Destino humano… ser residuo tóxico?

enciclicas

O pasado 18 de xuño presentábase en Roma unha encíclica do Papa Francisco que renova o debate arredor do tema ecolóxico e tamén o comportamento humano coa natureza, pero é prematuro concluír que vaia supoñer moitos cambios nas reflexións e comportamentos nas persoas e grupos sociais, pois non convén confundir os desexos coa realidade.

A mediados da primeira década deste século un grupo apostólico organizou un curso de fin de semana sobre o tema ecolóxico. Indo o curso bastante adiantado preguntóuselle ao profesor porque non facía referencia ás ensinanzas da Igrexa Católica neste tema, tendo en conta que a maioría dos cidadáns españois se declaran católicos.

Este descoñecía que nas encíclicas Sollicitudo rei socialis, de 1987, e Centesimus annus, de 1991, se tocaba o tema da ecoloxía. Tampouco coñecía a mensaxe ecoloxista para o Día da Paz, 1 de xaneiro de 1990, titulada `Paz con Deus creador, paz con toda a creación’, de San Xoán Paulo II. Para un ecoloxista comprometido realmente co tema, ignorar estas ensinanzas é especialmente grave… Pois aquí tiña un apoio para a causa e cando algún católico non fose receptivo á preocupación ecolóxica podía dicirlle que estaba contra as ensinanzas da súa Igrexa. Mesmo San Francisco de Asís é o patrón dos ecoloxistas.

Pouco despois o Papa Bieito XVI publicaba tamén unha mensaxe ecoloxista para o Día da Paz de 2010 co seguinte título: Se queres promover a paz, protexe a creación.

No remate da primeira década do século XXI o mesmo grupo apostólico organizou outro curso de ecoloxía. Nel, tendo en conta as preguntas clásicas, quen son?, de onde veño? e a onde vou?, preguntóúselle ao relator qué pasaba coa vida humana despois da morte. A resposta foi a seguinte: «O que pasa é que só queda un residuo tóxico».

Dende esa visión antropolóxica é moi difícil comprometer a alguén coa ecoloxía e o destino do planeta, pois se só vou ser un residuo tóxico, por que vou sacrificarme pola ecoloxía tanto con privacións coma con traballos? O máis normal é vivir dende a comodidade e o pracer ou a depresión. Se a resposta ao que pasa coa vida humana despois da morte é vivir onda o Creador, o coidado da natureza e colaborar co Creador nesta vida convértese nunha esixencia directa.

Despois da publicación desta encíclica e a súa presenza nos medios de comunicación é de esperar que tódólos ecoloxistas a lean, subliñen, estuden, etc. En caso contrario haberá que concluír que son pouco ecoloxistas ou que ignoran a realidade dun país que ‘se declara moi maioritariamente católico e que no mundo hai sobre 1.200 millóns de católicos. Dito doutra maneira, que un ecoloxista non coñeza o suficiente a encíclica Laudato si’ manifesta unha grande miopía ou un gran sectarismo, mesmo poden darse as dúas cousas conxuntamente. Como dicían os clásicos: a verdade é a verdade, o que está ben está ben, dígao Agamenón ou dígao o seu porqueiro.

Para rematar lembramos o que dixo a escritora canadense Naomi Klein: «Podo dicir, como unha feminista secular xudía, que tamén me fala a min» e… «Lede enteira a encíclica sen quedarvos en resumes».

Antón Negro

Delegado Episcopal de Cáritas

Deixa un comentario

A %d blogueros les gusta esto: