como pode verse nestes feitos:

– Militantes da HOAC crean o primeiro bufete de avogados laboralistas de España en Santander.

– A primeira Comisión Obreira que deu orixe ao sindicato CCOO púxose en marcha na mina “A Camocha” de Asturias e está formada por un grupo de militantes da HOAC. Na primeira Comisión Obreira de Bizcaia de 8 membros, 7 eran militantes da HOAC. Daquela o Partido Comunista lanzara como organización sindical a OSO, e ante o seu fracaso buscaron facerse có control de CCOO.

– No final do franquismo, a UXT estaba falta de militantes. Para reactivar a organización buscáronos mediante a fusión-ruptura doutro sindicato promovido pola militancia apostólica obreira, a USO.

– Ademais de participar noutros sindicatos esta militancia apostólica creou a editorial ZYX.

Esta escolma de feitos coido que é suficiente para revisar o estereotipo de que o MO xurdiu contra a Igrexa ou que no Franquismo se reorganizou á marxe da Igrexa. Hai espazo para teses doutorais que repensen estas realidades, se hai atrevemento, valentía e rigor científico. Tamén nos queda á xente de Igrexa o reto de continuar na loita contra as explotacións e opresións de hoxe.

Antón Negro

Delegado Episcopal de Cáritas

Imaxe: Cathopic

Deixa un comentario

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

A %d blogueros les gusta esto: