Primeiros actos do Tempo da Creación 2020

O martes 1 de setembro ás tres da tarde, celébrase unha oración interrelixiosa retransmitida por zoom. Un grupo diverso de líderes relixiosos de fala española e portuguesa dirixirán un servizo de oración no que se reflexionará sobre a responsabilidade compartida no coidado da nosa casa común.

Tamén o 1 de setembro ás 16 horas hai unha oración ecuménica en liña, na que miles de cristiáns están chamados a inaugurar este mes de mirar polo coidado da Casa Común e discernir en oración como Deus chámanos a reexaminar a nosa relación coa creación. A oración será guiada por mozas desde países Sudáfrica, India, Kenia, Reino Unido… Este servizo de oración axustarase á liturxia ecuménica que se atopa na Guía de Celebración del Tiempo de la Creación 2020 e ofrecerá un tempo para que os cristiáns consideren a relación integral entre o descanso para a creación de Deus e os estilos de vida ecolóxicos, económicos, sociais e políticos.

E o 2 de setembro ás 9 da mañá hai un webinar titulado «Unha transición xusta para Asia Pacífico e Oceanía». Nel, varias persoas da Igrexa católica nesa rexión falarán sobre os retos para a ecoloxía integral nesa parte do globo. O primeiro sera o sacerdote Joshtrom Isaac Kureethadam, un dos principais expertos de Laudato Si’, o arcebispo de Suva (Fiji), Peter Loy Chong, e o bispo auxiliar de Bombai (India), Allwyn D’Silva.

Tempo da creación, 1 de setembro – 4 de outubro

O Tempo da creación é un tempo para renovar xuntos a nosa relación co Creador e toda a creación a través do arrepentimento, a reparación e o gozo. 

Historia

En 1989, o patriarca ecuménico Dimitrios I dos ortodoxos, estableceu o 1 de setembro como a xornada de oración pola creación. Desde entón, anglicanos, luteranos, evanxélicos e cristiáns reformados acolleron este tempo como parte do seu calendario anual.

O Papa Francisco fixo oficial a cálida benvida da Igrexa católica ao Tempo da creación en 2015 e segundo palabras do Pontífice: “Este é o tempo para habituarnos de novo a rezar inmersos na natureza, para reflexionar sobre o noso estilo de vida, para emprender accións proféticas que orienten o planeta á vida, no canto de conducilo á morte”

Enfoque do Tempo da creación

Durante o Tempo da creación unímonos aos nosos irmáns da familia ecuménica en oración e acción pola nosa casa común.

Este ano, no medio das crises que sacudiron o noso mundo, comprendemos a urxente necesidade de sanar as nosas relacións coa creación e entre nós.

Datas importantes

O Tempo comeza o 1 de setembro, coa Xornada Mundial de Oración polo Coidado da Creación, e termina o 4 de outubro, na Festa de San Francisco de Asís, o santo patrón da ecoloxía amado por moitas denominacións cristiás. Ao longo deste mes de celebración, os cristiáns de todo o mundo uniranse para reparar e restaurar os lazos que nos sanan. E comprométense a formas radicalmente novas de vivir coa creación.

[Máis información]

Destino humano… ser residuo tóxico?

enciclicas

O pasado 18 de xuño presentábase en Roma unha encíclica do Papa Francisco que renova o debate arredor do tema ecolóxico e tamén o comportamento humano coa natureza, pero é prematuro concluír que vaia supoñer moitos cambios nas reflexións e comportamentos nas persoas e grupos sociais, pois non convén confundir os desexos coa realidade.

A mediados da primeira década deste século un grupo apostólico organizou un curso de fin de semana sobre o tema ecolóxico. Indo o curso bastante adiantado preguntóuselle ao profesor porque non facía referencia ás ensinanzas da Igrexa Católica neste tema, tendo en conta que a maioría dos cidadáns españois se declaran católicos.

Este descoñecía que nas encíclicas Sollicitudo rei socialis, de 1987, e Centesimus annus, de 1991, se tocaba o tema da ecoloxía. Tampouco coñecía a mensaxe ecoloxista para o Día da Paz, 1 de xaneiro de 1990, titulada `Paz con Deus creador, paz con toda a creación’, de San Xoán Paulo II. Para un ecoloxista comprometido realmente co tema, ignorar estas ensinanzas é especialmente grave… Pois aquí tiña un apoio para a causa e cando algún católico non fose receptivo á preocupación ecolóxica podía dicirlle que estaba contra as ensinanzas da súa Igrexa. Mesmo San Francisco de Asís é o patrón dos ecoloxistas.

Pouco despois o Papa Bieito XVI publicaba tamén unha mensaxe ecoloxista para o Día da Paz de 2010 co seguinte título: Se queres promover a paz, protexe a creación.

No remate da primeira década do século XXI o mesmo grupo apostólico organizou outro curso de ecoloxía. Nel, tendo en conta as preguntas clásicas, quen son?, de onde veño? e a onde vou?, preguntóúselle ao relator qué pasaba coa vida humana despois da morte. A resposta foi a seguinte: «O que pasa é que só queda un residuo tóxico».

Dende esa visión antropolóxica é moi difícil comprometer a alguén coa ecoloxía e o destino do planeta, pois se só vou ser un residuo tóxico, por que vou sacrificarme pola ecoloxía tanto con privacións coma con traballos? O máis normal é vivir dende a comodidade e o pracer ou a depresión. Se a resposta ao que pasa coa vida humana despois da morte é vivir onda o Creador, o coidado da natureza e colaborar co Creador nesta vida convértese nunha esixencia directa.

Despois da publicación desta encíclica e a súa presenza nos medios de comunicación é de esperar que tódólos ecoloxistas a lean, subliñen, estuden, etc. En caso contrario haberá que concluír que son pouco ecoloxistas ou que ignoran a realidade dun país que ‘se declara moi maioritariamente católico e que no mundo hai sobre 1.200 millóns de católicos. Dito doutra maneira, que un ecoloxista non coñeza o suficiente a encíclica Laudato si’ manifesta unha grande miopía ou un gran sectarismo, mesmo poden darse as dúas cousas conxuntamente. Como dicían os clásicos: a verdade é a verdade, o que está ben está ben, dígao Agamenón ou dígao o seu porqueiro.

Para rematar lembramos o que dixo a escritora canadense Naomi Klein: «Podo dicir, como unha feminista secular xudía, que tamén me fala a min» e… «Lede enteira a encíclica sen quedarvos en resumes».

Antón Negro

Delegado Episcopal de Cáritas

Apuntes sobre a nova encíclica do Papa Francisco

laudato si

O pasado xoves 18 de xuño dábase a coñecer para o mundo, a nova Encíclica do Papa Francisco. Invito, desde estas páxinas, a unha primeira lectura, coa convicción de que realmente vale a pena. É evidente, que a Igrexa, chamada a construír un mundo mellor a través da civilización e da cultura que emana do Evanxeo, non pode afastarse do gran obxectivo que a Encíclica propón: unha ecoloxía integral. Pódese afirmar que este é o paradigma que articula toda a Encíclica entrelazando as relacións fundamentais da persoa: con Deus, consigo mesmo, cos demais seres humanos e coa creación.

Estamos pois, ante un documento de gran valor universal, escrito para as persoas de boa vontade (católicos, membros doutras relixións, e cidadáns en xeral) que levan no seu corazón a ilusión por deixar no universo, pegadas de verdade, de ben e de beleza.

A Encíclica toma o seu nome do Cántico das creaturas de San Francisco de Asís que loa ao seu Señor desde a fonda experiencia de fe no Creador (“O Evanxeo da Creación”, capítulo II). Desde esta experiencia, recórdasenos que a terra, a nosa casa común, “é tamén como unha irmá coa que compartimos a existencia, e como unha nai fermosa que nos acolle entre os seus brazos”. Nós mesmos somos terra (Xn 2, 7); o noso propio corpo está formado por elementos do planeta, o seu aire dános alento e a súa auga vivifícanos e restáuranos.

Unha mirada observadora da realidade leva ao Papa Francisco a poder afirmar, con dor, que a terra está maltratada e saqueada e os seus xemidos únense aos de todos os pobres e abandonados do mundo. Unha afirmación común dos teólogos da liberación é que se a terra morre, morremos todos. O Papa asume esta tese. Por iso, é esencial aprender a coidar con agarimo á Nai (A Gaia, en expresión de J. Lovelok) a partir dunha radical conversión ecolóxica, asumindo a urxencia e a fermosura do desafío que se nos presenta ante o coidado da casa común.

Infinidade de temas para a reflexión e para a conversión ofrécensenos aquí dun xeito sinxelo e profundo: O que lle está pasando á nosa casa (a auga, a perda da biodiversidade, o deterioro da calidade de vida, a inequidade planetaria…). No cap. II, ao que xa fixen referencia, ofrécesenos a luz da fe desde a perspectiva ecolóxica, a sabedoría dos relatos bíblicos, a harmonía de todo o creado, a necesidade da comuñón universal que brota do misterio de Deus como misterio de comuñón, etc. Ofrécense, ademais, liñas de orientación e acción, así como unha proposta educativa desde a espiritualidade ecolóxica.

Apostar por outro estilo de vida, vivir desde o silencio e a vida contemplativa transformando a realidade con sentido, e orar, si, xa que a Encíclica péchase co texto de dúas fermosas pregarias, unha para compartir con outros crentes e outra específicamente cristiá. Unha nova ocasión para o diálogo e o crecemento persoal e comunitario. Laudato si.

Mario Vázquez Carballo

Vicario Xeral

A %d blogueros les gusta esto: