IX Encontro interdiocesano de Pastoral Penal

Baixo o lema Outro cumprimento de pena é posible o 11 de marzo celebrouse o IX Encontro interdiocesano de Pastoral Penal na Casa de exercicios espirituais de Santiago, que presidiu Mons. Julián Barrio. Tamén estiveron presentes Mons. Fernando García Cadiñanos e Mons. Francisco José Prieto.

A mañá estivo adicada ao relatorio da ex-secretaria xeral de Institucións Penais, Mercedes Gallizo, que adicou parte da súa intervención a Concepción Arenal. Aínda que quedou o estereotipo de que Concepción Arenal era unha boa persoa, tamén foi unha gran intelectual. Neste último aspecto logrou que a transmisión das súas ideas chegase a un amplo número de persoas, non só a outros intelectuais.

En palabras de Clara Campoamor, “a fe católica de Concepción Arenal ten unha paixón polo ben do próximo” e a mesma Campoamor considera que foi no mundo penal onde mellor desenvolveu Arenal a súa obra.

Concepción Arenal foi pioneira na humanización da vida das prisións, sempre tendo en conta a dignidade da persoa. Tamén foi das primeiras persoas que analiza o contexto das persoas que cometen delictos, falando da fatalidade social. Mercedes Gallizo considera que a pesar do tempo pasado desde a época de Concepción Arenal, hai que lamentar que non haxa tanto cambio como debería no feito de que a maioría dos presos son persoas pobres.

No Encontro tamén se viron experiencias como as dos traballos en beneficio da comunidade (alternativa á entrada en prisión para delitos relacionados coa seguridade vial…) e a peregrinación polo Camiño de Santiago por parte de presos.

Encontro da pastoral penal de Galicia

O sábado 18 de xaneiro na Casa de Exercicios de Santiago de Compostela tivo lugar o VII Encontro interdiocesano de pastoral penal de Galicia. Este ano baixo o lema “Aprendendo a incluír” e coa asistencia do arcebispo compostelán Mons. Julián Barrio

A xornada iniciouse cun intre de oración e unhas palabras do bispo de Ourense Mons. Leonardo Lemos, para quen “non abonda que a Administración funcione ben, que funciona; os voluntarios acollen, acompañan, escoitan… Isto último é moi importante como paso previo ao diálogo”. Tamén sinalou que toda a dinámica xorde dos corazóns dos voluntarios tendo un punto de referencia: Xesucristo.

María Yela García encargouse dos relatorios “Ferramentas do Voluntariado de Pastoral Penal antes, durante e trala prisión”. Ela foi psicóloga do corpo superior de Institucións Penitenciarias e actualmente é Delegada da Pastoral Penal de Madrid. Nunha das súas intervencións, María Yela enumerou os puntos que identifican aos voluntarios da pastoral penal:

– Esperanza no cambio, ser axentes de perdón, de anuncio, axuda, gratuidade.

– Son testemuñas do encontro con Xesús

– Son o evanxeo que os demais coñecerán

– Non hai un encontro só entre dous senón entre tres: voluntario, persoa coa que está o voluntario (preso, vítima, familiar…) e Deus.

De esqda. á dta: Xoaquín Campo, María Yela, Mons. Julián Barrio e Mons. Leonardo Lemos

Encontro interdiocesano de pastoral penal

O sábado 18 de xaneiro na Casa de Exercicios de Santiago de Compostela ten lugar o VII Encontro interdiocesano de pastoral penal de Galicia. Este ano o lema é “Aprendendo a incluír”. O programa é o seguinte:

  • 10 h Acollida

  • 10:30 Oración

  • 10:45 h Primeiro relatorio: Ferramentas do Voluntariado de Pastoral Penal antes, durante e trala prisión (1ª parte), por María Yela García, psicóloga do corpo superior de Institucións Penitenciarias e Delegada da Pastoral Penal de Madrid.

  • 11: 50 h Descanso

  • 12: 15 h Segundo relatorio: Ferramentas do Voluntariado de Pastoral Penal antes, durante e despois da prisión (2ª parte), por María Yela García

  • 13:15 h Celebración eucarística

  • 14 h Xantar

  • 16 h Diálogo aberto coa relatora

  • 17 h Final da xornada

Poden inscribirse nesta xornada persoas vinculadas ou non ao labor pastoral penal; abonda con ter interese polo tema e contactar con José Río Ramilo no correo jrmil@hotmail.com

VI Encontro interdiocesano de Pastoral Penal

O día 6 de outubro na Casa de Exercicios de Santiago de Compostela hai un encontro de membros da pastoral penal de Galicia sobre “A Igrexa que evanxeliza o cárcere, signo de esperanza”. Intervén Florencio Roselló, mercedario e director do departamento de Pastoral Penal da Conferencia Episcopal Española.

Desde Lugo haberá un autobús para facilitar a asistencia a esta xornada aberta a todos os interesados en coñecer o mundo da prisión.

Máis información a través do correo electrónico  jrmil@hotmail.com

Charla sobre a necesidade da reinserción dos presos

 O martes 29 de maio no Centro Uxío Novoneyra de Lugo houbo unha charla sobre a reinserción social dos presos. Estivo a cargo do director do Secretariado Diocesano de Pastoral Penal, José Río Ramilo.

 Na exposición inicial desenvolveránse as seguintes ideas: Cómpre unha implicación, non só do penado, senón tamén da sociedade: familiares, veciños, amigos… A reinserción de persoas que teñen conflito coa lei é algo que a sociedade non pode desbotar, pois de non facerse suporía un coste. Igual que non se cuestiona o sistema educativo a pesar de que hai unha porcentaxe de fracaso escolar, tampouco se cuestionará o tratamento penal.

 A comunidade cristiá debe estar en primeira liña á hora de loitar por este ideal. Se vemos á persoa como algo sagrado, non podemos limitarnos a pedir prisión sen máis, pois non podemos perder a ilusión por seguir mellorando tanto no cárcere como á saída da mesma.

A %d blogueros les gusta esto: