Chamados a ser comunidade

Fai un par de semanas tiven a oportunidade de cumprir coa lectura do Príncipe de Nicolás Maquiavelo e o Breviario para políticos de Mazzarino.

Algúns poderán dicir que é literatura extemporánea, pero nada máis lonxe da realidade. Desde o seu bo coñecemento da psicoloxía humana légannos unhas obras que aínda que hoxe non son seguidas por príncipes, si son asimiladas devotamente polos nosos politicos e non poucos cristiáns. Deixándonos frases como esta: «O máis importante é aprender a ser ambiguo, a pronunciar discursos que poidan interpretarse tanto nun sentido como noutro para que ninguén poida resolver. Practicar a ambigüidade é a miúdo necesario. (…) Utiliza con habilidade o optativo, a anfiboloxía, a invocación oratoria, en resumo, todas as figuras retóricas tralas que ocultarse». Resulta que a contradición é o noso sinal de identidade se do que se falamos é de axudar a persoas privadas de liberdade.

Malia todas nosas homilías e programas de reinserción, hai colectivos que non somos capaces de aceptar, por iso é de agradecer, que este ano o lema do Día da Caridade sexa ‘Chamados a ser comunidade’. Os presos tamén forman parte da nosa comunidade, son persoas, unha boa parte dos que están nos nosos cárceres son cristiáns, moitos pais de familia… Unha boa parte dos que acabaron neste lugar xa foran excluídos antes da nosa comunidade cando non hai unha vivenda digna, un barrio con infraestruturas que posibiliten unha mellor convivencia, traballo, un teito baixo o cal formar unha familia…

Cantas veces nas escrituras lemos: Mateo 25, 36 «estaba espido, e vestístesme; enfermo, e visitástesme; na cadea, e viñestes a min». Romanos 12:15 «Gozádevos cos que se gozan e chorade cos que choran». Colosenses 4:18 «Eu, Paulo, escribo este saúdo coa miña propia man. Acordádevos das miñas cadeas. A graza sexa convosco». Hebreos 10:34 « A verdade é que vos compadeciades dos presos e aceptabades con alegría as confiscacións dos vosos bens, xa que tiñades ben aprendido que tendes un patrimonio ben mellor e duradeiro», algo francamente difícil.

Cando un preso sae do cárcere, tras cumprir condena, inicia o tortuoso camiño da reinserción para o cal, moitas veces, nin a sociedade nin el están preparados, a meta é obter as ferramentas necesarias para reintegrarse na sociedade, unha tarefa nada doado e que afecta a moitos, empezando polas vítimas do delito. Oxalá nunca nos resulte indiferente o sufrimento dos demais nin o daqueles que recibiron unha sanción por estar en conflito coa lei, por equivocarse, por non recibir un consello oportuno…

Jose Río Ramilo

Director do Secretariado Diocesano de Pastoral  Penal

Deixa un comentario

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

A %d blogueros les gusta esto: